30/10/12

Cúmprense 10 anos sen ningún novo parque natural galego

Este ano cumpriuse unha década sen que a Xunta de Galicia, organismo depositario desta competencia, declare ningún novo Parque Natural na nosa comunidade.

Naquela altura do 2002, o DOG informou que o Conselleiro de Medio Ambiente, José Carlos del Álamo Jiménez, estabeleciu un réxime xurídico especial para o espacio denominado Serra da Enciña da Lastra, mediante a súa declaración como parque natural.. Noutras palabras, declarou o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. O precioso espazo natural fronteirizo sito en Rubiá (Ourense), que atendendo a lenda debe o seu nome a unha enorme enciña que serviría de guía aos camiñantes, convertíase asi no sexto -e ata hoxe último- Parque Natural galego.

Carlos del Álamo
Neste tempo moitas cousas cambiaron. 3 presidentes pasaron pola Xunta e moitos máis conselleiros sen que ningunha outra zona de interese medioambiental da nosa xeografía fose atendida mediante o emprego da figura de protección máis coñecida e recoñecida das que existen, ademais de ser das poucas que obrigan a comprometer un orzamento anual. Mentras tanto, a Rede Natura 2000 espallábase ás súas anchas, impoñéndose por decreto nas principais áreas naturais do noso País. Pero isto non significou ningunha mellora fóra do papel. Aínda hai poucas semanas o alcalde de Carnota, Ramón Noceda, expresábao con contundencia: "Na Rede Natura os veciños non poden decidir nin opinar sobre o que se pode facer ou non nos espazos naturais". Pola contra, Noceda valoraba que a declaración do Parque Natural "non suporá máis restriccións para os veciños senón ao contrario: permitirá consensuar entre todos os sectores os usos que debe ou non debe ter o Monte Pindo".

Carnota é o segundo concello costeiro galego con máis superficie protexida, cun impresionante 42% da superficie total do municipio. Mais efectivamente esta protección trouxo poucas ou ningunha vantaxe e si moitas trabas tanto para a administración local coma para os veciños á hora de sacar adiante proxectos e mesmo para continuar cos aproveitamentos que tradicionalmente se viñan desenvolvendo neses espazos. Esta é precisamente unha situación que se pretende invertir coa declaración do Monte Pindo como Parque Natural, unha figura que si obriga a investimentos reais e a constituir órganos de diálogo e consulta con todas as partes, dando prioridade máxima tanto á sociedade civil coma ao tecido económico que deben ser os primeiros beneficiarios desa protección.

A consigna é clara: En Carnota, e na Costa da Morte, temos un medio ambiente privilexiado e temos que protexelo, pero esta protección debe repercutir positivamente nas vidas dos seus veciños, na creación de emprego e na fixación poboacional. E un Parque Natural do Monte Pindo ben xestionado do que todos e todas nos sintamos partícipes e beneficiarios é o camiño para logralo.

26/10/12

Os nomes do monte sacro dos nosos antergos

A toponimia do Olimpo Celta, á vez que riquísima e espectacular, constitúe un dos maiores debates abertos na actualidade en torno a este monte. A tradición oral e as abondosas referencias literarias que conservamos permítennos chamarlle ao macizo carnotán de múltiples formas, case todas igual de lexítimas. Porén, uns poucos son os nomes que como norma xeral se empregan para ubicar esta fermosa serra nos mapas xeográficos. Sen pretender pasar esta reflexión por un tratado irrefutábel, coa humildade que se lle debe presumir ao noso colectivo e coas portas abertas a toda achega dos nosos visitantes mesmo para identificar erros nesta visión, imos tentar explicar de onde proceden.

Monte Pindo
Este é sen dúbida o nome máis empregado para este macizo, e a historia, tradición oral e literaria avala esta denominación como a máis antiga da que teñamos constancia fidedigna.
A primeira referencia documental clara e incuestionábel parece saír da pluma do Padre Sarmiento, que no ano 1745 describiu o macizo na súa obra «Viaxe a Galicia» referíndose sempre e inequívocamente a el como "Monte Pindo".
Medio século antes a literatura galega xa empregara este topónimo de xeito máis xenérico.
Monte Pindo na Carta Xeométrica de Galiza (1837)
Ese é tamén o topónimo que aparece na Carta Xeométrica de Galiza que Domingo Fontán rematou en 1837, o primeiro mapa da nosa historia feito con precisión matemática.
Máis recentemente comezan a aparecer outras variantes coma Monte, Montes ou Serra do Pindo, e ocasionalmente aparece Pindo a secas.
Outro indicio que suxire -pero non proba- que o nome común do macizo pode ser moi anterior está na referencia máis antiga que coñecemos do topónimo Carnota, do ano 830: «in Carnota ecclesia Pintani in Sentes», traducíbel como «En Carnota (está a) igrexa do Pindo nos espiños». Esta pode ser a primeira e cecáis única referencia escrita á ermida ignota do Campo de Cortes, cuxos restos parecen desafiar a propia historia.

Moitos consideraron que o Monte Pindo debe o nome ao parecido co seu homónimo grego.
O significado da palabra Pindo está en discusión, e é difícil afirmar categoricamente de que palabra ou de que idioma procede. Para algúns pode proceder do vocablo latino pinētum, que significa piñeiral, aínda que en ningunha época da historia pareceu destacar pola masiva presenza desta especie vexetal. Para outros, pode compartir raíz etimolóxica con empinado, escarpado, ou significar penedo aillado, ou incluso almena (do latín pinna). Para outros, o nome débese á súa similitude co Monte Pindo grego (Πίνδος). É unha interpretación que por si mesmo xustificaba para numerosos helenistas unha marcada influencia grega e fenicia sobre os nosos antepasados. Aínda que tampouco se pode descartar que a procedencia sexa previa á romanización, celta ou mesmo anterior.
Non temos datos nin tampouco interese en desbotar calquera destas interpretacións, xa que cada unha delas contribuiu a enriquecer e agrandar a propia lenda do Monte Pindo.

Olimpo Celta
Ramón Otero Pedrayo
O segundo nome máis coñecido xurdiu no ano 1926 coma unha licenza poética que chegou para quedarse. É sobradamente coñecido que Ramón Otero Pedrayo é o creador deste nome co que moitísimos identifican hoxe o Monte Pindo. Foi na súa obra Guía de Galicia. O máis curioso é que parece que Otero Pedrayo nunca chegou a escribir "Olimpo Celta". A cita exacta que empregou é: «Se le ha llamado uno de los olimpos célticos de Galicia y es, en verdad, uno de los más bellos montes litorales de ella». Esta referencia reproduciuse varias veces en obras e prensa da época, pero non foi ata 50 anos despois, cando Xosé Barreiro Barral publicou a súa obra «Montes del Pindo: Olimpo celta y desierto de piedra», que se popularizou este topónimo.
Sen dúbida Pedrayo nunca imaxinou a trascendencia que case un século despois tería esta frase do seu libro, e moito menos que bautizaría o macizo granítico carnotán.
Olimpo Celta tamén existe como microtopónimo dentro do propio Monte Pindo. Asi se lle chama á fermosa vagoada que une o Castelo de San Xurxo co lugar do Pindo, rodeada de todo tipo de figuras graníticas que non deixan de espertar a imaxinación do que pasa. É difícil saber se este microtopónimo é anterior á cita de Otero Pedrayo.

Pedregal
Un dos nomes que máis forza cobrou no último século na tradición oral é o substantivo de rexistro popular Pedregal (que polo fenómeno da gheada imperante na comunidade local, pronúnciase Pedreghal). A primeira vez que aparece esta palabra nos diccionarios parece datar do ano 1958, cando Eladio Rodríguez González a recolle no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano coa acepción «sitio ou terreo cuberto case todo de pedra miúda». Na documentación esta palabra aparece no século XIX como apelido e tamén como topónimo na bisbarra de Trasancos, mais nunca referíndose ao macizo carnotán.

Monte Sacro
No Tombo de Celanova aparece esta cita datada no ano 934: «In Carinota [...], cum suo monte sacro»: Literalmente, «en Carnota, co seu monte sacro». Tal e como aparece escrito, atestigua claramente a súa importancia relixiosa, probabelmente precristiá, que seguía sendo moi notábel na época.


Alfoz de Muros
Non sendo un topónimo propiamente dito, á altura das revoltas irmandiñas de 1467 o nome xenérico utilizado para ubicar este macizo carnotán é "Alfoz de Muros". E dicimos xenérico porque este substantivo de orixe árabe significa «zona rural dependente dunha vila maior». É dicir, Muros daquela gañara certo protagonismo como entidade urbana e as zonas rurais das súas inmediacións formaban parte da súa área de influencia. No preito Tabera-Fonseca, á hora de tentar dilucidar quen foran os responsábeis do asalto e destrución do Castelo de Penafiel, en todo momento sitúano vagamente no alfoz de Muros ou ben na desembocadura do río Xallas, sen precisar un topónimo específico para designar o monte.

Discutíbel: Carnota
É posíbel que o nome da antiga comarca, hoxe concello, Carnota, proceda da raíz celta Carn, que significa pedra, e o sufixo ota, que quere dicir alta. Con toda seguridade, esa pedra alta que caracteriza a zona é o Monte Pindo. Porén, non está probado que o monte se chamase Carnota en ningún momento da historia.
En todas as referencias antigas analisadas, Carnota e as súas variantes (Carinota, Karnota, Cornatum...), dan nome a un territorio máis ou menos amplo situado ao sur do río Xallas, que chegou a abarcar ata o Tambre. De feito, a raza que ocupaba este territorio eran os Celtici Supertamarci, que significa «Célticos por enriba do Tambre», igual que na outra beira moraban os Praestamarci.
Todas as referencias a un monte importante nesta zona sitúano sempre dentro do territorio de Carnota, máis non coñecemos ningún "monte Carnota" na zona. Polo tanto, na nosa opinión carece de fundamento asegurar nalgún momento da historia foi o seu nome.
Porén, si existiu ou existe un monte Carnota no entorno de Betanzos e outro no concello de Vedra.

E que pasa no resto da historia?
Calquera lector mínimamente atento percibiría dous inmensos baleiros temporais dos cales non falamos.
Como se chamou o Monte Pindo ata o século IX? E como se lle chamou entre os séculos X e XVIII?
A primeira pregunta non podemos respondela. O nome do monte ata o medievo, se o tivo, é un completo enigma, e de dar un nome sería pura especulación, aínda que hai unha posibilidade que sinceiramente nos conmociona e que a calquera persoa interesada na historia galega prerromana lle caerá de caixón.
A partir da época medieval, é probábel que a inmensa importancia estratéxica que tivo o Monte Pindo nas tramas monárquicas, nobres e eclesiásticas da Galiza medieval fixeron que o nome e a gloria do macizo ficase eclipsada pola dos seus castelos de San Xurxo e Penafiel, que si aparecen citados milleiros de veces en todo tipo de documentos, mais nunca o topónimo do monte que os acobillaba. Só a caída definitiva do último que quedaba en pe (Penafiel) durante as revoltas irmandiñas, suxire que o nome do monte debía estar ata esquecido, pois para se referiren á área onde se asentaban estas fortificacións malogradas empregaban xenericamente «alfoz de Muros». Desde esa época, ata a pruma de Sarmiento, coñecemos moi poucas pistas fidedignas.

Existe outra posibilidade, cecáis máis aventurada e riscosa, pero que tampouco temos probas para desbotar: Que o nome verdadeiro do monte sacro dos nosos antergos aínda esté por descubrir. E que a lenda continúa.

23/10/12

A Antoloxía Poética do Monte Pindo xa é unha realidade grazas a vós

Grazas!

A campaña para editar a Antoloxía Poética do Monte Pindo mediante a fórmula da subscrición popular só pode calificarse de completo e rotundísimo éxito, acadando en menos de dúas semanas os 1.050 euros que aspirábamos a recadar en case dous meses.

Se non o conseguíamos nes prazo veríamonos na obriga de suspender o proxecto e reintegrar as achegas a todos os amigos e as amigas que colaboraran ata o momento.Pero nunca nos defraudástedes, e esta vez non ía ser distinto.

A día de hoxe podemos anunciar aos nosos amigos e visitantes, e moi nomeadamente aos nosos 59 subscritores populares ata o momento, que a Antoloxía Poetica xa é unha realidade. Se este éxito foi posíbel é unica e exclusivamente grazas ao voso inmenso apoio desde o primeiro momento, que nos levou a batir un récord na plataforma Goteo.org, o que mereceu unha mensaxe de felicitación de Enric Senabre, responsábel de proxectos e comunidade da plataforma:

Ha sido una campaña muy rápida, de las más veloces en llegar al mínimo, felicidades por vuestra comunidad!
Enric Senabre Fidalgo, cofundador de Goteo.org
Esta mesma semana, a Asociación Monte Pindo Parque Natural e os coordenadores da Antoloxía Poética do Monte Pindo, Francisco X. Fernández Naval e Miro Villar, poranse en contacto con Edicións Toxosoutos, que é a que se vai facer cargo da edición, para darlle a boa noticia. Estimamos que a obra estará rematada e lista para entregar a todos os colaboradores en xaneiro ou febreiro de 2013, dado que o proceso editorial é bastante longo e aínda queda moito por facer.

Non obstante, a Asociación Monte Pindo Parque Natural vai manter habilitada a campaña en Goteo.org, dado que aínda que o obxectivo xa esté acadado, é unha excelente forma de facerse cun exemplar a un custe moito máis económico do que terá nas librarías. Ademais o nome da persoa subscritora (ou quen esta desexe) aparecerá recollido na páxina de Agradecementos da obra.

Lembramos que as subscricións pódense facer ata o 19 de novembro aboando 10 euros por exemplar por estes medios:
  • Por tarxeta de crédito ou PayPal no noso espazo en Goteo.org
  • Por transferencia á conta da Asociación Monte Pindo Parque Natural: 2080-0025-43-3040001120 (Novagalicia Banco)
Grazas a todos e todas por converter este soño nunha realidade. Sodes incríbeis!

19/10/12

O 21 de outubro, Galiza decide: Parque natural, XA!

O Parque Natural do Monte Pindo estivo presente nas
mensaxes dalgúns candidatos durante esta campaña
Faltan horas para decidir o destino de Galiza durante os vindeiros 4 anos, e as diferentes candidaturas exprimen as derradeiras horas antes da xornada de reflexión tratando de convencer aos indecisos coas últimas mensaxes a favor da continuidade na acción do goberno ou ben por un cambio de goberno da Xunta.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural non é en absoluto allea a este proceso, pois a declaración do Monte Pindo como Parque Natural, o noso leit motiv, tamén se xoga o 21 de outubro: a Xunta de Galiza é a institución coas competencias exclusivas para efectivizala ou non.

Por iso a Asociación Monte Pindo Parque Natural fai un chamamento a un voto crítico pensando tamén no futuro do Olimpo Celta e do seu entorno. Para dar suficientes elementos de xuízo analisamos as propostas de todos os partidos políticos sobre o Olimpo Celta en particular e sobre o medio ambiente galego en xeral, especialmente no referido aos espazos naturais protexidos. Ao Xigante da Mina tamén lle afecta o que votemos o domingo!

Partido Popular (PP)
  • Candidato á Xunta: Alberto Núñez Feijóo (Ourense)
  • Candidato máis cercano: Nº 15. María de la Soledad Piñeiro Martínez (Carnota)
  • Resultados no 2009: 789.427 votos (38 escanos)
  • Apoiou antes desta campaña a declaración do Monte Pindo como Parque Natural? Non. Malia que persoas do PP con responsabilidade nesta materia recoñeceron en privado a membros da Asociación a necesidade de declarar este espazo como Parque Natural, en público o PP nunca se significou a favor e de feito chegou a empregar a súa representatividade no Parlamento para frear os intentos da oposición para que se declarara o Monte Pindo como Parque Natural.(ver video)
  • Comprometeuse nesta campaña a declarar o Monte Pindo como Parque Natural? Non.
  • Que di dos espazos naturais protexidos no seu programa electoral? No relativo aos espazos naturais galegos no programa do PP destacamos as seguintes medidas: Ampliación da Rede Natura 2000. Ampliación do Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas e unha nova orientación do seu uso público. Aprobación e implementación dos plans de acción das Reservas da Biosfera. 3. Dotación da Rede de Espazos Naturais dos correspondentes Plans de Ordenación dos Recursos Naturais que permitirán organizar dun xeito sostible a conservacións dos recursos e valores naturais cos usos do solo e o correcto desenvolvemento das actividades humanas. Elaboración do Plan de xestión de humedais de importancia internacional RAMSAR. Plan estratéxico director para a optimización socioeconómica das áreas de influencia dos parques naturais de Galicia.

Partido Socialista Obrero Español (PSdeG-PSOE)
  • Candidato á Xunta: Manuel Vázquez Fernández (O Carballiño, Ourense)
  • Candidato máis cercano: Nº 1. Francisco Caamaño Domínguez (Cee, con ascendencia carnotá)
  • Resultados no 2009: 524.488 votos (25 escanos)
  • Apoiou antes desta campaña a declaración do Monte Pindo como Parque Natural? Si.
  • Comprometeuse nesta campaña a declarar o Monte Pindo como Parque Natural? Non.
  • Que di dos espazos naturais protexidos no seu programa electoral? O programa do PSdeG conta cun apartado dedicado aos espazos naturais protexidos, do que destacamos: "E necesario ampliar a rede de espazos protexidos, recuperando a proposta de chegar ao 18% do territorio protexido pola Rede Natura 2000. Na mesma liña, establecemos máis mecanismos de “custodia do territorio”. Queremos comprometer a creación do Parque Natural Ancares- Courel, entre outras figuras de protección."
Bloque Nacionalista Galego (BNG)
  • Candidato á Xunta: Francisco Jorquera Caselas (Coruña)
  • Candidato máis cercano: Nº 10. Modesto Fraga Moure (Fisterra)
  • Resultados no 2009: 270.712 votos (12 escanos)
  • Apoiou antes desta campaña a declaración do Monte Pindo como Parque Natural? Si.
  • Comprometeuse nesta campaña a declarar o Monte Pindo como Parque Natural? Si, tanto no seu programa como na reunión celebrada coa nosa entidade.
  • Que di dos espazos naturais protexidos no seu programa electoral? O programa electoral do BNG conta cun apartado dedicado aos espazos naturais, coas seguintes iniciativas: "Elaboración unha nova política de xestión dos Espazos Naturais Protexidos (ENP) que teña como eixos vertebrais a súa ampliación, a conservación e a restauración dos seus valores naturais, a participación dos residentes e a elaboración de plans de uso de xestión e de desenvolvemento económico sustentábel, en beneficio da poboación residente.Ampliación da Rede Natura, especialmente en lugares singulares como o a inclusión da Serra do Galiñeiro no Parque Natural do Aloia. Avaliación do estado de conservación da Rede Natura e desenvolvemento de actuacións para restaurar zonas deterioradas. Ampliación territorial do Parque Nacional das Illas Atlánticas e definición de novos plans de uso e xestión, así como o impulso dunha política que permita que a totalidade das illas galegas sexan de titularidade pública. Declaración do Monte Pindo como Parque Natural."
Partidos políticos extraparlamentarios Alternativa Galega de Esquerda (AGE)
  • Candidato á Xunta: Xosé Manuel Beiras Torrado (Compostela)
  • Candidato máis cercano: Non consta ningún da zona da Costa da Morte.
  • Resultados no 2009: Non participou.
  • Apoiou antes desta campaña a declaración do Monte Pindo como Parque Natural? Non. Si o fixeron por separado dúas das organizacións que conforman a coalición, EQUO e EI.
  • Comprometeuse nesta campaña a declarar o Monte Pindo como Parque Natural? Non.
  • Que di dos espazos naturais protexidos no seu programa electoral? O seu escueto programa non ten ningunha referencia a cuestións relativas ao medio ambiente.
    • Candidato á Xunta: Xoán Carlos Bascuas Jardón (Rüsselsheim, Alemaña)
    • Candidato máis cercano: Nº 9. Daniel Oca González (Cee)
    • Resultados no 2009: Non participou.
    • Apoiou antes desta campaña a declaración do Monte Pindo como Parque Natural? Non.
    • Comprometeuse nesta campaña a declarar o Monte Pindo como Parque Natural? Si, mediante unha mensaxe por Twitter.
    • Que di dos espazos naturais protexidos no seu programa electoral? Do programa electoral destacamos o seguinte apartado: "Ampliar a cativa rede de parques naturais (comezando pola declaración do Macizo Central Ourensán, Os Ancares e O Courel, no primeiro ano da lexislatura) garantindo os medios adecuados para a súa xestión e ampliar o Parque Nacional das Illas Atlánticas. É imprescindible a creación de liñas de axuda económica (subvencións, créditos brandos, desgravacións fiscais na cota autonómica) para o desenvolvemento sustentábel nos espazos da Rede Natura 2000, así como un programa de adquisición de terreo de especial interese natural, aberto á colaboración/participación de particulares e asociacións."
    Unión Progreso y Democracia (UPyD)
    • Candidato á Xunta: José Canedo Santos (Val do Dubra)
    • Candidato máis cercano: Non consta ningún da zona da Costa da Morte.
    • Resultados no 2009: 23.796 votos (0 escanos)
    • Apoiou antes desta campaña a declaración do Monte Pindo como Parque Natural? Non consta.
    • Comprometeuse nesta campaña a declarar o Monte Pindo como Parque Natural? Non.
    • Que di dos espazos naturais protexidos no seu programa electoral? O programa electoral conta coa seguinte proposta: "Revisión de los planes de ordenación de los espacios naturales protegidos, así como la ampliación de la Red Natura 2000."
    Outras
    Existen formacións políticas sectoriais ou locais que xa se teñen apoiado a declaración do Monte Pindo como Parque Natural, e que sería inxusto obviar neste artigo: Partido da Terra e Colectivo Nacionalista de Marín.

    16/10/12

    A subscrición popular da Antoloxía supera o seu ecuador a só 5 días do seu lanzamento

    O éxito da iniciativa para publicar unha Antoloxía Poética sobre o Monte Pindo mediante a fórmula da subscrición popular foi inmediato e incontestábel. Malia que se preveran dous meses de prazo máximo, a só 5 días do lanzamento a campaña leva recadados máis do 50% dos 1.050 euros que como mínimo precisamos para ordenar que a editorial se poña en marcha.

    Por outra parte, a Asociación Monte Pindo Parque Natural leva recibido unha avalancha de mensaxes de persoas que desexan colaborar e non poden por non dispor de tarxeta de crédito nin de conta PayPal, os únicos métodos previstos ata o momento para subscribir a Antoloxía. É por iso que, en adiante, imos habilitar o ingreso a conta corrente para que a subscrición popular se poida facer dun xeito moito máis fácil e accesíbel. Os datos para facer o ingreso son os que seguen:
    Nº de Conta: 2080-0025-43-3040001120
    Entidade: NovaGalicia Banco
    Destinatario: Asociación Monte Pindo Parque Natural (CIF: G-70280177)
    Nota: Se a túa entidade bancaria estabelece algún tipo de comisión, débese ter en conta á hora de facer o ingreso.

      Agardamos que continúe o bo ritmo de recadación na plataforma Goteo.org, onde xa hai dispoñíbel un muro agradecendo todas as colaboracións, de xeito que en moi poucos días poidamos darvos unha noticia moi importante para o Monte Pindo e a poesía galega. Moitísimas grazas a todos!

      11/10/12

      O BNG comprométese a crear o Parque Natural do Monte Pindo

      Merche Díaz, Ana Pontón, Modesto Fraga,
      Xilberto Caamaño e Ramón Noceda (Fonte: Propia)
      A anunciada xuntanza solicitada polo BNG coa nosa entidade desenvolveuse finalmente esta chuviosa mañá de xoves no local da nosa entidade no Pindo. Ao encontro asistiron a candidata nº 2 pola provincia da Coruña, Ana Pontón Mondelo, asi coma o candidato nº 10, o fisterrán Modesto Fraga Moure. Tamén quixo estar presente o alcalde de Carnota, Ramón Noceda Caamaño, mentras que pola Asociación Monte Pindo Parque Natural asistiu boa parte da directiva.

      O BNG inclúe a declaración no seu programa electoral
      Ana Pontón lembrou que o BNG xa trasladou a declaración ao debate do Parlamento nesta Lexislatura. Malia que naquel momento a proposta fóra rexeitada polo grupo maioritario, a candidata reiterou o compromiso decidido coa demanda social que leva ata no seu programa electoral (PDF, páx.29).

      Porén, os presentes coincidiron en que a declaración non é suficiente por si mesma, senón se acompaña dunha serie de estratexias e medidas que ademais de protección e divulgación dos valores naturais e patrimoniais, sirva para dinamizar a zona e xerar desenvolvemento económico, postos de traballo e en definitiva que repercuta no incremento da calidade de vida na poboación do seu entorno.

      Puxo como exemplos algunhas experiencias en Francia, onde se crearon planos de xestión participativos para potenciar estes espazos naturais, de xeito que hoxe son moi ben valorados polos cidadáns e ademais repercute en importantes investimentos nas áreas rurais.

      Mario Maceiras, Xilberto Caamaño, Ana Pontón,
      Merche Díaz e Ramón Noceda  (Fonte: Propia)
      Pola contra, os espazos naturais galegos que xa teñen a consideración de Parque Natural e outras figuras como Rede Natura non se viron acompañados con medidas da Xunta para o seu desenvolvemento e en moitos casos nin sequera contan co perceptivo Plan Rector de Uso e Xestión (PRUX). "Declaran o Parque Natural e quédase en iso", dixo Pontón, polo que entende que algúns cidadáns non percibiran estas experiencias coma positivas. "Cando comezou o proxecto de peatonalización do casco histórico de Pontevedra, tamén recibiu algunhas críticas. Pero hoxe ninguén o cuestiona".

      Ana Pontón denuncia o uso clientelar das restricións nos espazos naturais
      Neste extremo, Ana Pontón incluso vai máis alá, denunciando que o PP usou discrecionalmente as supostas restriccións que conleva protexer un espazo. Ilustrouno co exemplo de que nalgúns espazos naturais a Xunta impediu usos tradicionais como pode ser a explotación forestal sostible, mentras que noutros permitiu que se asentaran industrias contaminantes sen poñer ningunha traba, o que contravén o espíritu da conservación natural e demostra o uso clientelar que se vén facendo deste tipo de figuras.

      O BNG aposta por un modelo alternativo de xestión dos espazos naturais, dixo Ana Pontón, que sexa democrático, participativo e respecte os usos tradicionais do monte. No caso do Monte Pindo observa unha serie de potencialidades que o Parque Natural debe  aproveitar, como que non existen núcleos poboados no seu interior, nin tampouco explotacións industriais ou actividade económica algunha que choque co espíritu dun espazo natural protexido. Pola contra, considera que coa declaración de Parque Natural este monte ata agora abandonado convertirase nun completo revulsivo para toda a zona polo que debe ser unha aposta firme e de futuro.

      Ramón Noceda: "O parque natural non suporá máis restriccións que as que xa temos"
      O alcalde de Carnota, Ramón Noceda, asegurou que a declaración do Parque Natural non suporá máis restriccións para os veciños senón ao contrario: permitirá consensuar entre todos os sectores os usos que debe ou non debe ter o Monte Pindo, cousa que non pasa actualmente coa Rede Natura, na que os veciños non poden decidir nin opinar sobre o que se pode facer ou non nestes espazos naturais. Noceda tamén negou rotundamente que se a Xunta declara o Parque Natural do Monte Pindo vaia limitar nas inmediacións a construción de vivendas nin a posibilidade de facer reformas nas casas, como desde algúns sectores se estivo dicindo interesadamente.

      Xilberto Caamaño: "Se é para o Pindo hai crise, pero se é para Guadarrama non"
      Xilberto Caamaño, presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural, comentou que xa visitou a maioría dos parques naturais galegos e algúns do resto do Estado, e que viu moitísimas cousas positivas pero tamén algunhas negativas, polo que debemos tomar boa nota e tratar de que o Parque Natural do Monte Pindo conte coa participación do tecido veciñal, social e económico, para que se faga do xeito máis vantaxoso para todos os sectores da sociedade. Ademais lembrou que o PP (que no fondo está dacordo coa declaración) dixo que o Parque Natural do Monte Pindo ten que esperar tempos mellores, mentras que acaban de declarar como Parque Nacional a Serra de Guadarrama (Madrid), na que cabería 20 veces o macizo carnotán.

      A Asociación Monte Pindo Parque Natural agradece que a candidata nacionalista contara coa nosa entidade na súa axenda con motivo da vindeira cita electoral.

      10/10/12

      Nace a subscrición popular "Antoloxía poética do Monte Pindo"

      COLABORA AQUÍ
      A Asociación Monte Pindo Parque Natural está traballar nunha ambiciosa iniciativa para reunir nun só volume a obra poética máis destacada sobre o Olimpo Celta creada durante séculos por ducias de diferentes estudosos, literatos e creadores de todos os tempos, xunto con novas poesías inéditas dos máis prestixiosos escritores do escenario literario galego. Todo este inmenso potencial creativo formará parte da "Antoloxía poética do Monte Pindo" que está a piques de nacer.
      Porén a dura situación de crise que atravesamos dificulta que as editoriais asuman editar, publicar e distribuír a obra. Afortunadamente unha editorial galega comprometeuse a asumir a edición, sempre e cando garantamos a adquisión anticipada dun mínimo de exemplares. Isto esperamos conseguilo coa axuda de todas e todos vós e da plataforma Goteo.org.
      Este proxecto está impulsado e coordinado polos escritores Francisco X. Fernández Naval e Miro Villar, ambos afincados na Costa da Morte e colaboradores da Asociación Monte Pindo Parque Natural. O obxectivo do proxect é enriquecer e estimular a produción literaria arredor do monte sacro dos nosos antergos, mais tamén xuntar os esforzos de conservación da imaxinación e da historia en torno aos recursos naturais do Monte Pindo e afortalar as actividades abertas, de lecer e de conciencia, que son realizadas regularmente neste espazo.
      Chisco e Miro Villar, coordinadores da Antoloxía Poética
      En que consiste a subscrición popular?
      Pulsa na imaxe para colaborar
      Para converterte en subscritor popular, simplemente deberás entrar na páxina do proxecto en Goteo.org e facer reserva dun ou varios exemplares da "Antoloxía Poética do Monte Pindo" a un prezo único de 10 euros (o que supón un aforro de ata 5 euros sobre o prezo final que terá a obra nas librarías). O ingreso pódese facer aquí usando a tarxeta de crédito ou ben mediante PayPal.
      Ao acadar o número mínimo de 105 subscricións, o obxectivo darase por conseguido e a Asociación Monte Pindo Parque Natural activará a edición da obra, que incluirá nos seus agradecementos o listado dos nomes dos que nos axudaron a conseguilo.
      Unha vez que a edición esté lista, porémonos en contacto con cada subscritor/a para concretar o xeito de entrega do/s exemplar/es da "Antoloxía Poética do Monte Pindo".

      Que pasa se acadamos o obxectivo?
      A partir dos 105 subscricións dispoñemos de 45 exemplares adicionais para quen desexe adquirir a obra co mencionado desconto.

      Que pasa se non acadamos o obxectivo?
      En caso de que a data de 19 de novembro non se teña conseguido o número mínimo de 105 subscricións populares que fagan posíbel a edición, suspenderase o proxecto e reintegraranse todas as achegas efectuadas ata o momento.
      Se tes calquera dúbida, escribe a info@montepindo.org ou chama ao 655 56 43 72.

      08/10/12

      A Asociación Monte Pindo recibe este xoves ao BNG

      Ana Pontón (Fonte: Galipedia)
      Tal e como era de esperar un dos temas estrela do segundo tempo da VIII Lexislatura do Parlamento Galego, a declaración do Monte Pindo como Parque Natural, irrumpiu con forza nas Eleccións Galegas 2012.

      A candidata do BNG pola provincia da Coruña, Ana Pontón Mondelo, xunto con outros membros da súa formación, manterán unha reunión coa nosa entidade para coñecer de primeira man a nosa actividade e explicarnos as súas propias propostas para o medio ambiente galego en xeral e o Monte Pindo en particular. A xuntanza terá lugar no Pindo o vindeiro xoves 11 de outubro a partir das 11 da mañá. 

      No encontro, que foi solicitado polo BNG o pasado 14 de setembro, estaba inicialmente programada a presenza do candidato nacionalista a presidir a Xunta, Francisco Jorquera Caselas, tal e como vos adiantamos o día 27 de setembro nas redes sociais Facebook e Twitter. Finalmente impediuno o debate entre Jorquera e o actual presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo na TVG.

      En calquera caso a Asociación Monte Pindo Parque Natural valora positivamente que as forzas políticas galegas teñan en consideración o noso colectivo e a demanda cidadá a favor do Parque Natural na carreira a presidir a Xunta, dado que este organismo é o máximo responsábel da dita declaración.  De feito o conxunto das forzas políticas do arco parlamentario galego (PP, PSOE e BNG), asi como algunhas non representadas no hemiciclo, xa nos expresaron que están de acordo con que o Monte Pindo debe declararse Parque Natural. É por isto que nos amosamos totalmente abertos a escoitar a calquera formación política que teña interese en facer chegarnos o seu parecer e as súas propostas.

      Nas pasadas eleccións municipais fora a propia Asociación quen solicitara unha xuntanza con cada forza que presentaba candidatura en Carnota (PP, PSOE e BNG, aínda que só contestou esta última). Desta volta a Comisión Rectora da Asociación Monte Pindo Parque Natural tivo que desbotar esta posibilidade pola enorme concurrencia de candidaturas habitual nunhas eleccións galegas.