A toponimia do Olimpo Celta, á vez que riquísima e espectacular, constitúe un dos maiores debates abertos na actualidade en torno a este monte. A tradición oral e as abondosas referencias literarias que conservamos permítennos chamarlle ao macizo carnotán de múltiples formas, case todas igual de lexítimas. Porén, uns poucos son os nomes que como norma xeral se empregan para ubicar esta fermosa serra nos mapas xeográficos. Sen pretender pasar esta reflexión por un tratado irrefutábel, coa humildade que se lle debe presumir ao noso colectivo e coas portas abertas a toda achega dos nosos visitantes mesmo para identificar erros nesta visión, imos tentar explicar de onde proceden.
Monte Pindo
Este é sen dúbida o nome máis empregado para este macizo, e a historia, tradición oral e literaria avala esta denominación como a máis antiga da que teñamos constancia fidedigna.
A primeira referencia documental clara e incuestionábel parece saír da pluma do Padre Sarmiento, que no ano 1745 describiu o macizo na súa obra «
Viaxe a Galicia» referíndose sempre e inequívocamente a el como "Monte Pindo".
Medio século antes a literatura galega xa empregara este topónimo de xeito máis xenérico.
|
Monte Pindo na Carta Xeométrica de Galiza (1837) |
Ese é tamén o topónimo que aparece na
Carta Xeométrica de Galiza que Domingo Fontán rematou en 1837, o primeiro mapa da nosa historia feito con precisión matemática.
Máis recentemente comezan a aparecer outras variantes coma
Monte,
Montes ou
Serra do Pindo, e ocasionalmente aparece
Pindo a secas.
Outro indicio que suxire -pero non proba- que o nome común do macizo pode ser moi anterior está na referencia máis antiga que coñecemos do topónimo Carnota, do ano 830: «
in Carnota ecclesia Pintani in Sentes», traducíbel como «
En Carnota (está a)
igrexa do Pindo nos espiños». Esta pode ser a primeira e cecáis única referencia escrita á ermida ignota do Campo de Cortes, cuxos restos parecen desafiar a propia historia.
|
Moitos consideraron que o Monte Pindo debe o nome ao parecido co seu homónimo grego. |
O significado da palabra
Pindo está en discusión, e é difícil afirmar categoricamente de que palabra ou de que idioma procede. Para algúns pode proceder do vocablo latino
pinētum, que significa
piñeiral, aínda que en ningunha época da historia pareceu destacar pola masiva presenza desta especie vexetal. Para outros, pode compartir raíz etimolóxica con
empinado, escarpado, ou significar
penedo aillado, ou incluso
almena (do latín
pinna). Para outros, o nome débese á súa similitude co
Monte Pindo grego (Πίνδος). É unha interpretación que por si mesmo xustificaba para numerosos helenistas unha marcada influencia grega e fenicia sobre os nosos antepasados. Aínda que tampouco se pode descartar que a procedencia sexa previa á romanización, celta ou mesmo anterior.
Non temos datos nin tampouco interese en desbotar calquera destas interpretacións, xa que cada unha delas contribuiu a enriquecer e agrandar a propia lenda do Monte Pindo.
Olimpo Celta
|
Ramón Otero Pedrayo |
O segundo nome máis coñecido xurdiu no ano 1926 coma unha licenza poética que chegou para quedarse. É sobradamente coñecido que Ramón Otero Pedrayo é o creador deste nome co que moitísimos identifican hoxe o Monte Pindo. Foi na súa obra
Guía de Galicia. O máis curioso é que parece que Otero Pedrayo nunca chegou a escribir "Olimpo Celta". A cita exacta que empregou é: «
Se le ha llamado uno de los olimpos célticos de Galicia y es, en verdad, uno de los más bellos montes litorales de ella». Esta referencia reproduciuse varias veces en obras e prensa da época, pero non foi ata 50 anos despois, cando Xosé Barreiro Barral publicou a súa obra «
Montes del Pindo: Olimpo celta y desierto de piedra», que se popularizou este topónimo.
Sen dúbida Pedrayo nunca imaxinou a trascendencia que case un século despois tería esta frase do seu libro, e moito menos que bautizaría o macizo granítico carnotán.
Olimpo Celta tamén existe como microtopónimo dentro do propio Monte Pindo. Asi se lle chama á fermosa vagoada que une o Castelo de San Xurxo co lugar do Pindo, rodeada de todo tipo de figuras graníticas que non deixan de espertar a imaxinación do que pasa. É difícil saber se este microtopónimo é anterior á cita de Otero Pedrayo.
Pedregal
Un dos nomes que máis forza cobrou no último século na tradición oral é o substantivo de rexistro popular
Pedregal (que polo fenómeno da gheada imperante na comunidade local, pronúnciase
Pedreghal). A primeira vez que aparece esta palabra nos diccionarios parece datar do ano 1958, cando Eladio Rodríguez González a recolle no seu
Diccionario enciclopédico gallego-castellano coa acepción «
sitio ou terreo cuberto case todo de pedra miúda». Na documentación esta palabra aparece no século XIX como apelido e tamén como topónimo na bisbarra de Trasancos, mais nunca referíndose ao macizo carnotán.
Monte Sacro
No Tombo de Celanova aparece esta cita datada no ano 934: «
In Carinota [...], cum suo monte sacro»: Literalmente, «
en Carnota, co seu monte sacro». Tal e como aparece escrito, atestigua claramente a súa importancia relixiosa, probabelmente precristiá, que seguía sendo moi notábel na época.
Alfoz de Muros
Non sendo un topónimo propiamente dito, á altura das revoltas irmandiñas de 1467 o nome xenérico utilizado para ubicar este macizo carnotán é "Alfoz de Muros". E dicimos xenérico porque este substantivo de orixe árabe significa «zona rural dependente dunha vila maior». É dicir, Muros daquela gañara certo protagonismo como entidade urbana e as zonas rurais das súas inmediacións formaban parte da súa área de influencia. No preito Tabera-Fonseca, á hora de tentar dilucidar quen foran os responsábeis do asalto e destrución do Castelo de Penafiel, en todo momento sitúano vagamente no alfoz de Muros ou ben na desembocadura do río Xallas, sen precisar un topónimo específico para designar o monte.
Discutíbel: Carnota
É posíbel que o nome da antiga comarca, hoxe concello, Carnota, proceda da raíz celta
Carn, que significa pedra, e o sufixo
ota, que quere dicir alta. Con toda seguridade, esa pedra alta que caracteriza a zona é o Monte Pindo. Porén, non está probado que o monte se chamase Carnota en ningún momento da historia.
En todas as referencias antigas analisadas, Carnota e as súas variantes (Carinota, Karnota, Cornatum...), dan nome a un territorio máis ou menos amplo situado ao sur do río Xallas, que chegou a abarcar ata o Tambre. De feito, a raza que ocupaba este territorio eran os Celtici Supertamarci, que significa «
Célticos por enriba do Tambre», igual que na outra beira moraban os Praestamarci.
Todas as referencias a un monte importante nesta zona sitúano sempre dentro do territorio de Carnota, máis non coñecemos ningún "monte Carnota" na zona. Polo tanto, na nosa opinión carece de fundamento asegurar nalgún momento da historia foi o seu nome.
Porén, si existiu ou existe un monte Carnota no entorno de Betanzos e outro no concello de Vedra.
E que pasa no resto da historia?
Calquera lector mínimamente atento percibiría dous inmensos baleiros temporais dos cales non falamos.
Como se chamou o Monte Pindo ata o século IX? E como se lle chamou entre os séculos X e XVIII?
A primeira pregunta non podemos respondela. O nome do monte ata o medievo, se o tivo, é un completo enigma, e de dar un nome sería pura especulación, aínda que hai unha posibilidade que sinceiramente nos conmociona e que a calquera persoa interesada na historia galega prerromana lle caerá de caixón.
A partir da época medieval, é probábel que a inmensa importancia estratéxica que tivo o Monte Pindo nas tramas monárquicas, nobres e eclesiásticas da Galiza medieval fixeron que o nome e a gloria do macizo ficase eclipsada pola dos seus castelos de San Xurxo e Penafiel, que si aparecen citados milleiros de veces en todo tipo de documentos, mais nunca o topónimo do monte que os acobillaba. Só a caída definitiva do último que quedaba en pe (Penafiel) durante as revoltas irmandiñas, suxire que o nome do monte debía estar ata esquecido, pois para se referiren á área onde se asentaban estas fortificacións malogradas empregaban xenericamente «alfoz de Muros». Desde esa época, ata a pruma de Sarmiento, coñecemos moi poucas pistas fidedignas.
Existe outra posibilidade, cecáis máis aventurada e riscosa, pero que tampouco temos probas para desbotar:
Que o nome verdadeiro do monte sacro dos nosos antergos aínda esté por descubrir. E que a lenda continúa.