23/09/12

Máis de 200 persoas non se quixeron perder o roteiro circular polo Monte Pindo

Parte dos asistentes, na Laxe da Moa. Foto: Davifd Trillo
As malas previsións meteorolóxicas, que afortunadamente se quedaron en nada, non frearon o aluvión de asistencia ao macroroteiro circular de 12 quilómetros polo Monte Pindo, que partiu onte ás 10 do lugar do Fieiro e retornou puntualmente ao mesmo sitio ás 18:00 horas.

O tráfico que se percibía no entorno do Fieiro ao fío das 10 de mañá prognosticaba que a actividade interesaba, mais nada nos facía pensar que a cita chegase a reunir entre 200 e 250 asistentes dispostos a pasar unha xornada percorrendo un roteiro que declaráramos de dificultade media-alta. Amigos chegados de todos os puntos do concello de Carnota e do País ansiaban coñecer ese monte da costa galega do que todo o mundo está a falar. E polo que nos ides contando, ninguén quedou decepcionado.

A interminábel ringleira de sendeiristas comezou a afrontar a subida ata a Laxe da Moa da man da sabiduría de Pepe do Fieiro, que mantén no seu andar o paso lixeiro e áxil que o levaba pastorear por estes paraxes hai 70 anos, e do propio presidente da Asociación Monte Pindo, Xilberto Caamaño, foi debullando os misterios que aquí habitan as pedras e os camiños, o Campo dos Coellos, as murallas... A xente comezou a pisar a Laxe da Moa preto do mediodía, que co permiso dun verdadeiro vendaval permitiu recoller a foto de grupo máis ansiada, mais que non fai xustiza pois non rematara de chegar xente ao cumio granítico de 627 metros sobre o Atlántico.

Logo da pertinente visita ao Campo de Cortes, coa súa capela ignota e a lenda que o rodea, a comitiva tomou rumbo a Revertedemos ou a Cova da Casa Xoana, que coas súas historias de meigas e meigallos non podía quedar fóra da ampla visita. Despois dun concurrido xantar, agardábanos o Pico Penafiel, no que a documentación medieval sitúa un castelo homónimo do que pouco queda máis que unha inscrición medieval excomulgándoo. Foi este espazo o que nos deixou a anécdota do día, cando a multidude comezou a berrar espontáneamente "Monte Pindo, Parque Natural!" que retumbou no horizonte. Non sabemos se os seus ecos chegarían ata San Caetano por entre as torres da Catedral que segundo a lenda se pode ver desde aquí nos días claros.

Despois de seguir percorrendo as fermosas carballeiras que poboan esta ladeira, unha rústica e fermosa ponte sobre o rego Sanchaferro guiounos ata a pista forestal que nos trasladaría de novo ata a aldea do Fieiro e ao remate do noso periplo, non sen antes ternos librado dun desafortunado aramio de espiño que alguén atravesou na vía pública para conter a liberdade dos cabalos e de paso todo ser que transitara este entorno.

Ao remate, moitos respiraron, saudáronse e déronse a noraboa polo éxito do roteiro, que cumpriu sobradamente o dobre obxectivo que na Asociación nos plantexamos: ofrecerlle aos nosos veciños e visitantes unha agradábel xornada de lecer, mais sobre todo fomentar o coñecemento en detalle dos camiños do Olimpo Celta de xeito que se minimicen os episodios de extravíos tristemente de moda que teñen posto en risco a vida e a saúde de tantas persoas que só pretendían gozar dun día no belísimo monte sacro dos seus antergos.

Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural, queremos agradecer o interese e a confianza depositada por tantas persoas e outras tantas que non puideron asistir por outros motivos, e tamén debemos felicitarnos porque o completo percorrido rematara sen ningún incidente preocupante para os sendeiristas. Isto foi posíbel grazas ao gran coidado posto por todos e a uns esforzos dunha humilde organización cos que puidemos aprender moitisimo para seguir mellorando as nosas actividades día a día.