"A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM), en reunión da sua Xunta Reitora, celebrada o dia 30 de Xuño de 2012, ACORDOU Apoiar a declaración do Monte Pindo como Parque Natural".
Con este escueto correo que nos enche dunha ledicia inmensa, o presidente Xosé Alfredo Pereira Martínez comunicounos esta semana que o Parque Natural do Monte Pindo xa é causa común dos implicados máis directos nos montes galegos, o conxunto dos seus usuarios. Un impulso xigante, poderíamos dicir definitivo, para que a Xunta faga efectiva dunha vez a tan arelada protección do Monte Sacro dos nosos antergos.
A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM), é unha organización de ámbito galego creada por e para as comunidades de montes veciñais. Os seus obxetivos radican na defensa dos montes veciñais en man común desde unha óptica baseada na titularidade de caracter xermánico; é dicir, que a titularidade sexa veciñal e comunitaria, non pública nin privada. Outro obxectivo é, por suposto, a posta en valor dos montes veciñais de xeito multifuncional e sustentabel, pensando no beneficio da veciñanza comuneira e das maiorias sociais do noso País.
IGEC
O Instituto Galego de Estudos Celtas (IGEC) tamén nos transmitiu recentemente o seu apoio ao proxecto, tras contactar con nós interesados polo sorprendente achado dunha moeda de tempos do rei Afonxo X preto da Laxe da Moa.
Nesta ocasión o apoio comunicóunolo o arqueólogo, académico e profesor Laureano F. Carballo, xusto tras obter o visto e prace do Decano do IGEC, o reputado doutor André Pena Granha, que "se amosou encantado coa iniciativa". Tanta ilusión debeu subscitarlles a idea, que nun lapso (ou non) o que nos transmitiron foi o apoio á "declaración do Monte Pindo como Parque Nacional". Tampouco debe sorprendernos, pois hai case cen anos o goberno central xa tivo a mesma idea. Bromas aparte, Carballo remata a feliz misiva desexando que "ogallá moi cediño o espazo natural e mitolóxico do Parque sexa unha realidade patrimonial protexida e recoñecida".
Asi será con apoios tan importantes coma o do IGEC, instituto que nace no 2009 para promover a investigación multidisciplinar no campo dos Estudos Célticos en Galiza, norte de Portugal e Europa Atlántica, con especial énfase nos chamados Países Celtas e xentes de orixe celta. O IGEC tamém difunde o coñecemento xeral da historia, cultura e sociedade galegas, o intercambio académico e científico e mesmo ofrece servizos de consultoría e asesoramento en áreas como a educación, xestión do patrimonio, promoción turística, etc.
Pan de Raposo
Malia a escasez de organizacións na Costa da Morte dedicadas en exclusiva á micoloxía (estudo dos cogumelos), este colectivo non quere quedar alleo da reclamación cidadá. Pan de Raposo transmítenos desde Cee a súa adhesión á proposta para declarar o Monte Pindo como Parque Natural. E non podía ser doutro xeito dado que habitualmente organizan saídas ao Monte Pindo para abraiarse coa multiplicidade de fungos que alí se atopan en determinadas épocas do ano, e contando con 4 especies protexidas dentro deste reino.
Ademais das excursións específicas á procura destas xoias naturais, Pan de Raposo tamén organiza convivios entre os amantes desta afición na bisbarra e desenvolve as Xornadas Micolóxicas Costa da Morte, que este ano celebraranse por vez 12ª, asi como exposicións e publicacións para a divulgación da micoloxía, incluíndo un boletín.