18/06/12

A Xunta salienta o Monte Pindo como un dos puntos xeolóxicos máis importantes do país

Imaxe xigante do Monte Pindo en "Gallaecia Pétrea"
O balbordo a favor da declaración do Monte Pindo Parque Natural alcanzou un volume que dificilmente pode pasar xa inadvertido para os nosos mandatarios. A exposición Gallaecia Petrea, promovida pola Consellería de Educación e Cultura, e que serve para inaugurar o Museo de Galicia, estará presidida durante 6 meses por unha imaxe xigante do noso Olimpo Celta que impón a súa presenza mística e sobrecolledora ao conxunto da exposición, do mesmo xeito que o fai fisicamente deste hai tempos inmemoriais a toda a Costa da Morte.

Varela e Feijóo, entre outros, de costas ao Monte Pindo.
A imaxe, en branco e negro, mide 10 metros de longo por 1,5 metros de alto, e xa viu pasar por debaixo do cumio granítico de 350 millóns de anos de antigüidade a miles de persoas, entre eles o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Ademais, o Monte Pindo é salientado e valorado dun xeito especial noutros puntos da exposición asi como nos folletos impresos. Ningún outro accidente xeográfico do territorio galego conta con semellante proxección no evento, que novamente recoñece o antigo Monte Sacro de Carinota como un dos puntos xeolóxicos máis importantes do país e do mundo, e a súa efixie dignataria de representar o conxunto do inmenso potencial pétreo e patrimonial co que conta o noso territorio.

Vidal Romaní, co-organizador da exposición,
explícalla ao equipo do presidente galego
Aos amantes do noso medio natural e do Monte Pindo en particular hónranos extremadamente esta posición destacada e central na exposición Gallaecia Pétrea, mais agardamos que esta distinción se acompañe das medidas de protección e desenvolvemento precisas para que esta foto siga representando a Galiza nos séculos vindeiros, medidas como a ansiada declaración do Monte Pindo como Parque Natural que institucións públicas, cidadanía e axentes sociais vimos esixindo ao unísono desde hai case dous anos.

A presenza do Olimpo Celta na exposición
destaca de todos os ángulos
Non ten sentido que sigan dando a espalda á reivindicación. Non ten sentido que sigan apelando ao marabilloso patrimonio xeolóxico vivo no Monte Pindo, mentras negan medidas reais que sirvan para conservalo como merece, mentres que  outra espectacular paraxe natural, como é o prego xeolóxico do Courel, acadou hai menos de dous meses a declaración de Monumento Natural por parte de quen se nega a protexer o macizo carnotán.

Señor Presidente, Señor Conselleiro de Medio Ambiente: Déixense de excusas e evasivas, e fagan o que saben que teñen que facer, que non é nin máis nin menos que o que se espera do mandato que a cidadanía galega lles encomendou.