26/06/12

Hai 1111 anos Carnota era unha comarca e o Monte Pindo era sacro

A documentación medieval que está comezando a analisarse no referido ao municipio máis meridional da Costa da Morte, transmite de Carnota unha imaxe esplendorosa: obxecto de sucesivas doazóns reais, nobiliarias e eclesiásticas -case lugar por lugar-, e por suposto de preitos e pugnas a veces fratricidas pola posesión dos seus castelos, pazos e fortalezas, Carnota ocupou durante estes 500 anos unha crucial importancia na Historia de Galiza que posteriormente foi esmorecendo polo efecto de sucesivas pragas devastadoras e o desprazamento do taboleiro dos grandes intereses estratéxicos ao entorno das grandes urbes e da aínda incipiente Compostela.

No século X Carnota (referido insistintamente como Carinota, Karnota ou Cornatum nos documentos da época) era unha gran comarca, ou commisso falando con máis propiedade, que abranguía os territorios entre os ríos Xallas e o Tambre, e desde a costa atlántica  ata a ponte de Brandomil no interior, ocupando os actuais concellos de Carnota, Muros, Outes e Mazaricos. Esta grande realidade poboacional formaba parte da diócese de Iria (logo Compostela), xunto con Trasancos, Labacencos, Nemancos e Célticos. Como sabedes, só Carnota mantén o seu nome nos nosos días.

Posíbel inscrición (re)fundacional da ermida do Monte Pindo
Foto: Xilberto Caamaño
Pero ademais deste feito case descoñecido da grande importancia histórica que ocupou o noso municipio por centralizar administrativamente hai mil anos un territorio tan extenso, unha cita resólvenos ante os ollos da historia outro dos interrogantes máis debatidos: A visión do Monte Pindo como un fogar de deidades é unha licenza literaria máis ou menos fundada por Otero Pedraio, ou ten raigame na noite dos tempos? En 942, nun documento de doazón que despois de mil anos foi recuperada no Tombo de Celanova, alguén deixou escrito: "In Carinota cum suo monte sacro". A cita, que non precisa tradución, evidencia sen ningún lugar a dúbidas que as máis altas xerarquías da igrexa de principios do século X xa consideraban o Monte Pindo un lugar sagrado.

Por certo, xa co noso Olimpo Celta ascendido a fogar das deidades, non sobra salientar que cando menos dous montes galegos, o Monte Pindo carnotán e o Pico Sacro compostelán, compartían a condición de monte sacro ou mons sacer polos nosos antergos, aínda que a historia elaborada en torno ao Camiño de Santiago rematou solapando ao primeiro. Un achado que pode -e debe- remudar os piares da historiografía para poñer a grande testa xupiteriana no lugar que historicamente lle corresponde.