25/06/12

A declaración do Monte Pindo como Parque Natural, por vez primeira na TVG

O Monte Pindo segue no verdadeiro centro da atención informativa case dous anos despois de comezarmos coa nosa humilde andaina, mais esta fin de semana caeu unha das derradeiras barreiras que aínda se lle resistiran: a canle pública autonómica, a TVG.

E se ben nunca deixou de sorprendernos a ausencia da máis mínima referencia ás moitas boas novas que vos temos contado ao longo deste tempo, o certo é que, por fin, a canle de todos os galegos dedicoulle os seus primeiros 5 minutiños -que nos saben a gloria- ao Monte Pindo, e tamén á nosa reivindicación. Foi grazas ao programa A Revista FDS, á que temos que agradecerlle que por fin nos deran esta oportunidade de falarmos para todos os galegos sen distinción.

Emitimos aquí o corte completo, que vos recomendamos ver, mais a parte expresamente dedicada ao Concello de Carnota e ao Olimpo Celta transcorre desde o minuto 35:15 ao 40:25, aproximadamente.



Os rapaces de Baio, coa protección do Olimpo Celta
Xa a menor escala, ou non, os nenos e as nenas do IES Maximino Romero de Lema, de Baio, tamén dedicaron un oco no seu fermoso docu-informativo medioambiental "Terra, Mar e Xente", un proxecto escolar que resulta unha auténtica delicia de ver.
Nesta ligazón podedes ver o corte dedicado exclusivamente ao Olimpo Celta, que por suposto remata ao berro de "Monte Pindo, Parque Natural!".
Se preferides ver os interesantes cortes enteiros, aquí tedes a 1ª e a 2ª parte.