|
Anverso |
|
Reverso |
A subida organizada esta fin de semana pola Asociación Monte Pindo Parque Natural e ADEGA-Lugo para acompañar ao monte a medio cento de veciños da cidade das murallas, rematou do xeito máis inesperado: co achado casual dun
Óbolo de Vellón acuñado durante o reinado de
Afonso X O Sabio, entre os anos 1252 e 1284. A pequena peza foi atopada polo noso socio Xosé Troiano no entorno da Laxe da Moa, o cumio do Monte Pindo. Pesa menos dun gramo, mide uns 13 milímetros e estaría composta por unha aleación de prata e cobre. O seu valor equivalería a medio dinero (ou cinco maravedís), un valor da época que variaba en función do sitio onde fose acuñada. Neste caso, a moeda podería proceder da ceca da Coruña, o que fai o descubrimento aínda máis valioso.
Cada unha das caras conta con diferentes motivos. O anverso conta coa inscrición CA.ST.EL.LE cinguindo un cadrado que contén un castelo, e unha ceca debaixo bastante deteriorada que semella unha vieira que o adscribiría inconfundibelmente á ceca da cidade herculina. No reverso, a inscrición LE.GI.ON.IS rodea un cadrado que contén un león.
O óbolo de vellón sería acuñado precisamente na mesma época na que os expertos datan
a inscrición achada recentemente na ermida do Monte Pindo, e que podería corresponderse á súa data fundacional ou dunha reconstrución posterior. Isto podería suxerir un certo vencello entre os dous achados, e mesmo que existiu nese tempo peregrinaxe á ermida e unha tributación a aquela que fose a súa advocación, cousa que como outros moitos detalles da edificación aínda descoñecemos.
|
Veciños de Lugo no Monte Pindo |
Polo demais, a comitiva percorreu o treito entre as aldeas do Fieiro e Quilmas acompañada por unhas condicións meteorolóxicas moi benevolentes, sen calor ou frío excesivos, coincindindo cun día no que tamén se desenvolviu o
IV Mercado Ecolóxico de Quilmas, nesta ocasión dedicada á resposta contra as fumigacións masivas de eucaliptos pola Xunta que están a ameazar ás abellas, e na que a nosa Asociación contou novamente cun posto informativo.
Actualización a 22 de maio de 2012
O arqueólogo Laureano F. Carballo, académico e profesor do
IGEC (Instituto Galego de Estudos Célticos) especializado en numismática, acaba de confirmarnos que a peza procede sen lugar a dúbidas da ceca (fábrica de moeda) da Coruña.