03/04/12

Ultimando os preparativos da Manifestación do 14 de abril a favor de que declaren o Monte Pindo Parque Natural

Cartel de Tokio (baixar en PDF ou JPG)
A dez días da Manifestación e á luz dos últimos acontecementos vividos co medio ambiente galego, cada vez notamos máis os ánimos de respaldo á Marcha Monte Pindo coa que agardamos amosarlle a Xunta o argumento que os convenza definitivamente de declaralo Parque Natural.

Os pasos firmes que se veñen dando nos últimos meses confirman que a negativa de sacar adiante a proposta carece dun só argumento. Hoxe podemos anunciar que xa se sumaron case un cento de entidades de todo tipo á demanda cidadá; que contamos co respaldo total dos concellos máis implicados (Carnota e Dumbría); que temos o impulso definitivo de todo o empresariado da Costa da Morte; e sobre todo, que contamos coa adhesión individual de moitísimos milleiros de cidadáns de Carnota, da Costa da Morte e de toda Galicia que queren ver o Monte Pindo máis coidado, desenvolvido e aproveitado para beneficio de todos.

Tendo o vento tan a favor que ata a propia Xunta modulou hai pouco a súa postura. Só nos queda desenvolver un bo papel na foto-finish: que o 14 de abril se convirta nunha auténtica festa masiva de apoio ao Monte Pindo e a un medio natural galego que non vive os seus mellores momentos. Porque a natureza precisa de nós, e nós precisamos da natureza, contamos contigo.

O Parque Natural do Monte Pindo será o primeiro Parque Natural galego que partiu da sociedade. Será o primeiro Parque Natural da nosa querida Costa da Morte, e tamén vai ser un dos potenciais para o seu desenvolvemento social e económico. Pero, sobre todo estamos convencidos de que marcará un punto de inflexión de cara as políticas dirixidas ao noso medio natural, pois amosaremos que as cousas pódense facer ben se se fan coa xente e non de costas á xente.

Todo o anterior comezará a cristalizar ás 12:00 horas do sábado 14 de abril nas inmediacións da célebre fervenza ou coadoiro do Ézaro, desde onde todos e todas partiremos pola estrada xeral ata a Praza da Solaina no Pindo, onde leremos un Manifesto cuxa misión é solicitarlle á Xunta que escoite o berro de PARQUE NATURAL XA!

O percorrido será breve e accesible, por estrada, evitando obviamente que a marea humana invada ningún espazo natural. Haberá autobuses desde as principais cidades galegas, cuxos datos iremos achegando nos vindeiros días. Ademais toda a marcha será amenizada con música e ao remate haberá unha carpa onde ofreceremos un xantar popular a todos os asistentes.

O 14 de abril, #IMOS!

MARCHA MONTE PINDO
Pola declaración de Parque Natural

Sábado 14 de abril ás 12:00 horas
Saída: Área recreativa do Ézaro (Dumbría)
Remate: Praza da Solaina (O Pindo)

Outros datos de interese:
Posto informativo da AMPPN na Praza da Solaina activo desde as 11:00 horas
Percorrido accesible para todas as idades e condicións físicas (por estrada asfaltada)
Duración aproximada: 32 minutos. Distancia: 2,7 quilómetros.
Servizo de orde propio para garantir o bo transcurso da marcha
Xantar popular baixo carpa con polbo á feira, churrasco e carne ao caldeiro
A marcha estará amenizada por grupos de música tradicional
Convocatoria pertinentemente comunicada á Subdelegación de Goberno
Difunde nas redes sociais! Temos un evento en Facebook. En Twitter empregaremos a hashtag #imos!

Para máis info, chama ao 655 56 43 72 ou escribe a info@montepindo.org

Percorrido

Ver mapa máis grande