15/04/12

Máis de medio milleiro de persoas desafían a choiva pola Declaración do Parque Natural do Monte Pindo


Imaxe: Juan Louro
 Máis de medio milleiro de persoas (segundo a estimación da Garda Civil) desafiaron hoxe unha choiva por veces torrencial, para pedir a Declaración do Parque Natural do Monte Pindo.

Imaxe: Juan Louro
No medio de cantos como "Monte Pindo, parque natural", "Queremos salvar o noso Pedregal", "A xente di que si, a Xunta di que non", ou "Máis inversións, e menos intencións", a manifestación convocada pola Asociación Monte Pindo Parque Natural percorriu os 3 quilómetros que separan o Ézaro do Pindo nunha demostración do respaldo que subscita a proposta para dotar ao Olimpo Celta desa figura de protección e desenvolvemento substentable da zona.

A marcha contou co apoio dos alcaldes de Carnota e Dumbría, e foi secundada por destacados persoeiros da vida cultural, empresarial e política, asi como por un extenso listado de entidades sociais de todo tipo (que figuran ao pe desta nota). No remate, que coincidiu cunha esperanzadora saída do sol, liuse o seguinte manifesto:
MANIFESTO POLO PARQUE NATURAL DO MONTE PINDO
 
O 7 de setembro do ano 2010, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Sociedade Galega de Historia Natural presentan unha proposta no Observatorio Galego da Biodiversidade, para a declaración do Monte Pindo, Parque Natural. Ao abeiro desta proposta un grupo de persoas concienciadas con ese sentimento  reúnense para crear unha asociación que apoie e defenda esa proposta. Así é como o 17 de outubro do 2010 nace a Asociación Monte Pindo Parque Natural, cuxo fin non é outro que apoiar a a declaración do Monte Pindo como parque natural. Pensamos os membros da asociación o que moitos galegos e galegas xa viñan dicindo fai tempo: que xa abonda, que o Monte Pindo non pode seguir abandonado á súa sorte, que todos xuntos temos que facer algo por recuperalo.
Por outra banda a Xunta de Galiza, o noso máximo organismo, aquel que ten que mirar polos galegos e todo o seu, tamén ten que mover ficha, non pode ficar de paparolo ollando como o noso patrimonio natural é destruído. Nós coidamos que o parque natural é a figura axeitada para a protección integral do Monte Pindo. Despois de máis dun longo ano de xa duro traballo e numerosas reunións e encontros a Xunta de Galiza di que tal como está agora xa está ben protexido.  U-la protección? O Pedregal sofre devastadores incendios cada década, os vehículos a motor campan ás súas anchas por toda a serra, atinxindo dano a flora e a fauna e estragando os camiños tradicionais, o noso patrimonio arqueolóxico é atacado e saqueado, lembrémonos do ataque vandálico a inscrición de Penafiel. Este non é desgraciadamente o único acto rexeitábel, pois por todas partes aparecen pintadas que destruen a beleza natural do Olimpo Celta. O 4 de febreiro do ano 2012, a Comisión 7ª do Parlamento Galego ven de rexeitar unha Proposición non de lei apoiada polos grupos da oposición para instar a Xunta a declarar o Monte Pindo parque natural, unha vez máis a Xunta volve a rexeitar o criterio de de numerosos científicos, profesores universitarios, viciños, e ducias de colectivos sociais e sectoriais. O Olimpo Celta está clasificado como punto xeolóxico do estado español, polo seu abrupto relevo de rochas graníticas a rentes do mar. Ten un total de oito especies de plantas protexidas polo Catalogo Galego de Especies Ameazadas. Tres especies de fauna protexidas polo Catalogo de Especies Ameazadas, e sete especies protexidas polo Libro Vermello de Vertebrados de España. O estado español valorou declarar o Monte Pindo parque natural no ano 1917, ¡levamos 100 anos agardando que se faga realidade! ¡100 anos de oportunidades perdidas!. Porque reclamamos o parque natural para o Monte Pindo? Porque o parque natural pode desenvolver as medidas necesarias, vixilancia, para a prevención de incendios forestais. O Monte Pindo é un lugar cun alto potencial turístico, deben fomentarse os usos turísticos e recreativos sustentábeis, que non fagan minguar a calidade ambiental da área, nin poñan en perigo a conservación dos seus valores naturais e culturais. Que se creen partidas e postos de traballo para impulsar e programar actividades de información, interpretación e educación ambiental e o recoñecemento do patrimonio natural e cultural, que logren o respecto imprescindíbel para logralos obxectivos de conservación. O parque natural pode promove-la salvagarda dos bens e valores históricos, artísticos, culturais e arqueológicos, porque a Xunta de Galiza está obrigada a velar pola conservación e restauración nos casos que se requira dos valores arqueolóxicos histórico artísticos e etnográficos, e en xeral por todas as manifestacións artísticas que existan nun parque natural. No ano 2011 presentouse no Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, da Universidade da Coruña, a tese doutoral “Xéneses de cavidades graníticas en ambientes endóxenos e esóxenos”. Foi presentada por Juan Antonio Mayor Rodríguez, e dirixida polo profesor Juan Ramón Vidal Romaní. Sobre a importancia do macizo do Pindo o relator da tese é claro: “No referente a vertente humana e social, cremos que estas formas que acabamos de estudar deben ser consideradas como monumentos naturais e polo tanto ser obxecto de especial protección polas autoridades competentes. Ser referentes no que atinxe a súa xeomorfoloxía granítica, como xa o son noutras partes do mundo como por exemplo os Yosemites en California, Castle Rock en Idaho, ou Kangaroo Island en Australia. Son referentes en primeira liña a fervenza do Xallas, os tafoni-cova e os tafoni-pía, o cume da Moa e ás formas graníticas que se atopan o longo do seu percorrido. Por todo elo é ben merecida a aspiración a parque natural como figura legal pertinente de esta zona”. Hoxe 14 de abril do ano 2012, reclamámoslle a Agustín Hernández, Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galiza, que sen máis dilación declare o parque natural do Monte Pindo. E isto significa xa. Reclamamoslle que non peche os ollos a petición dos galegos e das galegas hoxe aquí xuntados. Non imos parar ate ter os nosos obxectivos cumpridos. Máis cedo que tarde o noso soño de ser parque natural vai-ser realidade. Parque natural XA!
CONVOCA
Asociación Monte Pindo Parque Natural
 
APOIAN (por orde cronolóxica)
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) · Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) · Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM) · Galiza Nova ·  Bloque Nacionalista Galego ·  AC Canle (Lira) ·  Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Rainha Lupa (Quilmas) ·  Plataforma pola defensa de Quilmas (Quilmas) ·  Plataforma pola defensa do Xallas (Costa da Morte) ·  Xurde Caldebarcos (Caldebarcos) ·  Comunidade de Montes de Caldebarcos ·  Galinus, Taller de Novos Medios ·  Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS) ·  Lonxanet ·  Club Montañeiros Celtas ·  Colectivo Urbano Lugrís ·  Confraría de Pescadores do Pindo ·  Proxecto Pindo Mariño ·  Confraría de Pescadores de Lira ·  Proxecto Mar de Lira ·  Cántigas da Terra ·  AC Cultura do País ·  Amigos da Terra ·  Asociación de Veciños Os Castros (Pontedeume) ·  Asociación de veciños Atocha, Monte Alto e Torre de Hércules (A Coruña) · ARCD Palavea Bravú (A Coruña) ·  FRUGA (Federación Rural Galega) ·  Luar na Lubre ·  AEC Verbo Xido (Terra de Montes) ·  Real Academia Galega ·  Amorim + Doporto Arquitectos ·  Comités ·  CostaMeiga.com ·  ACDR O Patín (Carnota) ·  Ecogalego.org ·  Asociación Neria ·  Asociación Galega de Horticultura Urbana ·  Banco de Tempo Fervello ·  Amigos dos Museos de Galicia ·  ASOAR-ARMEGA ·  Associaçom Galega da Língua ·  Asociación ecoloxista Naturviva ·  Asociación Veciñal do Saviñao (Lugo) ·  Asociación Xuvenil para o Estudo da Natureza (AXENA) ·  Colectivo Nacionalista de Marín ·  Encontro Irmandiño ·  Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro (Bueu) ·  Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo ·  Zocamiñoca ·  Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) ·  Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal ·  Clube Espeleolóxico Máuxo (CEM) ·  Verdegaia · EQUO ·  Plataforma pola defensa da Serra do Galiñeiro · Asociación Motivos d'Aldea (Bueu) ·  A Ría non se vende ·  aCentral Folque ·  Asociación Galega de Apicultura (AGA) ·  Club de Montaña e Escalada Azimut ·  Finisterrae ·  Galiza non se vende ·  Permacultura Eiras do Minho ·  Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo CÍES ·  Salvemos Monteferro ·  Asociación de Empresarios Costa da Morte ·  Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) ·  Asociación Socio-Cultural O Iríbio (Triacastela) ·  Árbore Consumo Consciente ·  Federación Ecoloxista Galega (FEG) ·  Foro Social de Cangas ·  Sociedade Galega de Ornitoloxía ·  Partido da Terra ·  Asociación Pro Enfermos Mentales (APEM) ·  Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) ·  Fundación Sen Esquencer ·  Fundación Gonzalo López Abente (Muxía) ·  Confederación Intersindical Galega (CIG) · Asociación Ambiental Senda Nova ·  Asociación Cultural Monte da Estrela (Arteixo) ·  Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia ·  Asociación Cultural Mar de Muros ·  Charanga Tabernícolas do Leiradal ·  Parque Natural de Barbate