20/04/12

Máis apoios importantísimos para a declaración de Parque Natural

Despois dun paréntese pola recente Manifestación, seguimos recibindo multitude de apoios para instar a Xunta a declarar o Parque Natural do Monte Pindo. E a cada un deles debemos darlle as grazas máis sinceiras por incorporarse a unha causa que só pretende que a protección do noso medio natural sexa máis efectiva e útil para que a xente de Carnota e do seu entorno teña máis oportunidades e a súa calidade de vida sexa un pouco mellor cada día.

Asociación Ambiental Senda Nova
Outro colectivo de Carballo, que esta fin de semana nos acompañou cunha comitiva na Manifestación, incorpórase así á reivindicación pola protección e o desenvolvemento do Olimpo Celta.
A Asociación Ambiental Senda Nova é unha entidade sen ánimo de lucro de carácter cultural, ambiental, deportivo e prestadora de servizos a mocidade. Conta cunha importante traxectoria no deseño de roteiros pola Costa da Morte e bisbarra asi como actividades conmemorativas de datas como o Día da Árbore, o Día das Montañas, e xornadas de sensibilizaciónque chegan ata Asturies. Desde aquí saudamos unha colaboración que sen dúbida traerá moitos e bos frutos.

AC Mar de Muros
A Asociación Cultural Mar de Muros adire-se á demanda de declaración do Monte Pindo como Parque Natural e participa con vos na defensa do noso património, quer natural (Monte Pindo) quer material e imaterial (navegación tradicional e cultura mariñeira), que é o noso ámbito de traballo. Adiante!
Desde o noso veciño concello do sur recibimos a adhesión dun dos colectivos máis interesantes e activos: A Asociación Cultural Mar de Muros destácase pola súa labor na recuperación da memoria mariñeira tradicional, coa celebración de varios encontros de embarcacións tradicionais na baía muradana asi como as Xornadas da Cultura Mariñeira, que camiñan cara a súa 8ª edición. No 2009 este traballo pola posta en valor da cultura mariñeira culmina coa recuperación dunha embarcación tradicional das que non hai tantos anos estaban cheas as nosas costas, a buceta, por suposto bautizada como Mar de Muros.

AC Monte da Estrela
No verán de 2008, preocupados polo que consideran o ocaso da cultura tradicional do seu concello pola industrialización, nace en Arteixo a Asociación Cultural Monte da Estrela, unha entidade que xurde "como solución para reconstruir esta débeda co pasado". Para cambiar a situación e conseguir que Arteixo comece a potencializar o seu patrimonio cultural, chaman a unirse para salvar un legado que consideran abocado a perderse: inmobles e obxectos mobles de interese artístico, histórico, paleontolóxico, arqueolóxico, etnográfico, científico e técnico, o patrimonio documental e bibliográfico os xacementos e zonas arqueolóxicas e os sitios naturais, xardíns e parques de valor artístico, histórico ou antropolóxico. Loita que extenden agora ao non tan lonxano Monte Pindo apoiando a súa declaración como Parque Natural.

AERCEGSA
A Asociación Española para la Recuperación, Conservación y Estudio del Gusano de Seda Autóctono, remítenos por voz do seu presidente Francisco Xavier Jurado Torres, descendente de galegos, a adhesión dun colectivo de ámbito estatal que desde hai un tempo dedica os seus esforzos á entomoloxía e máis concretamente á recuperación da tradición sericícola e dos especimes autóctonos do verme da seda (Bombyx mori, Morus alba e Morus nigra). Esta tradición desapareceu a mediados do século XX mais arráigase ata os florecentes tempos dos intercambios comerciais en Al-Andalus. Un grupo de entendidos e afeccionados a esta especie négase a deixar desaparecer unha actividade que ata hai relativamente pouco tempo alimentaba moitas familias. Desde o Olimpo Celta desexámoslle a nosa maior sorte das sortes para ese obxectivo tan noble.

APEM
Cando recibimos un apoio deste tipo é cando nos decatamos canto temos que agradecerlle a moitos colectivos sociais cuxo traballo case invisíbel axudan día a día a crear unha sociedade moito mellor para todas e todos. Este é o caso da Asociación Pro-Enfermos Mentais (APEM), que dedica os seus esforzos á plena integración e mellora da calidade de vida das persoas que sufren algún tipo de discapacidade psíquica.
O seu abano de actividades dirixidas a este sector da poboación vai desde o apoio ao acceso ao emprego e á vivenda, a autoaxuda para desenvolveren unha vida diaria o máis normalizada posíbel ou a realización de actividades de lecer e estímulo.
Temos que anunciar que ademais do seu apoio á declaración de Parque Natural, APEM considera que todo o que o Monte Pindo representa supón unha temática idónea para desenvolver certas actividades para as persoas que atenden, asi como a participación nunha charla-debate no programa de radio que os rapaces e rapazas de APEM desenvolven cada mércores en Radio Nordés. Agardamos que axiña poidades ver os resultados desta colaboración.

Charanga Tabernícolas do Leiradal
Como ía faltar o apoio dos máis festeiros! A Charanga Tabernícolas do Leiradal radica a súa base de operacións no Leiradal (Lariño) a cabalo entre os concellos de Muros e Carnota, desde onde organizan o asalto musical de toda xuntanza popular que se preze a golpe dos seus ritmos deseñados para poñer a bailar ata aos máis reticentes. Non podemos deixar pasar a ocasión para rescatar unha desternillante parodia gravada con motivo das Canle Nius da AC Canle de Lira, e protagonizada polo tabernícola Pepe Sacau para saudar desde o alto do Monte Pindo a independencia de Montenegro en 2006.

CES
O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) leva desde o 1988 defendendo a natureza da comarca do Salnés. Desde entón, levan sen parar desenvolvendo iniciativas de protección, aprezación e divulgación dos valores da zona tales como fiscalización das actuacións con repercusións negativas no medio, propostas para solucionar problemas ambientais, recollida de datos sobre flora, fauna, e litoral, programación mensual de actividades de coñecemento do medio, recuperación de aves feridas, campañas e charlas divulgativas ou a edición de publicacións específicas sobre o medio ambiente do Salnés. Este novo apoio consolida o importantísimo respaldo que temos recibido de todo tipo de colectivos das Rías Baixas.

CIG
O apoio da Confederación Intersindical Galega (CIG) á declaración do Parque Natural do Monte Pindo é un tremendo sualto cualitativo e cuantitativo para a nosa demanda, pois significa a adhesión da asociación máis grande de Galiza con máis de 80.000 afiliados e afiliadas. A central sindical nace como tal no ano 1994 coa fusión da INTG e da CXTG, e desde aquela foi medrando ata lograr ser no 2007 o segundo sindicato galego en nº de delegados e acadando a consideración xurídica de sindicato máis representativo. Conta con estrutura orgánica en todas as comarcas galegas ademais dunha estrutura federativa que abrangue todos os sectores da actividade laboral.
Na manifestación do 14 de abril estivo representada polo seu secretario local Xabier Santos.

Fundación Gonzalo López Abente
A muxiana Fundación Gonzalo López Abente naceu no 2010 para dar a coñecer a vida e a obra de López Abente asi como de outros escritores e poetas na nosa lingua. Acaba de ser declarada de interese galego para premiar o seu traballo pola dinamización cultural de Muxía e o seu entorno, que culminou coa publicación de Bretemada, obra poética inédita deste autor que foi das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos e mesmo presidente da AELG (da que por certo recibimos recentemente o apoio). A súa prolixa carreira viuse literalmente depurada por un golpe de estado franquista que lle custou a súa carreira xudicial pero que non foi quen de cercenar o seu compromiso coas nosas letras, o que lle valeu a dedicatoria do Día das Letras Galegas en 1971.

Fundación Sen Esquencer
A Fundación Sen Esquencer radícase no Val do Dubra desde onde dedica os seus esforzos á preservación da memoria social, cultural e o entorno ecolóxico. Declarada de interese galego no ano 2007, comunicounos o apoio o seu presidente Fran del Buey, non sen esquecer a última excursión organizada polo seu colectivo na que "case nos come a néboa". Agardemos que, coa súa axuda, se rematen disipando todos os neboeiros que nos separan do noso obxectivo de ver un Monte Pindo máis coidado, desenvolvido e aproveitado para o beneficio de toda a sociedade.

Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia
O Consello Regulador da Castaña de Galicia conseguiu no 2009 algo que non hai tantos anos parecía unha utopía: a protección e posta en valor dun ben medioambiental de primeiro orde, como son os castiñeiros e as castañas, de xeito que repercuta na mellor calidade de vida dos que desenvolven a súa actividade arredor destas árbores. Máis ou menos o mesmo que pretendemos na Asociación Monte Pindo: eles conseguiron a súa Denominación de Orixe, e nós queremos conseguir o Parque Natural. E non se pode dicir que lles fose mal, polo que din: foi unha verdadeira lotaría para os 13 produtores acollidos á IXP (entre produtores, distribuidores e procesadores) e sobre todo para o medio natural. Agardamos poder compartir o secreto do seu éxito, coa súa inestimábel axuda mediante a adhesión aun Parque Natural que beneficiará a toda a cidadanía sen distinción.

Parque Natural de la Breña y Marismas de Barbate
Desde terras andaluzas chegounos o primeiro apoio desde un parque natural o propio día da Manifestación, o do Parque Natural de la Breña y Marismas de Barbate (Cádiz), demostrando que o amor polo medio natural e o Olimpo Celta non entende de fronteiras nin latitudes. Convidámosvos a descubrir este parque gaditano declarado en 1989 con máis de 5 mil hectáreas que comprende o maior piñeiral da provincia, sementado para frear o avance das dunas móbiles. E ao igual que o Monte Pindo, tamén conta cunha torre, a del Tajo, para vixiar as costas das invasións marítimas.

Pensión Rústica A Laxe
Sen dúbida unha das futuras xoias do Parque Natural será este punto de descanso para os seus visitantes. A Pensión Rústica A Laxe é unha fermosa casa tradicional do Pindo restaurada e posta a disposición de quen queira achegarse a coñecer o noso entorno, ou simplemente pretenda desconectar por uns días da rutina diaria. Conta con 3 habitacións bautizadas bucólicamente Monte, Mar e Río: a primeira ofrece unha vista da ladeira do Monte Pindo, a segunda amosa a paradisiaca praia de San Pedro e a terceira descolga a ollada do visitante sobre o ora bravo ora calmo Rego da Laxe. O seu apoio, que se suma ao conxunto do sector turistico da Costa da Morte representado en APTCM, confirma que desde este sector confían en todas as posibilidades que o primeiro parque natural da Costa da Morte ofrecerá para o desenvolvemento da bisbarra.

PSdeG-PSOE
Por último en orde, que non en importancia, chéganos o apoio do Partido dos Socialistas de Galicia, o PSdeG-PSOE. Un apoio que tivemos claro que resultaba para nós fundamental desde os primeiros pasos da nosa andaina, pois representa nada máis e nada menos que a segunda forza política do arco parlamentar galego en número de votantes. Aínda que o responsable carnotán Suso Campos desculpou a asistencia á manifestación do 14-A por contar cun compromiso ineludíbel, transmitiunos que contamos co seu apoio, respaldo que tamén nos prestou José Manuel Pequeño, alcalde de Dumbría, ou Francisco Caamaño, entre outros referentes socialistas.

Grazas a este apoio hoxe podemos dicir que o respaldo da clase política galega é case unánime, pois só resta o do Partido Popular. Agardamos que axiña este último escollo quede superado, pois en breve volveremos reunirnos con Agustín Hernández, Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, para facerlle entrega da actualización do documento polo que pedimos que declare o Parque Natural do Monte Pindo asi coma o listado de apoios, cousa á que nos emprazou na última xuntanza que mantivemos.