Pois ben, a Asociación Monte Pindo Parque Natural acaba de ter acceso ás imaxes obtidas polos aparellos americanos sobre o concello de Carnota, que agora colgamos en Internet para todos os nosos visitantes. Poucos lembran que hai menos de 60 anos Lira era pouco máis que o Miñarzo e unha enorme duna, que na Gándara de Caldebarcos había media ducia de casas e na de Lariño ningunha, ou que no Pindo apenas estaba comezando a edificarse sobre a antiga lagoa. Estaba a túa casa? Como era entón o teu recuncho favorito? Por onde andaba a xente? Estas, e moitas outras sorpresas, agárdanvos con este ortomapa obtido xusto despois da construción da ponte do Ézaro e da estrada comarcal que cambiaron definitivamente e para sempre o noso contorno. Disfrutádeo.
Pulsa na imaxe para abrir a tamaño completo (JPG, 7,5 MB) |
Novas imaxes únicas do Coadoiro
Falando de voos, o dun microcóptero (un helicóptero en miniatura con varias aspas que se utiliza para gravar) revelou novas imaxes rarísimas do Coadoiro do río Xallas, partindo desde o fondo da gorxa granítica e elevándose ata as derradeiras pozas que a auga da ría frustrada do Xallas foi labrando a través dos séculos. As imaxes son de Alberto Castaño e tivemos coñecemento das mesmas vía Juan Ramón Vidal Romaní, que á súa vez coñeceu o proxecto neste blog. Os adxectivos poñédeos vós, nós xa os esgotamos a primeira vez que vimos as imaxes.