Ben sexa pola recente reunión co conselleiro de Medio Ambiente Agustín Hernández, ou ben pola proximidade da Manifestación do 14 de abril, o certo é que estamos sendo sobrepasados polas numerosas adhesións á causa da declaración do Parque Natural do Monte Pindo, unha reivindicación que cada vez conta con máis respaldo e con menos dúbidas entre todos os sectores sociais implicados. Hoxe son nove, onte foron seis, antonte foron trece... e que sen dúbida serán moitos, moitísimos máis apoios se a Consellería non move ficha dunha vez.
A Ría non se vende
Co apoio da plataforma A Ría non se vende recibimos tamén as forzas dos 21 colectivos que conflúen ao seu abeiro desde o ano 2006 para combatiren as múltiples agresións puntuais do medio litoral das Rías Baixas: recheos, ampliacións industriais, etc. Abonda cunha ollada rápida na súa páxina para descubrir que deben multiplicar os esforzos para tentar poñer freo ás ameazas que de man da especulación e o desleixo pretenden dar ao traste coa nosa paisaxe costeira a cambio dun determinado rendemento económico para uns poucos.
aCentral Folque
Desde logo o mundo musical galego non fai ouvidos xordos á reivindicación do Parque Natural do Monte Pindo. aCentral Folque é un proxecto fundamentado no estudo, promoción e divulgación da música galega cun enfoque aberto, global e contemporáneo. Exerce a súa actividade nas áreas de docencia regular en escolas de Santiago e Pontevedra e de produción profesional de eventos escénicos e pedagóxicos. aCentral Folque vén avalada pola experiencia de sete anos de funcionamento do CMTF de Lalín nos que se consolidou como centro de referencia nacional e internacional, atraendo a alumnado de toda a xeografía galega e estudantes chegados de Estados Unidos, Estonia, Portugal, Romanía… a pesar da carencia dunha titulación oficial para este tipo de ensinanza na Galiza.
Asociación Galega de Apicultura
Hoxe recabamos o apoio da Asociación Galega de Apicultura (AGA), o que nos congratula moi especialmente porque ademais de tratarse dun colectivo que traballa para poñer en valor unha tradición milenaria e totalmente substentábel en termos medioambientais, coincide que unha das prioridades da nosa Asociación é recuperar a apicultura tradicional nas abas do Monte Pindo, unha actividade que estivo a piques de desaparecer mais que agora grazas á inquedanza social cada día da máis alegrías, como a recente restauración dunha antiga alvariza no entorno de San Cibrán polos veciños de Caldebarcos ou os traballos da CAE Rainha Lupa (Quilmas) no mesmo senso. Sen dúbida as vías de colaboración que poden estabelecerse traerán doces resultados!
Club de Montaña e Escalada Azimut
Luis Arocas foi o encargado de comunicar a adhesión do Club de Montaña e Escalada Azimut, que é o segundo colectivo de montañeiros deste país que se une á defensa do Monte Pindo. Sen dúbida cunha apropiada atención o macizo carnotán pode converterse nun dos puntos quentes da escalada en Galiza; de feito foron moitos os amantes deste deporte que nos preguntaron nas últimas semanas acerca de vías de escalada neste entorno, que hoxe son inexistentes.
A Asociación Monte Pindo desaconsella nestes momentos a práctica da escalada no Olimpo Celta ata que existan unhas instalacións homologadas e que garantan a seguridade dos usuarios, cousa que -agardamos- será posíbel en canto o Monte Pindo sexa Parque Natural.
Finisterrae
Desde o sector turístico da Costa da Morte non perden ollo da nosa actividade. Despois da adhesión da patronal de turismo da Costa da Morte, da Asociación Neria e do portal CostaMeiga, hoxe recibimos o apoio de Finisterrae, un portal web de servizos que pretende fornecer de todo tipo de información de interese para axudar a organizarse aos visitantes que queiran achegarse á nosa bisbarra.
É perfectamente comprensíbel que un diamante en bruto como será o Parque Natural do Monte Pindo conte co absoluto respaldo deste sector, e por iso nos comprace atoparnos con tan boa acollida entre os excelentes profesionais da Costa da Morte.
Galiza non se vende
Máis que unha asociación Galiza non se vende é unha rede da que forman parte ata 58 colectivos de toda vocación, procedencia e obxectivos, mais cun denominador común claro: a defensa do medio ambiente, sobre todo os ecosistemas litorais, baixo unha premisa: "terra viva, e vida digna para todas e todos". Esta máxima non pode definir mellor os nosos propios principios: Débese protexer o Monte Pindo, mais de xeito que esa protección sirva para que os veciños poidan vivir dignamente. E iso só podemos conseguilo coa figura de Parque Natural.
Eiras do Minho
Cun pe en Portugal e outro en Galiza, o colectivo Permacultura Eiras do Minho, conformado por persoas de ambas beiras do río Miño que se aglutinan arredor do concepto de permacultura, unha filosoía que avoga pola integración harmónica de vivenda e paisaxe, aforrando materiais e refugallos, de xeito que a residencialidade dun espazo non repercuta en agresións aos seus recursos naturais. Un proxecto que fai da substentabilidade unha bandeira é un apoio máis que desexábel para a nosa causa.
Plataforma CÍES
A Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo CÍES é o paraugas baixo o que se albergan desde 1993 un total de 56 organizacións da vida asociativa, comercial, sindical, universitaria, ambiental, mariñeira e marisqueira da comarca de Vigo defenden os seus intereses conxuntos e a defensa medioambiental dunha ría ameazada pola contaminación e o urbanismo incontrolado que poñían en risco a fauna e a flora mariña asi como o medio de vida directo e indirecto de milleiros de persoas. Tamén queren estar a carón dos veciños da Costa da Morte na loita polo seu primeiro parque natural.
Salvemos Monteferro
Desde Nigrán recibimos a adhesión dun colectivo, Salvemos Monteferro, aglutina desde 2006 a un conxunto de cidadáns preocupados pola posíbel deforestación e urbanización do único paraxe costeiro aínda sen urbanizar na banda sur da Ría de Vigo, dende Redondela a Nigrán... Monteferro. Vaia desde aquí todo o noso ánimo e forzas para frear dunha vez por todas unha masificación urbana que, se ben xa en tempos da burbulla era demencial, nestes momento tórnase un auténtico despropósito.