Detalle da muralla do Monte Pindo (Imaxe: Soledad Feloza)
Unha fascinante hipótese loita por abrirse paso na férrea estrutura histórica que ata agora se da por aceptada. E o Monte Pindo forma parte fundamental desta idea. Puideron ser os nosos montes os lugares máis seguros descritos polo bispo e historiador hispano-romano Idácio no século V, onde os nosos antepasados suevos subían a refuxiarse en caso de ameazas para as súas posesións e mesmo para as súas vidas? Que visos de certeza pode ter a hipótese dos castella tutiora? Pode ser o Monte Pindo un deles, ou mesmo o máis septentrional da península ibérica?
O Monte Pindo visto do Castro de Mallou (Foto: J. L. Galovart)
O amante da arqueoloxía Manuel Gago baséase na escasa investigación histórica e arqueolóxica compilada ata o momento, asi como nos indicios atopados en determinados lugares clave da nosa xeografía (entre eles o Monte Pindo), para asegurar que si. No caso do Olimpo Celta, parece claro que nunha época aínda por determinar (pénsase que entre o séculos V e VI) o seu cume estivo completamente amurallado, aproveitando os seus peñascos naturais e pechando dez hectáreas con ciclópeos muros de granito nos seus pasos: un verdadeiro traballo de xigantes; pero é que, ademais, coincide coa aparente refortificación e abandono precipitado de castros coma o de Mallou, que puidera ser indicativo da necesidade dunha fuxida desesperada.
Amurallamento do Monte Pindo (Fonte: Elaboración Propia)
É difícil acreditar taxativamente na vericidade de todos estes interrogantes, máis sen dúbida agardamos que atraia a atención de especialistas de todas as disciplinas da investigación, pois este trataríase dun descubrimento que sen dúbida revolucionaría a nosa Historia, para pasar a contala desde o punto de vista do pobo, dos labregos e mariñeiros que residiron nas nosas poboacións centos e miles de anos atrás. Xustamente eses que nunca formaron parte das narracións épicas máis que no capítulo dos masacres de bárbaros que se asentaban nos territorios aplastados. Episodios absolutamente evocadores que xa forman parte indivisíbel da nosa memoria colectiva, coma o do Monte Medulio. E con isto non insinuamos nada.
Sen máis, queremos presentarvos a ponencia de Manuel Gago onde enuncia -entre outras cousas- a hipótese dos castella tutiora durante o evento TEDxGalicia. Disfrutádeo, e soñádeo!