15/03/12

O Monte Pindo irmánase este sábado co barrio coruñés de Monte Alto

Cartel do acto
A estreita amizade entre o herculino barrio de Monte Alto e o Monte Pindo, que xa fructificara meses atrás coa organización dunha multitudinaria visita ao macizo carnotán, acadará este sábado novas cotas grazas ao Irmanamento organizado pola Asociación veciñal Monte Alto-Atochas-Torre de Hércules e a propia Asociación Monte Pindo Parque Natural, coa colaboración inestimábel do Concello da Coruña e do Concello de Carnota.

O acto comezará ás 12:00 horas co saúdo no Campo de Marte entre os presidentes de ambos colectivos, Alberte Fernández e Xilberto Caamaño. A continuación plantarase un carballo no parque (onde participarán nenos do CEIP Curros Enríquez, representantes da maioría dos colectivos da cidade e os propios asistentes) e descubrirase unha placa conmemorativa, que servirá para recordarlle por sempre a toda a veciñanza e visitantes deste parque que un anaquiño do Monte Pindo tamén estará arraigado a partires do 17 de marzo en Monte Alto, pois como ben reza o texto, ambos territorios están unidos pola mesma Terra. O evento terá como mestre de cerimonias ao polifacético Xurxo Souto e será amenizado pola música tradicional dos rapaces e as rapazas da ARCD Palavea Bravú.

Logo do irmanamento, haberá un acto público no local da asociación veciñal anfitriona, no cal o secretario da Asociación Monte Pindo, Mario Maceiras, intervirá ás 12:30 na palestra "Parque Natural do Monte Pindo? Si, grazas!", explicando os múltiples valores naturais, xeolóxicos, patrimoniais... do macizo e tamén por que o colectivo carnotán, ducias de entidades de todo tipo e milleiros de cidadáns reclaman da Xunta de Galicia a súa inmediata declaración como Parque Natural. Ao remate abrirase un debate para que os asistentes formulen todas as súas dúbidas e suxestións, como vén sendo habitual en todos os actos da Asociación Monte Pindo.

Para despedir o acto, a iso das 12:45 proxectarase o documental "Sendeiros ocultos: Roteiro a Moa" dirixido por Andrés López, que durante media hora transportará aos veciños da Coruña por unha alucinante viaxe imaxinaria polas míticas paraxes do Olimpo Celta.

Na Asociación Monte Pindo Parque Natural estamos emocionadísimos pola excelente acollida da nosa reivindicación entre os colectivos veciñais da Coruña, por parte dos cales se agarda unha importante asistencia a este evento asi como á Manifestación do 14 de abril a favor do Parque Natural do Monte Pindo, pois ese día disporase un autobús para poder asistir desde a cidade herculina.

Convida, difunde e asiste! Todas e todos sodes convidados!