02/03/12

Batería de 13 novos apoios ao Parque Natural do Monte Pindo

Só uns días despois de recibir os apoios de O Patín e Neria, e canto máis se aproxima a Manifestación do 14 de abril, máis organizacións sociais de todo tipo queren transmitirnos o seu ánimo para que a cita sexa un éxito e remate ca consecución dos nosos obxectivos. E é que acaban de respaldar a declaración do Parque Natural nada menos que trece novas entidades, supoñendo un importantísimo impulso á nosa causa que agradecemos en igual medida a todas elas. Iso si, ata agora adoitábamos dedicarlle unha entrada a presentar cada colectivo que se adhería á nosa reivindicación, cousa que se torna nestes momentos inviábel ante o inxente volume de apoios que estamos recibindo.

Amigos dos Museos de Galicia
De parte dun bo amigo e investigador do Monte Pindo, o arqueólogo Felipe-Senén López, recibimos a adhesión dos Amigos dos Museos de Galicia, un colectivo que agroma en 1975 arredor do Museo do Castelo de San Antón. Desde aquela o grupo dedícase a coñecer e a divulgar o patrimonio museístico arqueolóxico de Galiza, no que conforma unha xeira exitosa que mesmo consegue, no 1996, adquirir as "Portas Ártabras" na cidade vella coruñesa.
O apoio desta entidade sen dúbida estimula futuros proxectos de musealización dos tesouros do Monte Pindo.
Pola presente, a nome propio e tamén como Presidente de Amigos dos Museos de Galicia sumámonos á proposta de PARQUE NATURAL para o MONTE PINDO, de cara a súa protección integral e rendabilidade agropecuaría, turística e cultural polos seus usuarios tradicionais, as súas parroquias.
Cunha forte e solidaria aperta,

Felipe-Senén López Gómez
Arqueólogo e Museólogo
Presidente de Amigos dos Museos de Galicia

ASOAR-ARMEGA
Desde os peiraos e as costas de toda Galiza chega un respaldo fundamental para a nosa reivindición. ASOAR-ARMEGA é unha asociación galega radicada en Corcubión que desde o ano 2005 aglutina os empresarios que dirixen a súa actividade profesional cara a pesca artesanal e o marisqueo. A Asociación enfoca o deseño das súas moitísimas actividades a contrubuír a acadar melloras económicas, laborais e medioambientais para este colectivo co fin de acadar un futuro mellor. Mais tamén reservan un espazo destacado paraá participación nas actividades e tarefas comunitarias da vida política, económica e social para a defensa dos fins que lle son propios. Hoxe é un dos colectivos máis importantes para o desenvolvemento substentábel da nosa bisbarra, e por iso o seu apoio á declaración de Parque Natural nos resulta tan gratificante.

Asociación Galega de Horticultura Urbana
A Asociación Galega de Horticultura Urbana pretende ser un núcleo de encontro entre persoas e colectivos para o intercambio de experiencias, productos e coñecementos sobre a Horticultura Urbana, así como o acercamento social entre elas. Agora ademais dese importante labor social e medioambiental, tamén respaldan a declaración do Monte Pindo como Parque Natural.

Associaçom Galega da Língua
De man do seu presidente Valentim R. Fagim, recibimos o apoio da Associaçom Galega da Língua (AGAL), un colectivo que pula desde 1981 pola normalización do noso idioma e polo reintegracionismo, unha corrente que defende que o galego e o portugués forman parte do mesmo diasistema lingüístico e que polo tanto as súas grafías deben converxer.
A este colectivo temos que agradecerlle a tradución de documentos sobre a nosa actividade ao portugués, o seu interese en participar nun vindeiro roteiro polo Olimpo Celta, e tamén que xa anunciaran que contarán con representación na Manifestación do 14 de abril.

Asociación ecoloxista Naturviva
Non podían faltar, e non deixan de chegar, os apoios das ducias de colectivos ecoloxistas que existen en toda Galiza. Juan José López é membro da Asociación ecoloxista Naturviva, de Agolada (Pontevedra), e queren que contemos coa colaboración da entidade pois concordan totalmente con que o Monte Pindo debe ser Parque Natural.

Asociación Veciñal do Saviñao
A Asociación Veciñal do Saviñao (Lugo) autodefínense como un colectivo pequeno, pero é precisamente a modestia a que consegue que calquera proxecto social chegue a bo porto. A Asociación Monte Pindo sempre defendeu que calquera figura de protección debe partir da sociedade e enfocarse á sociedade, e é por iso que aprezamos especialmente o apoio de organizacións tan cercanas aos cidadáns como son as Asociacións Veciñais. Benvido sexa o respaldo deste colectivo inmenso cuxos membros visitan frecuentemente a nosa bisbarra, segundo nos contan.

AXENA
A Asociación Xuvenil para o Estudo da Natureza (AXENA) nace dun grupo multidisciplinar, formado fundamentalmente por novos investigadores e estudantes de Bioloxía, Enxeñaría de Telecomunicacións, Imaxe e Son, e Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo, naturalistas todos eles. A súa especialidade formativa, combinada pola paixón polo disfrute responsábel da natureza, derivou no desenvolvemento de tecnoloxías que permiten estudar especies e espazos naturais sen interferir no medio nin nos seus comportamentos salvaxes. AXENA ofreceunos o total respaldo pois levaban un tempo sendo coñecedores da nosa iniciariva e consideran que o "paraxe único" que representa Monte Pindo é merecedor da figura de Parque Natural.

Banco de Tempo Fervello
O Banco de Tempo Fervello é un colectivo compostelán que nace de forma independente, impulsado pola propia cidadanía, moi vencellado ao movemento en auxe do comercio xusto, a horticultura urbana, o consumo responsable... sen dúbida unha iniciativa meritoria que xa sumou os seus folgos ao Olimpo Celta e ofrece a súa colaboración coas nosas propias iniciativas.

Colectivo Nacionalista de Marín
Desde Marín unha organización política local, Colectivo Nacionalista de Marín, amosounos tamén o seu apoio á declaración do Monte Pindo como Parque Natural.

Encontro Irmandiño
Tamén desde a esfera política chéganos o apoio dun partido, o Encontro Irmandiño de Xosé Manuel Beiras, que anunciou que ademáis de adherirse á reivindicación e manifestación do Parque Natural do Monte Pindo vai publicar un manifesto no que, ademais da problemática do macizo carnotán, vai destacar as moitas deficiencias que seguen a existir no noso medio ambiente e sobre todo a resposta nula ou errada que se lles da desde a administración.

Liboreiro (Bueu)
Santiago Corral fainos saber que a Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro de Bueu da que forma parte transmítenos o seu total apoio á reivindicación, e tamén que acudirán á Manifestación do 14 de abril a favor dun monte que consideran "toda unha xoia pra Galiza".

Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
Desde as Rías Baixas chéganos o apoio da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, unha entidade que aglutina a varias asociacións e colectivos (despois de consultalo con todos eles) da zona destacados na defensa do medio natural da bisbarra, e do monte comprendido entre os concellos de Marín, Moaña e Vilaboa. Desde o monte, e para o monte, a enerxía e as inquedanzas da veciñanza preocupada polo devir do medio ambiente atravesa as rías e confluirá o 14 de abril ás 12 no Ézaro, para esixir ao noso lado o Parque Natural do Monte Pindo.

Zocamiñoca
Desde Coruña chéganos o apoio das asociadas e os asociados en Zocamiñoca, Cooperativa de consumo consciente e responsábel, que tamén ofrecen o máximo respaldo ás nosas iniciativas. Trátase dunha entidade sen ánimo de lucro, un proxecto de economía social e cooperativismo no que as persoas sexan o máis importante. Sería difícil resumir toda a súa actividade, mais de tentar achegarse a unha definición cabería salientar termos como formación, fomento de hábitos sostibles, colectivización das tarefas e implicación en actividades de todo tipo que axuden a transformar a sociedade.