Unha nova avalancha de apoios ao Parque Natural demostra que está cada día máis preto de ser realidade, ou cando menos que a negativa inicial da Xunta cada día ten menos sentido. Ademais as 8 adhesións chégannos dun auténtico abano de sectores fundamentais no tecido social da Costa da Morte: os empresarios, os profesionais do desenvolvemento local, os amantes e estudosos da natureza, o sector financieiro... e moi especialmente, a sociedade, co apoio de dúas novas realidades veciñais do concello de Carnota: as asociacións veciñais Insua (Lariño) e Pedras da Area (Mallou e Maceiras), co que batimos unha barreira psicolóxica importante: 3 de cada 4 colectivos veciñais do Concello de Carnota (o 75%) xa se pronunciaron a favor do Parque Natural do Monte Pindo.
FECOM
Estamos ante unha desas adhesións que probabelmente ficarán gravadas na historia do Monte Pindo con letras de ouro. A Federación de Empresarios da Costa da Morte (FECOM) integra ao conxunto das asociacións patronais, e por tanto dos empresarios, da bisbarra. É por iso que este apoio nos resulta tan sumamente importante e estimulante, pois significa que o conxunto do noso tecido produtivo está completamente dacordo coa creación do primeiro parque natural da Costa da Morte.
Desde a Asociación Monte Pindo queremos facerlle chegar ao presidente José Gabín, ao seu equipo, e ao conxunto das asociacións empresariais integradas en FECOM o noso agradecemento por este paso de xigante para que o Parque Natural sexa en breve unha realidade que veciños, axentes sociais, sectores produtivos e amantes da natureza poidamos disfrutar e aproveitar para o desenvolvemento de toda a comarca.
AAVV Ínsua (Lariño)
Outro colectivo do concello de Carnota vén de sumarse á reivindicación do Parque Natural do Monte Pindo: A Asociación veciñal Insua da Parroquia de Lariño é un colectivo que adquiriu moita importancia hai máis dunha década coa organización dunha Festa do Porquiño que chegou a ser referencial na comarca. Tamén se erixira en máxima artífice da mellora da daquela pésima cobertura televisiva na parroquia.
A partir de aí, o colectivo esmoreceu, ata que en novembro de 2011 a práctica totalidade da veciñanza de Lariño saiu da súa letanía para arroupar unha asemblea que elixiu a Marcos Rama como presidente e botou o colectivo a rodar con forza renovada. Desde aquí enviámoslle os nosos mellores desexos nesta andaina tan ilusionante e agradecémoslle a súa adhesión a un Parque Natural que tamén será seu.
AAVV Pedras da Area (Mallou)
Tamén desde moi cerca do Monte Pindo outro colectivo carnotán transmítenos o seu respaldo: A Asociación de Veciños Pedras da Area agrupa e representa desde o ano 1994 aos veciños de Mallou e Maceiras, e ocúpase da súa vida cultural, social e forestal -pois tamén conta cunha Comunidade de Montes-. Pero sobre todo, é a entidade que organiza en agosto de cada ano a famosa Festa da Cachelada de Mallou, un evento que cada ano atrae a este pequeno lugar moitos centos de visitantes, por non dicir miles.
AFIPRODEL
A Asociación Finisterrae de Profesionais de Desenvolvemento Local (AFIPRODEL) ten a súa raíz nunha serie de contactos iniciados en 1989 por varios traballadores deste sector, que conseguiron por en común as súas inquedanzas coa constitución na Costa da Morte deste colectivo profesional. O seu obxectivo é defender e dignificar aos que se dedican profesionalmente ao desenvolvemento local e potenciar os recursos municipais para acadar un desenvolvemento económico- social global, ambiental , harmónico e sustentable.
Dolores Pena, presidenta de AFIPRODEL e ADL do Concello de Carnota, foi a encargada de transmitirnos o apoio deste colectivo, aprobado en Xunta Directiva esta semana.
Tamén nos comunicou outra noticia de calado: na mesma reunión AFIPRODEL converteuse en asociación de ámbito galego polo que pasará a representar os profesionais deste ámbito en todo o País.
CEMMA
Desde o colectivo dos amantes e investigadores da vida mariña transmítennos hoxe un apoio destacado: A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) é unha ONG galega (membro da Sociedad Española de Cetáceos e da European Cetacean Society) que leva desde o ano 1992 estudando os mamíferos (especialmente os cetáceos) e as tartarugas mariñas de Galiza da man de institucións estatais e internacionais, e divulgando o seu traballo mediante exposicións, conferencias e cursos. Dende 1999 CEMMA é, ademais, a institución responsábel da asistencia aos varamentos na costa galega, a xestión do banco de mostras oficial, a recuperación de animais feridos, o estudo poboacional destas especies e a redacción dos plans de xestión das especies máis ameazadas.
Con este currículo, é doado entender a nosa ledicia por podermos contar con este apoio que abre máis aínda o abano de sectores que queren estar ao noso carón da defensa dun monte que se destaca, precisamente, polo seu íntimo vencello co mar: o seu cumio elévase ata os 627 metros de altitude a apenas 2 quilómetros da liña de costa.
COOP57
O apoio de COOP57 á declaración de Parque Natural é nada máis e nada menos que o primeiro que recibimos desde o sector financieiro. Mais como non podía ser doutro xeito trátase dunha desas entidades excepcionais que pretenden obrar dun xeito completamente distinto á banca tradicional. Para mostra, os seus principios: banca ética, investimentos que non amparen actividades destrutivas nin a explotación de seres humanos, e sobre todo que se destaque por ser solidaria con quen máis o precisa e transparente na súa xestión.
Os seus inicios no 1996 son un perfecto exemplo da actitude que promulgan: un grupo de traballadores despedidos dunha editorial catalá decidiron destinar as súas indemnizacións para crear o que hoxe é COOP57. Un bo exemplo de que na economía, igual que no medio ambiente, as cousas pódense facer ben se conseguimos implicar aos directamente afectados. Grazas ao seu Consello de Sección polo seu apoio unánime.
Equo
Un xoven partido político, o primeiro de ámbito estatal, tamén secunda a declaración do Monte Pindo como Parque Natural. Equo Galicia, por voz da súa voceira Loli Tobío, acaba de transmitirnos o apoio da entidade, en consonancia coa súa aposta "polas iniciativas que procuran por en valor os nosos recursos naturais pensando na sostenibilidade".
Desde Equo consideran igual que nós que "a proclamación do Monte Pindo como Parque Natural sería un xeito de protexer a súa contorna así como apostar polo futuro da nosa xeografía".
Pegadas de Píntegas
O Grupo de Montaña Pegadas de Píntegas é o último colectivo de amantes dos montes que quere apoiarnos na nosa causa, e así nolo comunicou o seu secretario Eduardo Navarro. Nacida no 2009 en Lugo e hoxe integrada na Federación Galega de Montañismo, a súa intención é servir de vinculo catalizador para o desenvolvemento de calquera tipo de actividade relacionada co medio natural, moi especialmente ás disciplicas do montañismo, o sendeirismo e a escalada, ás que dedican un completo programa anual de actividades, que vos convidamos a coñecer. Grazas a Pegadas de Píntegas e ao conxunto dos amantes da montaña por facernos sentir tan respaldados desde que comezamos a nosa andaina.