07/02/12

Monte Pindo, xoia na tempestade

Idílico lirismo, unha emoción exultante do espírito cando emerxen as lembranzas dos afastados tempos dunha crianza soñadora e de apego coa terra. Ansiado era febreiro, coa festa do namoramento alado, o día afortunado da Candeloria en que todos os paxariños formalizaban e oficializaban a súa relación de parella.

Este ano as nupcias voadoras coincidían coa proposición non de lei para declarar O Pedregal parque natural. Mal presaxio nos cantos nupciais, coñecedores dos implicados oficiantes oficiais.

Nesta ocasión e non será a derradeira, a pureza e forza do fogo purificador das candeas non tivo suficiente influxo, nin a maxia do día logrou enrocar as visión simplistas dos que argumentaron. Mais semella que polos resultados presentados, a protección do medio é o que menos importa, mentres tanto as brancas bágoas dos namorados voadores deixaron unha Galicia xélida.

Xeados corazóns e razóns, pois o Olimpo galego formou parte dunha comparsa anticipada de entroido, o mellor dito dun atranque dos xenerais da Ulla, onde os actuantes miran polo seu interese partidista e desbotan calquera outra alternativa, sexa lóxica ou non.

A todos e todas aquelas que fan política para vivir dela, aquí todos nos coñecemos e sabemos de siglas e silveiras protectoras, para todos vostedes o Monte Pindo non está no seu ínfimo alcance de miras. As súas olladas para un servidor son simplificacións da realidade, afectadas polo andazo que sen dúbida os minimiza, os seus prexuízos.

Exerciten neuronas, a esperanza en verde é que algún día actúen coa lóxica do equilibrio que nos transmite a natureza, a protección do patrimonio natural obriga a todos sen exclusións, neste eido non existen exclusividades.

As alfaias que a caprichosa nai natura puxo para o noso goce, e que os nosos antepasados conservaron e conseguiron legarnos deben ser protexidas, cantos máis pequenas e raras, moitos máis motivos para conservalas.

A nosa historia recente está saturada de atentados irreversibles contra o medio, o Monte Pindo latexa hoxe con dificultade, pois na súa contorna un batallón de muíños de vento abrasan co seu son e a súa ameazante ollada de esguello. Mentres tanto, na zona as parellas de namorados alados foxen para tentar acender a súa candela afastados de tan sublime e fermosa xoia, un monumento desprotexido.

Persiste a borraxeira na Moa, a tristura é manifesta na pétrea necrópole, as brétemas son agora o grande aliado do activo mulo da sen razón. Dende as profundidades a mensaxe do espírito moura é concluínte. O natural non é soño.

Publicado orixinalmente en Galicia Hoxe.

Xosé Manuel Lobato Martínez (Lestedo, 1958). Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación, licenciado en Pedagoxía e diplomado en Maxisterio. Profesor no IES Félix Muriel de Rianxo e investigador nun equipo da Universidade de Santiago de Compostela, onde desenvolve varias liñas de investigación relacionadas coa educación e a emigración.