03/02/12

A Asociación Monte Pindo rexeita a negativa do PP a crear o Parque Natural e convoca unha Manifestación o 14 de abril

De esquerda a dereita: Xilberto Caamaño, Mario Maceiras,
Ramón Noceda (alcalde de Carnota) e Fins Eirexas (ADEGA)
Esta mañá a Asociación Monte Pindo Parque Natural celebrou na Galería Sargadelos compostelá unha rolda de prensa para valorar o debate da Comisión 7ª do Parlamento Galego sobre a proposta de declarar o Monte Pindo Parque Natural, que se saldou con 5 votos a favor de BNG e PSOE fronte aos 7 votos en contra do PP, que volve a negarse asi a protexer o Monte Pindo desatendendo o criterio de numerosos científicos, profesores universitarios, veciños e ducias de colectivos sociais e sectoriais.

No acto participaron o presidente e o secretario do noso colectivo, Xilberto Caamaño e Mario Maceiras, o alcalde de Carnota Ramón Noceda e o secretario de ADEGA Fins Eirexas, que coincidiron na crítica á falta de argumentos do PP despois de que o BNG e o PSOE consensuaran e defendesen unha Proposición non de lei que pretende, ademais da creación do Parque Natural, que a protección se acompañe dunha serie de medidas para beneficiar a veciñanza e dinamizar social e economicamente Carnota e toda a comarca da Costa da Morte.

Os poñentes salientaron as lagoas e a inconsistencia do discurso da única forza do arco parlamentar que segue rexeitando a iniciativa en solitario, dado que nin sequera coinciden os motivos que alegan publicamente cos que esgrimen en privado. Ademais lamentaron que os populares non accederan a consensuar un texto conxunto no que puideran verse representadas as tres forzas, malia a insistencia da parlamentaria presentante, Isabel Sánchez. Todo indica que en realidade a oposición do PP xa estaba máis que predeterminada e que responde a criterios exclusivamente económicos, dado que saben perfectamente que a declaración de Parque Natural implica asumir por lei compromisos firmes mediante o establecemento de prazos e dunha partida económica específica que garantan que esta protección sexa útil e efectiva.

Xilberto Caamaño argumentou non existe un só motivo que desaconselle declarar o macizo carnotán como parque natural, tal e como pediron moitos e prestixiosos especialistas de todas as disciplinas, e a Xunta sábeo; por iso vese forzada a xustificar o inxustificable con excusas de mal pagador, desprezando a quen defende a iniciativa ou incluso divulgando interesadamente datos erróneos e mesmo falsos con tal de despachar a reivindicación veciñal sen que iso lle supoña adquirir compromisos firmes de traballo. Isto evidenciouse no texto alternativo proposto polo PP, que desvirtuaba a intención do orixinal anulando todo aquelo que implicaba comprometer prazos e investimentos para o Monte Pindo, e pretendendo converter o debate nun simple xesto cara a galería para aplacar a demanda social pero que non implicaba para as administracións adoptar ningún tipo de iniciativa a curto ou medio prazo.

O alcalde de Carnota Ramón Noceda amosou a súa preocupación porque a Xunta asegure que o Monte Pindo está suficientemente protexido na actualidade mediante a Rede Natura e os LIC, dúas figuras que non serviron polo momento para protexelo nin tampouco para axudar a desenvolver o seu entorno; de feito considera que a experciencia demostra que só se derivaron en trabas para o concello, os colectivos e os veciños que traballan para recuperar e aproveitar o seu medio tradicional, mentras que os grandes proxectos industriais plantexados para estes espazos protexidos reciben luz verde sen ningún obstáculo. O rexedor carnotán está convencido de que o Parque Natural xeraría novas posibilidades de desenvolvemento na localidade, partindo do respecto e o coidado do noso privilexiado entorno natural.

Por último, Fins Eirexas denunciou que unha comisión do Parlamento creada para defender o medio natural autorice no entorno do Monte Pindo proxectos tan controvertidos como 3 minicentrais, a ampliación das centrais eólicas e mesmo unha piscifactoría, na mesma sesión que rexeita protexer o Monte Pindo.

Convocada manifestación en Carnota de apoio ao Parque Natural

Por todo isto, e en vista da negativa da Xunta a dialogar e alcanzar acordos sobre a protección do macizo carnotán, a única alternativa é que o conxunto da sociedade tome a iniciativa, polo que a Asociación Monte Pindo convoca unha manifestación nacional a prol do Parque Natural do Monte Pindo, que terá lugar o sábado 14 de abril no Pindo (concello de Carnota) e que servirá para demostrarlle á Xunta o multitudinario respaldo con que a iniciativa conta entre a sociedade, os expertos e os axentes sociais.

Desde hoxe mesmo o colectivo e todas as persoas e entidades que xa se adheriron poranse a traballar para explicarlle a toda a sociedade as potencialidades que suporá o Parque Natural para o noso entorno e asi conseguir un respaldo masivo á mobilización convocada para o 14 de abril.