29/02/12

Impulso definitivo ao Parque Natural pola adhesión da Asociación Neria, que agrupa os 17 concellos da bisbarra

A Asociación Neria, un dos colectivos máis importantes da Costa da Morte e que aglutina os concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muros, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas, acaba de comunicarnos o seu apoio á declaración do Parque Natural do Monte Pindo asi como a súa adhesión á Manifestación do 14 de abril.

Mapa dos 17 concellos da Costa da Morte
que forman parte da Asociación Neria
A entidade, fundada en 1992 por iniciativa dun grupo de alcaldes da zona, pula polo desenvolvemento da Costa da Morte e pola coordinación de esforzos entre os 17 municipios da Costa da Morte e importantes sectores económicos para o benestar da cidadanía e a mellora da súa calidade de vida, asi como fixar poboación na bisbarra. Por isto é tan importante que esta institución entendera que o Parque Natural do Monte Pindo, que será o primeiro da Costa da Morte, pode converterse nun dos piares do desenvolvemento sostible de toda comarca. Asi o defendemos desde sempre na Asociación Monte Pindo, cuxo maior contributo sexa, tal vez, axudar a visibilizar a dimensión galega e comarcal do Monte Pindo.

A adhesión de Neria supón un impulso histórico e -agardamos- definitivo á declaración de Parque Natural do Monte Pindo, e asi esperamos que o entenda a Consellería de Medio Ambiente de Agustín Hernández, responsable da proposta de novos espazos naturais protexidos, que hai uns días xa tomou contacto e achegou posturas cos axentes sociais para que o beneficioso proxecto chegue a bo porto.

27/02/12

A Asociación O Patín de Carnota súmase ao Parque Natural

Segue medrando o listado de apoios para que o Parque Natural do Monte Pindo chegue a bo porto, e onde máis necesarios son: da propia veciñanza. O nivel de apoio veciñal con que conta a iniciativa en Carnota, e que mesmo sorprendeu hai uns días ao propio conselleiro, increméntase co respaldo dunha novísima asociación veciñal, a ACDR O Patín, con sede na parroquia de Santa Comba de Carnota, que adoptou o acordo por unanimidade. E o de novísima non só o dicimos porque se constituise no ano pasado, senón pola xuventude de todos os seus membros que aínda asi conseguiron que o colectivo xa se significase con multitude de iniciativas como un campionato de fútbol 7, unha viaxe a esquiar ou a recuperación do entroido na localidade, entre outras.

A Asociación Monte Pindo agradece este novo apoio dun colectivo que en pouco tempo tense gañado a pulso un nome no panorama asociativo local, saudamos o seu bo traballo e facemos recíproco o noso apoio ás actividades que nos plantexen.

O respaldo do colectivo súmase ao da AC Canle de Lira, a Xurde Caldebarcos, Rainha Lupa de Quilmas, as Confrarías de Lira e O Pindo asi como varias comunidades de montes, facendo que a gran maioría dos colectivos sociais do concello de Carnota xa se teñan pronunciado a favor do Parque Natural do Monte Pindo.
Comunicado da ACDR O Patín

Á atención da comisión rectora da Asociación Monte Pindo Parque Natural,
Somos a Asociación Cultural Deportiva Recreativa "O Patín", formada principalmente por xente nova do lugar de Carnota e arredores. Establecémonos o ano 2011 para levar a cabo todo tipo de actividades culturais e deportivas xunto coa veciñanza de Carnota.
Na asamblea extraordinaria que celebramos o pasado 28 de xaneiro de 2012, a directiva da ACDR O Patín acordou por unanimidade ofrecer á Asociación Monte Pindo Parque Natural o noso apoio no seu obxetivo de lograr a declaración de Parque Natural para o monte máis coñecido do noso concello.
Pensamos que o Monte Pindo é merecedor de dita declaración pola súa importancia histórica, simbólica e natural, ademáis de que este feito suporía unha axuda para a revitalización da nosa zona.
Sen máis, reciban un saúdo.

23/02/12

Axentes sociais e Xunta achegan posicións de cara á declaración de Parque Natural

A Asociación Monte Pindo sae moi satisfeita da reunión con Agustín Hernández

Agustín Hernández saúda ao presidente de Monte Pindo
Parque Natural ao remate do encontro
Satisfacción e esperanza. Este é o mellor resumo da xuntanza mantida esta tarde entre Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, e varios representantes do movemento social a favor do Parque Natural do Monte Pindo, a saber: Ramón Noceda, alcalde de Carnota; Serafín González, da SGHN; Fins Eirexas, de ADEGA; e Xilberto Caamaño e Mario Maceiras, do noso colectivo.

A reunión desenvolviuse nun ton cordial, e o conselleiro quixo escoitar en profundidade os múltiples argumentos que expertos, representantes veciñais e institucionais esgrimen para defender a ideoneidade desta figura de protección no macizo carnotán. Agustín Hernández amosou unha absoluta receptividade que cando menos modifica substancialmente a negativa mantida pola Xunta ata hai uns días.

Deste xeito os asistentes foron debullando as características que fan o Monte Pindo merecedor da declaración como Parque Natural. Estes argumentos foron respaldados polos representantes dos dous maiores colectivos ambientalistas galegos, ADEGA e SGHN, que apostillaron que o futuro Parque Natural parte dunha situación sen precedentes: conta desde o inicio co respaldo do ecoloxismo pero tamén cun amplo apoio social: concellos, cidadáns, empresas e hostaleiros, etc. Isto crea unhas potencialidades para o éxito do proxecto sen parangón noutros lugares e tamén garante que os veciños non só serán os máximos beneficiarios do Parque Natural, senón que poderán participar directa e activamente na toma de decisións sobre o mesmo.

O conselleiro recoñeceu que non coñecía determinadas premisas da reivindicación que en todo caso valorou moi positivamente, e propuxo establecer en adiante unha comunicación fluída cos axentes sociais que sirva para facilitarlle á consellería toda a información precisa sobre a iniciativa, de cara a asentar os primeiros piares da proposta.

A Asociación Monte Pindo saúda este achegamento coa persoa responsable da proposta de novos espazos galegos protexidos, agradece a receptividade do conselleiro e avalía a reunión como moi satisfactoria. Esta mesma sensación foi compartida polo rexedor carnotán Ramón Noceda e os representantes de ADEGA e SGHN. Agardamos que o encontro supoña o primeiro paso nun proceso que culmine ca declaración do primeiro parque natural da Costa da Morte.

22/02/12

O Conselleiro de Medio Ambiente cita á Asociación Monte Pindo en San Caetano

A xuntanza será este xoves 23 ás 18:45h. na sede da CMATI

Aínda que os precedentes non sexan do máis esperanzador polo acontecido hai un ano no Observatorio Galego da Biodiversidade e hai uns días no Parlamento Galego, o Parque Natural do Monte Pindo conta cunha nova oportunidade este xoves, e nesta ocasión sen intermediarios.

Será un encontro cara a cara entre a Xunta e unha comisión de representantes da reivindicación veciñal, que estará integrada por presidente e secretario de Monte Pindo, Xilberto Caamaño e Mario Maceiras, o alcalde de Carnota Ramón Noceda, o secretario executivo de ADEGA Fins Eirexas, o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural Serafín González, e o relator da iniciativa para a declaración do Monte Pindo como Parque Natural, Martiño-Fiz López.

Pola parte da Xunta está confirmada a presenza do máximo responsábel da proposta de novos espazos naturais protexidos e por tanto da (non) creación do Parque Natural do Monte Pindo, Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras da Xunta de Galicia, xunto con membros do seu gabinete.

Agardamos que a cita sirva para que a Xunta por fin adquira compromisos firmes co Monte Pindo e o desenvolvemento do seu entorno, consolidando o lixeiro cambio de posición visto hai uns días onde xa non cuestionaron tan obcecadamente a ideoneidade do Parque Natural como figura de protección para o Monte Pindo, senón cuestións accesorias como os prazos ou o momento económico en que se fai.

20/02/12

A manifestación do 14 de abril sairá do Coadoiro e rematará na praza da Solaina do Pindo

A marcha contará coa colaboración dos Concellos de Carnota e Dumbría, cuxos alcaldes participarán na lectura do manifesto

Esta fin de semana a Comisión Rectora da Asociación Monte Pindo Parque Natural definiu o percorrido da manifestación que o 14 de abril esixirá o Parque Natural do Monte Pindo polas rúas do entorno do macizo granítico.

Asi, os participantes na marcha reuniranse na área recreativa do Ézaro, nas inmediacións da célebre fervenza ou coadoiro do río Xallas, un dos accidentes xeográficos máis espectaculares de Galicia e de Europa e que agora se torna marco incomparable para reivindicar a protección e o desenvolvemento do noso medio.

Ás 12:00 horas a comitiva emprenderá a marcha pola AC-2308, atravesando o Ézaro aos pes do canón formado polo Xallas na súa desembocadura, ata a estrada xeral AC-550. Ali tomará dirección ao Pindo, cruzando a ponte sobre o treito final do río entrando no Pindo polo seu porto, con destino final na praza da Solaina, un dos puntos de reunión máis habituais de toda excursión ao Monte Pindo que se preze. En total, o itinerario ocuparanos arredor de media hora ao longo de algo menos de 3 quilómetros, sen invadir en ningún punto espazos naturais.

Ao remate, xa na praza da Solaina, procederase á lectura dun Manifesto no que colaborarán representantes veciñais, institucionais, culturais e tamén investigadores e científicos de renome, para esixirlle novamente á Xunta que deixe de ignorar en solitario a demanda social e que inicie xa os trámites precisos para declarar o Monte Pindo como Parque Natural, unha figura que depende exclusivamente desa administración e que reivindicamos coa firme convicción de que axudará a protexer o noso medio, a defendelo das súas ameazas e tamén a desenvolver desde a substentabilidade a economía e a calidade de vida de todos os habitantes do entorno.


O alcalde dumbriés confirma o seu apoio
O alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, acaba de confirmar o respaldo do seu municipio á marcha, e colaborará na organización para que a cita sexa un éxito. Ademais amosou a súa disposición a ser copartícipe na lectura do manifesto.

É a primeira vez que o rexedor dumbriés fai público o seu apoio á declaración do Monte Pindo como Parque Natural, que se suma ao apoio do alcalde de Carnota Ramón Noceda, o que supón un novo e importante impulso á reivindicación en si mesma, polo rexedor do concello que despois de Carnota máis ten que agradecerlle a este monte polo seu innegable contributo ao desenvolvemento económico e benestar da zona ao longo dos tempos.

09/02/12

Video do debate na Comisión 7ª do Parlamento sobre a declaración de Parque Natural do Monte Pindo


Xa está dispoñible na nosa conta de Youtube o resumo audiovisual do debate na Comisión 7ª do Parlamento Galego onde a proposta de consenso defendida por BNG e PSOE para declarar o Monte Pindo Parque Natural e acompañar a protección dun plan de desenvolvemento rural e outras medidas para garantizar que os cidadáns sexan os máximos beneficiarios desta iniciativa atopouse novamente co rexeitamento frontal do PP, que usou esta vez a súa maioría para bloquear a demanda veciñal. Por iso, a Asociación Monte Pindo Parque Natural convocou unha Manifestación o 14 de abril, en Carnota, para esixir desde a sociedade o que a Xunta lle nega unilateralmente.

Desafortunadamente as limitacións de Youtube obríganos a cortar varias intervencións interesantes do debate, que podedes ver completo na web do Parlamento de Galicia.

07/02/12

Monte Pindo, xoia na tempestade

Idílico lirismo, unha emoción exultante do espírito cando emerxen as lembranzas dos afastados tempos dunha crianza soñadora e de apego coa terra. Ansiado era febreiro, coa festa do namoramento alado, o día afortunado da Candeloria en que todos os paxariños formalizaban e oficializaban a súa relación de parella.

Este ano as nupcias voadoras coincidían coa proposición non de lei para declarar O Pedregal parque natural. Mal presaxio nos cantos nupciais, coñecedores dos implicados oficiantes oficiais.

Nesta ocasión e non será a derradeira, a pureza e forza do fogo purificador das candeas non tivo suficiente influxo, nin a maxia do día logrou enrocar as visión simplistas dos que argumentaron. Mais semella que polos resultados presentados, a protección do medio é o que menos importa, mentres tanto as brancas bágoas dos namorados voadores deixaron unha Galicia xélida.

Xeados corazóns e razóns, pois o Olimpo galego formou parte dunha comparsa anticipada de entroido, o mellor dito dun atranque dos xenerais da Ulla, onde os actuantes miran polo seu interese partidista e desbotan calquera outra alternativa, sexa lóxica ou non.

A todos e todas aquelas que fan política para vivir dela, aquí todos nos coñecemos e sabemos de siglas e silveiras protectoras, para todos vostedes o Monte Pindo non está no seu ínfimo alcance de miras. As súas olladas para un servidor son simplificacións da realidade, afectadas polo andazo que sen dúbida os minimiza, os seus prexuízos.

Exerciten neuronas, a esperanza en verde é que algún día actúen coa lóxica do equilibrio que nos transmite a natureza, a protección do patrimonio natural obriga a todos sen exclusións, neste eido non existen exclusividades.

As alfaias que a caprichosa nai natura puxo para o noso goce, e que os nosos antepasados conservaron e conseguiron legarnos deben ser protexidas, cantos máis pequenas e raras, moitos máis motivos para conservalas.

A nosa historia recente está saturada de atentados irreversibles contra o medio, o Monte Pindo latexa hoxe con dificultade, pois na súa contorna un batallón de muíños de vento abrasan co seu son e a súa ameazante ollada de esguello. Mentres tanto, na zona as parellas de namorados alados foxen para tentar acender a súa candela afastados de tan sublime e fermosa xoia, un monumento desprotexido.

Persiste a borraxeira na Moa, a tristura é manifesta na pétrea necrópole, as brétemas son agora o grande aliado do activo mulo da sen razón. Dende as profundidades a mensaxe do espírito moura é concluínte. O natural non é soño.

Publicado orixinalmente en Galicia Hoxe.

Xosé Manuel Lobato Martínez (Lestedo, 1958). Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación, licenciado en Pedagoxía e diplomado en Maxisterio. Profesor no IES Félix Muriel de Rianxo e investigador nun equipo da Universidade de Santiago de Compostela, onde desenvolve varias liñas de investigación relacionadas coa educación e a emigración.

03/02/12

A Asociación Monte Pindo rexeita a negativa do PP a crear o Parque Natural e convoca unha Manifestación o 14 de abril

De esquerda a dereita: Xilberto Caamaño, Mario Maceiras,
Ramón Noceda (alcalde de Carnota) e Fins Eirexas (ADEGA)
Esta mañá a Asociación Monte Pindo Parque Natural celebrou na Galería Sargadelos compostelá unha rolda de prensa para valorar o debate da Comisión 7ª do Parlamento Galego sobre a proposta de declarar o Monte Pindo Parque Natural, que se saldou con 5 votos a favor de BNG e PSOE fronte aos 7 votos en contra do PP, que volve a negarse asi a protexer o Monte Pindo desatendendo o criterio de numerosos científicos, profesores universitarios, veciños e ducias de colectivos sociais e sectoriais.

No acto participaron o presidente e o secretario do noso colectivo, Xilberto Caamaño e Mario Maceiras, o alcalde de Carnota Ramón Noceda e o secretario de ADEGA Fins Eirexas, que coincidiron na crítica á falta de argumentos do PP despois de que o BNG e o PSOE consensuaran e defendesen unha Proposición non de lei que pretende, ademais da creación do Parque Natural, que a protección se acompañe dunha serie de medidas para beneficiar a veciñanza e dinamizar social e economicamente Carnota e toda a comarca da Costa da Morte.

Os poñentes salientaron as lagoas e a inconsistencia do discurso da única forza do arco parlamentar que segue rexeitando a iniciativa en solitario, dado que nin sequera coinciden os motivos que alegan publicamente cos que esgrimen en privado. Ademais lamentaron que os populares non accederan a consensuar un texto conxunto no que puideran verse representadas as tres forzas, malia a insistencia da parlamentaria presentante, Isabel Sánchez. Todo indica que en realidade a oposición do PP xa estaba máis que predeterminada e que responde a criterios exclusivamente económicos, dado que saben perfectamente que a declaración de Parque Natural implica asumir por lei compromisos firmes mediante o establecemento de prazos e dunha partida económica específica que garantan que esta protección sexa útil e efectiva.

Xilberto Caamaño argumentou non existe un só motivo que desaconselle declarar o macizo carnotán como parque natural, tal e como pediron moitos e prestixiosos especialistas de todas as disciplinas, e a Xunta sábeo; por iso vese forzada a xustificar o inxustificable con excusas de mal pagador, desprezando a quen defende a iniciativa ou incluso divulgando interesadamente datos erróneos e mesmo falsos con tal de despachar a reivindicación veciñal sen que iso lle supoña adquirir compromisos firmes de traballo. Isto evidenciouse no texto alternativo proposto polo PP, que desvirtuaba a intención do orixinal anulando todo aquelo que implicaba comprometer prazos e investimentos para o Monte Pindo, e pretendendo converter o debate nun simple xesto cara a galería para aplacar a demanda social pero que non implicaba para as administracións adoptar ningún tipo de iniciativa a curto ou medio prazo.

O alcalde de Carnota Ramón Noceda amosou a súa preocupación porque a Xunta asegure que o Monte Pindo está suficientemente protexido na actualidade mediante a Rede Natura e os LIC, dúas figuras que non serviron polo momento para protexelo nin tampouco para axudar a desenvolver o seu entorno; de feito considera que a experciencia demostra que só se derivaron en trabas para o concello, os colectivos e os veciños que traballan para recuperar e aproveitar o seu medio tradicional, mentras que os grandes proxectos industriais plantexados para estes espazos protexidos reciben luz verde sen ningún obstáculo. O rexedor carnotán está convencido de que o Parque Natural xeraría novas posibilidades de desenvolvemento na localidade, partindo do respecto e o coidado do noso privilexiado entorno natural.

Por último, Fins Eirexas denunciou que unha comisión do Parlamento creada para defender o medio natural autorice no entorno do Monte Pindo proxectos tan controvertidos como 3 minicentrais, a ampliación das centrais eólicas e mesmo unha piscifactoría, na mesma sesión que rexeita protexer o Monte Pindo.

Convocada manifestación en Carnota de apoio ao Parque Natural

Por todo isto, e en vista da negativa da Xunta a dialogar e alcanzar acordos sobre a protección do macizo carnotán, a única alternativa é que o conxunto da sociedade tome a iniciativa, polo que a Asociación Monte Pindo convoca unha manifestación nacional a prol do Parque Natural do Monte Pindo, que terá lugar o sábado 14 de abril no Pindo (concello de Carnota) e que servirá para demostrarlle á Xunta o multitudinario respaldo con que a iniciativa conta entre a sociedade, os expertos e os axentes sociais.

Desde hoxe mesmo o colectivo e todas as persoas e entidades que xa se adheriron poranse a traballar para explicarlle a toda a sociedade as potencialidades que suporá o Parque Natural para o noso entorno e asi conseguir un respaldo masivo á mobilización convocada para o 14 de abril.