Non podía saudarnos este mércores 25 de xaneiro cunha noticia máis reconfortante e ilusionante para os que loitamos por ver máis protexido e proveitoso o Monte Pindo, que a que vos presentamos: a adhesión á nosa causa polo Parque Natural da Real Academia Galega, unha institución secular que vehiculiza o conxunto das inquedanzas culturais galegas e tamén un dos máis importantes organismos para o noso idioma.
O propio presidente da Real Academia Galega foi o encargado de transmitirnos o apoio do colectivo con estas breves pero intensas palabras dirixidas ao noso monte:
Queridos amigos:
Somos concientes da precariedade da rede de espazos protexidos de Galicia, o que é indicador da pobreza política dominante. Naturalemente, a Real Academia Galega apoia a declaración do noso querido Pedregal e Monte Pindo como Parque Natural.
Un cordial saúdo,
Xosé Luís Méndez Ferrín
Presidente
Se ben o organismo precisa de poucas presentacións, cabe lembrar que naceu un 12 de agosto do 1906 a proposta de Manuel Murguía, nada menos que 105 anos e 5 días antes de nacer a propia Asociación Monte Pindo Parque Natural. Desde entón, ten visto pasar polo seu seo a centos de destacados e destacadas galeguistas que compartiron e exerceron na vida cotiá o amor polo noso, entre eles o propio Murguía, Castelao, Vilar Ponte e outros moitos que contribuíron dun xeito definitivo á posta en valor da lingua e a cultura galegas.
O listado de apoios segue medrando e diversificándose
Por último, e non por iso menos importantes, tamén chegan a nós os apoios de dous colectivos que poden servir para escenificar o amplo consenso social que obtén a reclamación do parque natural.
Un, da Asociación Ecolóxica e Cultural Verbo Xido, de Terra de Montes, que desde o ano 2001 levan a aglutinar e organizar a veciñanza desa comarca, que desgrazadamente está moi de actualidade pola ameaza que vive hoxe o seu monte.
Outro, o da empresa Amorim + Doporto Arquitectos, que ademais de adherirse á declaración do parque Natural brindounos a súa total colaboración en calquera iniciativa a ver coa súa especialidade: a arquitectura desde o punto de vista ambientalmente substentable.
A todos eles, en nome de todos os que queremos este monte noso que cada día ten máis amigas e amigos, grazas.