26/01/12

Os estudantes galegos dan un paso adiante polo Monte Pindo

Non paran de chegarnos apoios, e desde todos os sectores... pero este vale por mil. Hoxe o Monte Pindo recibe a boa nova da adhesión na súa defensa dos Comités, a maior organización estudantil galega, despois do acordo adoptado na tarde de onte polo seu consello nacional.

Os Comités defínense como unha organización reivindicativa que formule alternativas concretas e que sexa unha ferramenta útil na defensa dos dereitos e intereses do estudantado galego. Hoxe representan a miles de estudantes galegos, e poden presumir dunha ampla traxectoria na defensa do noso ensino, cunha clara máxima: debe ser galego, público, democrático e de calidade.

O colectivo, que se dirixe a un sector tan amplo dos mozos e mozas como é desde a etapa secundaria nos institutos ata os seus últimos anos na universidade, recolle o legado das maiores organizacións xuvenís da historia do noso País: desde a propia articulación do movemento estudantil galego con ERGA, ata os CAF nas facultades e os CAE nos institutos desde 1986, rematando coa unificación desas dúas estruturas xa no neste século dando lugar aos actuais Comités Abertos, ou Comités.

Hoxe, a súa adhesión e o ofrecemento de total colaboración feito á Asociación Monte Pindo Parque Natural, suma novas ideas e xuvenil vitalidade a unha loita que non para de medrar e serve para advertirlle novamente aos responsables da Consellería de Medio Ambiente que a súa negativa cerril a protexer o Monte Pindo ten cada día menos sentido, se é que algún día tivo algún.