24/01/12

O castelo de Penafiel

Sars iuxta turrem Augusti titulo memorabilem. A mítica Torre de Augustomonumento memorábel, foi descrita no S. I por Pomponio Mela a carón do fluuium Sars, que tradicionalmente se identificou co río Sar. Pero na enumeración das rías galegas feita polo mesmo autor, digamos que o río Sar que non pinta nada, rompe a orde lóxica dos ríos galegos. Sendo así, hai quen defende que a identificación co Sar trátase dun simple malentendido debido a unha mala tradución directa, e que en realidade Sars só pode corresponder co río Xallas (antigo Aisaro).

Unha opción que poucos valoraron é que a Torre de Augusto, a Ara Sextiana dos nerios, poida corresponderse en realidade co Castelo de Penafiel, no Monte Pindo. Sendo unha hipótese arriscada, ten tantos visos de certeza como calquera outra hipótese das que se veñen barallando.

Pero en Penafiel houbo algo?

Recreación do aspecto que puido ter Penafiel ata o S. XV
Sen dúbida. Ademais dos restos arqueolóxicos visibles, moi degradados (caixóns e escalóns nas pedras, morosas...), e dos que poidan quedar por descubrir, hai probas e bastante consenso sobre a existencia dunha fortificación, ou mesmo un faro, vixilante sobre o Coadoiro do Xallas. A máis antiga e incontestable, unha inscrición medieval  gravada na base do Penafiel, ditada no S. XII polo arcebispo compostelán Xelmírez excomulgando "ese castelo de aí arriba" polas malfeituras das que a Igrexa acusaba á poboación local. O curioso é que o Castelo de San Xurxo, contra quen en teoría se dirixía o castigo por ser o feudo de Rodrigo Pérez, conde de Traba, atópase xustamente nunha ladeira oposta do Monte Pindo; nin sequera se ve desde aquí.

Hai constancia dunha fortificación en varios documentos ata o S. XV. En 1384 a mitra compostelana compra os dereitos sobre unha serie de fortalezas e propiedades pertencentes aos descendentes do executado Rui Soga de Lobeira: Penafiel, Vimianzo, Broño, Mirón, lugar de Olveiroa, Fisterra e o couto de Duio. Pouco despois iníciase un preito ao negarse eses familiares á venda das fortalezas. Porén, as posesións rematan por porse en circulación rematando na maior parte en mans do conde de Trastámara. Finalmente, os descendentes de Rui Soga chegan a un acordo que lles permiten ter as fortalezas en nome do conde de Trastámara cunha especie de opción de compra. O conde de Trastámara acaba pelexado con eles e aliado cos Moscoso.

O pico Penafiel, hoxe. Foto: Chiara Luppoli.
O 11 de maio de 1408 Luis Soga homenaxea ao arcebispo Lope de Mendoza pola “fortaleza de Peñafiel”, e oito días despois el mesmo e seu irmán Paio Mariño ceden á mitra “las feligresías, cotos, casares, casas y heredades que ellos tenyan de la yglesia de Santiago en el alfoz de Muros”. Dous meses despois “Ena igllesia de Santiago de Arquos que he acerca do castello de Peñafiel”, ante Xoán de Mendoza, pertigueiro maior, Luis Soga de Lobeira di ter feito homenaxe polo castelo de Xallas ao arcebispo, facéndoo novamente ante o pertigueiro. O conflito con Trastámara prosegue cando menos un ano despois, no que se queixa ante notario de que o conde lle está a facer a guerra.

A finais de século, acontece a célebre revolta irmandiña ou fusquenlla, que supostamente remata co derrubo do castelo de Penafiel, di a historia, por un exército de 300 homes chegados desde Noia. E ao contrario que o caso do Castelo de San Xurxo, que salvo que na época tivese outro nome non figura como víctima da irmandade fusquenlla (probabelmente fose desmantelado algúns anos antes), múltiples testigos foron interrogados durante o preito Tabera-Fonseca a consecuencia da destrución violenta de Penafiel, como veremos a continuación, co gallo de dirimir o seu grao de implicación no levantamento.

Preito Tabera-Fonseca

Preguntados no século XIV un feixe de veciños sobre o acontecido uns cen anos antes co Castelo de Penafiel, ou se sequera sabían o que ali houbo erguido e de quen era, as respostas dos testigos non teñen perda.

Gómez de Goyanes dixo que viu o castelo, que describiu como roqueiro e forte, e mesmo que estivo dentro da fortificación de canteiría, unha torre pequena de non moita altura coa súa cerca e unha saleta dentro, que foi derribada pola fusquenlla. Fernando Falcón, O vello, lembra terlle servido e carrexado leña 80 anos antes. Era, na opinión deste testigo, un castelo roqueiro cunha barrizica de casa que tiña un estado e medio. A torre era de canteiría, de pouca obra, e fora derribada por 300 homes. Ata tasa o custe da súa construción en 2 mil maravedís. Juan Goldrino describe que o castelo se vía desde o mar, e que estaba ben cuberto e almenado, ata que un día desapareceu sen saber el por que. Fernando de Mini, O vello, afirma que o veu desde o hescaro -ao pe da serra onde estaba o castelo-, e que parecía que tiña barezica de casa pequena coa súa cerca arredor; asi mesmo asegura que estaba moi alto nunos peñascos, e alabou a súa braveza. Juan Gordo dixo que comeu e dormiu na fortaleza, obra de vinte peóns, e que se accedía a ela por unha porta nun penedo que daba a unha sala cuberta de palla. Juan García de Castriz describe unha torre nun monte e peña moi alta á que non se podía subir senón andando, e que tiña un muro derredor. Gómez de Pariço só di que lembra velo ergueito pero que non sabe como estaba porque nunca estivo dentro.

Sobre as lecturas do Tabera-Fonseca, o historiador Carlos J. Galbán amósase moi sorprendido por que García Martiz de Barbeira e cando menos outros tres dos merinos do castelo de Penafiel que mencionan os testigos do preito foron nalgún momento membros da poderosa casa nobiliaria dos Moscoso.

Referencias posteriores

Dado que -ao contrario que outras fortificacións da época- non debeu haber ningún intento de reconstruir o castelo de Penafiel, transcorren centos de anos ata que se volve facer mención deste castelo. Malia todo, de seguro debeu seguir moi vivo na tradición oral, o que puido constatar o Padre Sarmiento cando escribiu sobre o Cadoiro no século XVIII que a carón da fervenza erixiuse na antigüidade unha Torre Fiel  feita a semellanza da Torre de Hércules coruñesa, rodeada de vivendas, xardíns e calzadas. Máis tarde Barros Silvelo engádelle orixe fenicia e unha escaleira que rodearía en espiral o monte piramidal ata media altura, e despois unha rampa recta ata a torre mesma, que medía uns 20 metros. Murguía, escéptico da orixe antiquísima da torre, dátaa máis ben no medievo e confírelle funcións defensivas do flanco máis vulnerábel do Monte Pindo. A mesma ou outra torre citouna no século pasado Camilo J. Cela como Torre da Moa, debaixo da cal "hai moito ouro enterrado polos romanos".

Hoxe, desaparecido o castelo físico, Penafiel segue a ser unha auténtica fortificación para os que tratamos de escrutar os seus misterios, que aínda ninguén estudou nin documentou en profundidade. Cada nova referencia aparecida na documentación medieval, lonxe de esclarecer un chisco o que aquí pasou, abre moitos novos interrogantes. Penafiel é lenda viva do noso Monte Pindo. Aquí houbo algo, e moi importante, probabelmente desde o principio dos tempos. Só o propio tempo e o traballo nos rematará por revelar, algún día, todos os misterios que o Penafiel segue a reservarnos baixo a súa máxica influencia.

  • Autor: Mario Maceiras, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural
  • Colabora: Carlos J. Galbán Malagón, licenciado en Historia na especialidade de Arqueoloxía, Historia Antiga e Historia Medieval pola USC

Simulación: Perspectivas do Castelo de Penafiel

Desde as Illas Lobeiras

Desde o Coadoiro do Xallas

Desde o Mirador do Ézaro

Desde o Fieiro

Desde a Laxe da Moa

Desde Santa Uxía

Desde o rego Sanchaferro