Nunca seremos quen de agradecer na suficiente medida o que está a facer o mítico conxunto de música galega Luar na Lubre polos veciños da Costa da Morte, pois o grupo non desaproveita unha soa ocasión para esixir ante o seu entregado público a inmediata declaración do Parque Natural do Monte Pindo, cuxa recollida de firmas xa sumou medio milleiro de apoios en menos dunha semana!
Nesta ocasión o grupo liderado por Bieito Romero reclamou o parque natural e a protección merecida para o Olimpo Céltico, aproveitando a agardada presentación pública no Teatro Colón coruñés da súa nova e magnífica voz, Paula Rey, que marabillou aos presentes interpretando os temas de cabeceira da banda como "Tu Gitana" ou o "Chove en Santiago", co que a recén estreada vocalista demostrou estar á altura das súas predecesoras.
O propio Bieito Romero ensalzou as características naturais e máxicas do Monte Pindo, facendo mención do incríbel descubrimento de que ata principios do século XX no macizo carnotán moraba unha especie autóctona e única de cabra, feito que tivo notoriedade estatal. Tanto é o interese e a preocupación da agrupación polo devir do Pedrullo, que ata dedicáronlle unha canción no seu último álbum "Solsticio".
Desde a Asociación Monte Pindo agradecemos novamente todos e cada un dos xestos que levan dedicándonos e incorporamos o permanente compromiso de Luar na Lubre coa nosa causa no listado de apoios á declaración de Parque Natural. Todos e cada un dos galegos e as galegas debemos enchernos de orgullo porque un grupo tan internacional siga dedicando as súas fermosas notas sonoras ao medio ambiente e á cultura que nos fai ser o que somos, dos cales xa son máximos embaixadores.