11/01/12

A especulación ameaza con arrasar Terra de Montes e fai saltar todas as alarmas

25 quilómetros terra adentro da cidade de Pontevedra, do máis fondo dos concellos de Forcarei, Beariz e Avión, chéganos un berro desesperado de auxilio do noso socio e colaborador Carlos Ríos. E é que a multinacional canadiense SRW Solid Resources, especializada en dinamitar montañas enteiras na busca de minerais raros e por tanto valiosos no mercado, querlle botar as gadoupas a Terra de Montes e xa fixo prospeccións en 6 puntos, que ao parecer resultaron satisfactorias para os seus intereses, prendendo todas as alarmas para a veciñanza e quen amamos o monte e o noso medio natural.

Todo apunta a que está a piques de desencadearse unha das maiores loitas ambientais galegas dos últimos tempos. Nada menos que 11 quilómetros de monte poden ser aniquilados para sempre cunha mina a ceo aberto a cambio dun pouco de estaño, tántalo, litio, niobio, rubidio, cesio e feldespato, coas previsibles consecuencias dramáticas para a natureza e a saúde dos seus conveciños. A falta de respecto da multinacional é tal que xa reemplazou a toponimia do monte rebautizándoo como Alberta I, nome da cidade canadiense de orixe da empresa. E o máis irónico de todo é que na propia Canadá véñense de prohibir todas as explotacións mineiras a ceo aberto...

Por máis que o tentemos non podemos deixar de lembrar as imaxes do saqueo mineiro de África nos tempos do neocolonialismo, que parece agora querer rexurdir aquí mesmo, ao ladiño das nosas casas. Sen embargo, a denuncia veciñal só prendeu no Faro de Vigo e nos medios alternativos (redes sociais, Chuza...) os únicos que deron algunha información sobre o asunto. Como noutros casos recentes, queda claro que hai moito interese en non espantar a lebre para que este novo expolio da nosa natureza se realice pola caladiña, sen levantar sospeitas.

Desde a Asociación Monte Pindo non podemos máis que respaldar as iniciativas que os veciños de Terra de Montes nos plantexen, asi como darlle difusión á súa inquedanza por este noso humilde medio. Hoxe son Presqueiras, Correa, Doade, Acevedo, Rubillón e Taboazas. Pero mañá poden ser Ézaro, Caldebarcos, Quilmas, Panchés, A Curra, O Fieiro, O Pindo... quen sabe.
As similitudes dun Monte irmán
A Terra de Montes está máis vencellada co Monte Pindo do que se pode imaxinar dada a gran distancia xeográfica entre eles. Sobre todo no aspecto histórico: a Torre-Fortaleza de Castro de Montes (Presqueiras) formou parte no século XV do patrimonio do churruchao Alonso Suárez de Deza, ao igual que o Castelo de Penafiel. Asi mesmo, 3 séculos antes Presqueiras pertencera a Suero Froilaz, sobriño do daquela dono e morador do Castelo de San Xurxo no Monte Pindo, Rodrigo Pérez de Traba. Ambos os castelos eran privilexios simbólicos da soberanía absoluta do arcebispado compostelán en cadansúa rexión. E ata comparte o triste destino dos castelos de san Xurxo e Penafiel, sendo hoxe tan só unha morea de pedras, e a presenza dunha edificación relixiosa.

Tampouco debemos obviar que o Monte Seixo sito nas proximidades, tamén en loita contra os parques eólicos, está considerado ao igual que o Monte Pindo un dos lugares máxicos galegos polas súas lendas e mitos, téndose recuperado xa ata 30 testemuños da tradición oral ao longo e ancho de toda a súa superficie.

Podedes atopar máis información sobre a zona na Galipedia, na páxina Terrademontes.com, ou na web da Asociación de Amigos da Terra de Montes