31/01/12

A Comisión 7ª do Parlamento proporá este xoves declarar o Monte Pindo Parque Natural

Emma Álvarez preside a Comisión 7ª
Última hora: un novo mencer pode comezar para o Monte Pindo ás 16:30 horas deste xoves 2 de febreiro. O Parlamento de Galicia, na súa Comisión 7.ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, vai debatir unha Proposición non de lei para a declaración do Monte Pindo como Parque Natural, coa dotación do perceptivo plan de ordenación. A proposta ademais acompáñase dun Plan de Desenvolvemento Rural para todo o entorno do macizo carnotán, baseado na substentabilidade, para que a poboación residente sexa a primeira beneficiaria das novas políticas de protección consecuencia do primeiro parque natural da Costa da Morte.

O Monte Pindo na Orde do Día
Este xoves pode ficar gravado con letras de ouro nos anais da historia do Monte Pindo, de Carnota, da Costa da Morte e de toda Galicia, se os nosos representantes logran porse de acordo nun debate onde  se xoga, nada máis e nada menos, que o futuro dun pobo, Carnota, e unha comarca, a Costa da Morte, historicamente deprimidos e practicamente asfixiados nos nosos días. Por iso non é de extrañar que o respaldo social a esta iniciativa sexa masivo, e os importantes apoios colectivos acadados e as 1.500 adhesións individuais en menos dun mes son boa mostra.

Orde do Día completa asi como a documentación entregada aos deputados (ver páxina 14) pódese consultar desde xa na páxina do Parlamento de Galicia. Segundo informacións facilitadas pola rexistrante, Isabel Sánchez Montenegro, a cidadanía poderá seguir o debate grazas a emisión en directo da canle televisiva do Parlamento de Galicia. En canto teñamos a ligazón ao video comunicarémola por aquí.