31/01/12

A Comisión 7ª do Parlamento proporá este xoves declarar o Monte Pindo Parque Natural

Emma Álvarez preside a Comisión 7ª
Última hora: un novo mencer pode comezar para o Monte Pindo ás 16:30 horas deste xoves 2 de febreiro. O Parlamento de Galicia, na súa Comisión 7.ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, vai debatir unha Proposición non de lei para a declaración do Monte Pindo como Parque Natural, coa dotación do perceptivo plan de ordenación. A proposta ademais acompáñase dun Plan de Desenvolvemento Rural para todo o entorno do macizo carnotán, baseado na substentabilidade, para que a poboación residente sexa a primeira beneficiaria das novas políticas de protección consecuencia do primeiro parque natural da Costa da Morte.

O Monte Pindo na Orde do Día
Este xoves pode ficar gravado con letras de ouro nos anais da historia do Monte Pindo, de Carnota, da Costa da Morte e de toda Galicia, se os nosos representantes logran porse de acordo nun debate onde  se xoga, nada máis e nada menos, que o futuro dun pobo, Carnota, e unha comarca, a Costa da Morte, historicamente deprimidos e practicamente asfixiados nos nosos días. Por iso non é de extrañar que o respaldo social a esta iniciativa sexa masivo, e os importantes apoios colectivos acadados e as 1.500 adhesións individuais en menos dun mes son boa mostra.

Orde do Día completa asi como a documentación entregada aos deputados (ver páxina 14) pódese consultar desde xa na páxina do Parlamento de Galicia. Segundo informacións facilitadas pola rexistrante, Isabel Sánchez Montenegro, a cidadanía poderá seguir o debate grazas a emisión en directo da canle televisiva do Parlamento de Galicia. En canto teñamos a ligazón ao video comunicarémola por aquí.

26/01/12

Os estudantes galegos dan un paso adiante polo Monte Pindo

Non paran de chegarnos apoios, e desde todos os sectores... pero este vale por mil. Hoxe o Monte Pindo recibe a boa nova da adhesión na súa defensa dos Comités, a maior organización estudantil galega, despois do acordo adoptado na tarde de onte polo seu consello nacional.

Os Comités defínense como unha organización reivindicativa que formule alternativas concretas e que sexa unha ferramenta útil na defensa dos dereitos e intereses do estudantado galego. Hoxe representan a miles de estudantes galegos, e poden presumir dunha ampla traxectoria na defensa do noso ensino, cunha clara máxima: debe ser galego, público, democrático e de calidade.

O colectivo, que se dirixe a un sector tan amplo dos mozos e mozas como é desde a etapa secundaria nos institutos ata os seus últimos anos na universidade, recolle o legado das maiores organizacións xuvenís da historia do noso País: desde a propia articulación do movemento estudantil galego con ERGA, ata os CAF nas facultades e os CAE nos institutos desde 1986, rematando coa unificación desas dúas estruturas xa no neste século dando lugar aos actuais Comités Abertos, ou Comités.

Hoxe, a súa adhesión e o ofrecemento de total colaboración feito á Asociación Monte Pindo Parque Natural, suma novas ideas e xuvenil vitalidade a unha loita que non para de medrar e serve para advertirlle novamente aos responsables da Consellería de Medio Ambiente que a súa negativa cerril a protexer o Monte Pindo ten cada día menos sentido, se é que algún día tivo algún.

25/01/12

A Real Academia Galega únese á reclamación do Parque Natural do Monte Pindo

A AEC Verbo Xido e o estudo de arquitectura Amorim + Doporto tamén nos achegan o seu apoio

Non podía saudarnos este mércores 25 de xaneiro cunha noticia máis reconfortante e ilusionante para os que loitamos por ver máis protexido e proveitoso o Monte Pindo, que a que vos presentamos: a adhesión á nosa causa polo Parque Natural da Real Academia Galega, unha institución secular que vehiculiza o conxunto das inquedanzas culturais galegas e tamén un dos máis importantes organismos para o noso idioma.

O propio presidente da Real Academia Galega foi o encargado de transmitirnos o apoio do colectivo con estas breves pero intensas palabras dirixidas ao noso monte:
Queridos amigos:
Somos concientes da precariedade da rede de espazos protexidos de Galicia, o que é indicador da pobreza política dominante. Naturalemente, a Real Academia Galega apoia a declaración do noso querido Pedregal e Monte Pindo como Parque Natural.
Un cordial saúdo,

Xosé Luís Méndez Ferrín
Presidente

Se ben o organismo precisa de poucas presentacións, cabe lembrar que naceu un 12 de agosto do 1906 a proposta de Manuel Murguía, nada menos que 105 anos e 5 días antes de nacer a propia Asociación Monte Pindo Parque Natural. Desde entón, ten visto pasar polo seu seo a centos de destacados e destacadas galeguistas que compartiron e exerceron na vida cotiá o amor polo noso, entre eles o propio Murguía, Castelao, Vilar Ponte e outros moitos que contribuíron dun xeito definitivo á posta en valor da lingua e a cultura galegas.

O listado de apoios segue medrando e diversificándose

Por último, e non por iso menos importantes, tamén chegan a nós os apoios de dous colectivos que poden servir para escenificar o amplo consenso social que obtén a reclamación do parque natural.

Un, da Asociación Ecolóxica e Cultural Verbo Xido, de Terra de Montes, que desde o ano 2001 levan a aglutinar e organizar a veciñanza desa comarca, que desgrazadamente está moi de actualidade pola ameaza que vive hoxe o seu monte.

Outro, o da empresa Amorim + Doporto Arquitectos, que ademais de adherirse á declaración do parque Natural brindounos a súa total colaboración en calquera iniciativa a ver coa súa especialidade: a arquitectura desde o punto de vista ambientalmente substentable.

A todos eles, en nome de todos os que queremos este monte noso que cada día ten máis amigas e amigos, grazas.

24/01/12

O castelo de Penafiel

Sars iuxta turrem Augusti titulo memorabilem. A mítica Torre de Augustomonumento memorábel, foi descrita no S. I por Pomponio Mela a carón do fluuium Sars, que tradicionalmente se identificou co río Sar. Pero na enumeración das rías galegas feita polo mesmo autor, digamos que o río Sar que non pinta nada, rompe a orde lóxica dos ríos galegos. Sendo así, hai quen defende que a identificación co Sar trátase dun simple malentendido debido a unha mala tradución directa, e que en realidade Sars só pode corresponder co río Xallas (antigo Aisaro).

Unha opción que poucos valoraron é que a Torre de Augusto, a Ara Sextiana dos nerios, poida corresponderse en realidade co Castelo de Penafiel, no Monte Pindo. Sendo unha hipótese arriscada, ten tantos visos de certeza como calquera outra hipótese das que se veñen barallando.

Pero en Penafiel houbo algo?

Recreación do aspecto que puido ter Penafiel ata o S. XV
Sen dúbida. Ademais dos restos arqueolóxicos visibles, moi degradados (caixóns e escalóns nas pedras, morosas...), e dos que poidan quedar por descubrir, hai probas e bastante consenso sobre a existencia dunha fortificación, ou mesmo un faro, vixilante sobre o Coadoiro do Xallas. A máis antiga e incontestable, unha inscrición medieval  gravada na base do Penafiel, ditada no S. XII polo arcebispo compostelán Xelmírez excomulgando "ese castelo de aí arriba" polas malfeituras das que a Igrexa acusaba á poboación local. O curioso é que o Castelo de San Xurxo, contra quen en teoría se dirixía o castigo por ser o feudo de Rodrigo Pérez, conde de Traba, atópase xustamente nunha ladeira oposta do Monte Pindo; nin sequera se ve desde aquí.

Hai constancia dunha fortificación en varios documentos ata o S. XV. En 1384 a mitra compostelana compra os dereitos sobre unha serie de fortalezas e propiedades pertencentes aos descendentes do executado Rui Soga de Lobeira: Penafiel, Vimianzo, Broño, Mirón, lugar de Olveiroa, Fisterra e o couto de Duio. Pouco despois iníciase un preito ao negarse eses familiares á venda das fortalezas. Porén, as posesións rematan por porse en circulación rematando na maior parte en mans do conde de Trastámara. Finalmente, os descendentes de Rui Soga chegan a un acordo que lles permiten ter as fortalezas en nome do conde de Trastámara cunha especie de opción de compra. O conde de Trastámara acaba pelexado con eles e aliado cos Moscoso.

O pico Penafiel, hoxe. Foto: Chiara Luppoli.
O 11 de maio de 1408 Luis Soga homenaxea ao arcebispo Lope de Mendoza pola “fortaleza de Peñafiel”, e oito días despois el mesmo e seu irmán Paio Mariño ceden á mitra “las feligresías, cotos, casares, casas y heredades que ellos tenyan de la yglesia de Santiago en el alfoz de Muros”. Dous meses despois “Ena igllesia de Santiago de Arquos que he acerca do castello de Peñafiel”, ante Xoán de Mendoza, pertigueiro maior, Luis Soga de Lobeira di ter feito homenaxe polo castelo de Xallas ao arcebispo, facéndoo novamente ante o pertigueiro. O conflito con Trastámara prosegue cando menos un ano despois, no que se queixa ante notario de que o conde lle está a facer a guerra.

A finais de século, acontece a célebre revolta irmandiña ou fusquenlla, que supostamente remata co derrubo do castelo de Penafiel, di a historia, por un exército de 300 homes chegados desde Noia. E ao contrario que o caso do Castelo de San Xurxo, que salvo que na época tivese outro nome non figura como víctima da irmandade fusquenlla (probabelmente fose desmantelado algúns anos antes), múltiples testigos foron interrogados durante o preito Tabera-Fonseca a consecuencia da destrución violenta de Penafiel, como veremos a continuación, co gallo de dirimir o seu grao de implicación no levantamento.

Preito Tabera-Fonseca

Preguntados no século XIV un feixe de veciños sobre o acontecido uns cen anos antes co Castelo de Penafiel, ou se sequera sabían o que ali houbo erguido e de quen era, as respostas dos testigos non teñen perda.

Gómez de Goyanes dixo que viu o castelo, que describiu como roqueiro e forte, e mesmo que estivo dentro da fortificación de canteiría, unha torre pequena de non moita altura coa súa cerca e unha saleta dentro, que foi derribada pola fusquenlla. Fernando Falcón, O vello, lembra terlle servido e carrexado leña 80 anos antes. Era, na opinión deste testigo, un castelo roqueiro cunha barrizica de casa que tiña un estado e medio. A torre era de canteiría, de pouca obra, e fora derribada por 300 homes. Ata tasa o custe da súa construción en 2 mil maravedís. Juan Goldrino describe que o castelo se vía desde o mar, e que estaba ben cuberto e almenado, ata que un día desapareceu sen saber el por que. Fernando de Mini, O vello, afirma que o veu desde o hescaro -ao pe da serra onde estaba o castelo-, e que parecía que tiña barezica de casa pequena coa súa cerca arredor; asi mesmo asegura que estaba moi alto nunos peñascos, e alabou a súa braveza. Juan Gordo dixo que comeu e dormiu na fortaleza, obra de vinte peóns, e que se accedía a ela por unha porta nun penedo que daba a unha sala cuberta de palla. Juan García de Castriz describe unha torre nun monte e peña moi alta á que non se podía subir senón andando, e que tiña un muro derredor. Gómez de Pariço só di que lembra velo ergueito pero que non sabe como estaba porque nunca estivo dentro.

Sobre as lecturas do Tabera-Fonseca, o historiador Carlos J. Galbán amósase moi sorprendido por que García Martiz de Barbeira e cando menos outros tres dos merinos do castelo de Penafiel que mencionan os testigos do preito foron nalgún momento membros da poderosa casa nobiliaria dos Moscoso.

Referencias posteriores

Dado que -ao contrario que outras fortificacións da época- non debeu haber ningún intento de reconstruir o castelo de Penafiel, transcorren centos de anos ata que se volve facer mención deste castelo. Malia todo, de seguro debeu seguir moi vivo na tradición oral, o que puido constatar o Padre Sarmiento cando escribiu sobre o Cadoiro no século XVIII que a carón da fervenza erixiuse na antigüidade unha Torre Fiel  feita a semellanza da Torre de Hércules coruñesa, rodeada de vivendas, xardíns e calzadas. Máis tarde Barros Silvelo engádelle orixe fenicia e unha escaleira que rodearía en espiral o monte piramidal ata media altura, e despois unha rampa recta ata a torre mesma, que medía uns 20 metros. Murguía, escéptico da orixe antiquísima da torre, dátaa máis ben no medievo e confírelle funcións defensivas do flanco máis vulnerábel do Monte Pindo. A mesma ou outra torre citouna no século pasado Camilo J. Cela como Torre da Moa, debaixo da cal "hai moito ouro enterrado polos romanos".

Hoxe, desaparecido o castelo físico, Penafiel segue a ser unha auténtica fortificación para os que tratamos de escrutar os seus misterios, que aínda ninguén estudou nin documentou en profundidade. Cada nova referencia aparecida na documentación medieval, lonxe de esclarecer un chisco o que aquí pasou, abre moitos novos interrogantes. Penafiel é lenda viva do noso Monte Pindo. Aquí houbo algo, e moi importante, probabelmente desde o principio dos tempos. Só o propio tempo e o traballo nos rematará por revelar, algún día, todos os misterios que o Penafiel segue a reservarnos baixo a súa máxica influencia.

  • Autor: Mario Maceiras, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural
  • Colabora: Carlos J. Galbán Malagón, licenciado en Historia na especialidade de Arqueoloxía, Historia Antiga e Historia Medieval pola USC

Simulación: Perspectivas do Castelo de Penafiel

Desde as Illas Lobeiras

Desde o Coadoiro do Xallas

Desde o Mirador do Ézaro

Desde o Fieiro

Desde a Laxe da Moa

Desde Santa Uxía

Desde o rego Sanchaferro

17/01/12

A campaña polo Parque Natural supera as mil adhesións... e o conselleiro segue calado

Barreiro Rivas. Fonte: Galipedia
Co apoio da nosa base social, dunha multitude de colectivos, e da impresionante capacidade de difusión que garanten as redes sociais en todo o mundo, na tarde de hoxe a recollida de sinaturas a favor do Parque Natural do Monte Pindo superou as mil adhesións individuais en tan só 15 días, demostrando que a iniciativa non fai máis que medrar e medrar en apoios individuais e colectivos, como os máis recentes de Luar na Lubre e do politólogo e ex-vicepresidente da Xunta de Galicia, Xosé Luís Barreiro Rivas.

Malia o rotundo éxito da campaña, que prosegue en Actuable, e dos nosos intentos por citarnos ou sequera contactar con el, o Conselleiro de Medio Ambiente Agustín Hernández segue mudo e sen dar sinais de vida. Ningún membro do seu gabinete moveu ficha, como tampouco o Director Xeral de Conservación, Ricardo García-Borregón, máximo responsable da farsa na que, a expensas dun imaxinario dictame contrario do Observatorio Galego da Biodiversidade, anunciou ante os medios a negativa da Xunta a declarar o Monte Pindo como Parque Natural.

Fonte: Elaboración propia
Non podemos comprender como unha persoa elixida -e ben pagada- para defender a todos os galegos e as galegas poida durmir tranquilo sabendo que da a espalda a veciños, axentes sociais e sectores económicos dunha comarca tradicionalmente deprimida, a Costa da Morte, que espera como auga de maio calquera nova oportunidade de optar a un futuro mellor para os seus fillos e fillas, desde o respecto ao noso entorno que nos fai ser todo o que somos.

Fonte: Elaboración propia
Máis preocupante é que a maioría das súas comparecencias recentes se centren case por completo en cuestións referentes ás outras áreas da súa consellería: Territorio e Infraestruturas; sen embargo pareza que considere os asuntos relacionados co Medio Ambiente unha cuestión menor, por non dicir anecdótica.

Desde a Asociación Monte Pindo queremos expresar o noso malestar e lembrarlle á Xunta de Galicia que canto máis se nos ignore desde unha institución que tamén nós financiamos cos nosos impostos, maiores serán os nosos anceios de acadar o noso obxectivo, emprendendo outras medidas de presión máis directas e visibles, de ser preciso.

11/01/12

A especulación ameaza con arrasar Terra de Montes e fai saltar todas as alarmas

25 quilómetros terra adentro da cidade de Pontevedra, do máis fondo dos concellos de Forcarei, Beariz e Avión, chéganos un berro desesperado de auxilio do noso socio e colaborador Carlos Ríos. E é que a multinacional canadiense SRW Solid Resources, especializada en dinamitar montañas enteiras na busca de minerais raros e por tanto valiosos no mercado, querlle botar as gadoupas a Terra de Montes e xa fixo prospeccións en 6 puntos, que ao parecer resultaron satisfactorias para os seus intereses, prendendo todas as alarmas para a veciñanza e quen amamos o monte e o noso medio natural.

Todo apunta a que está a piques de desencadearse unha das maiores loitas ambientais galegas dos últimos tempos. Nada menos que 11 quilómetros de monte poden ser aniquilados para sempre cunha mina a ceo aberto a cambio dun pouco de estaño, tántalo, litio, niobio, rubidio, cesio e feldespato, coas previsibles consecuencias dramáticas para a natureza e a saúde dos seus conveciños. A falta de respecto da multinacional é tal que xa reemplazou a toponimia do monte rebautizándoo como Alberta I, nome da cidade canadiense de orixe da empresa. E o máis irónico de todo é que na propia Canadá véñense de prohibir todas as explotacións mineiras a ceo aberto...

Por máis que o tentemos non podemos deixar de lembrar as imaxes do saqueo mineiro de África nos tempos do neocolonialismo, que parece agora querer rexurdir aquí mesmo, ao ladiño das nosas casas. Sen embargo, a denuncia veciñal só prendeu no Faro de Vigo e nos medios alternativos (redes sociais, Chuza...) os únicos que deron algunha información sobre o asunto. Como noutros casos recentes, queda claro que hai moito interese en non espantar a lebre para que este novo expolio da nosa natureza se realice pola caladiña, sen levantar sospeitas.

Desde a Asociación Monte Pindo non podemos máis que respaldar as iniciativas que os veciños de Terra de Montes nos plantexen, asi como darlle difusión á súa inquedanza por este noso humilde medio. Hoxe son Presqueiras, Correa, Doade, Acevedo, Rubillón e Taboazas. Pero mañá poden ser Ézaro, Caldebarcos, Quilmas, Panchés, A Curra, O Fieiro, O Pindo... quen sabe.
As similitudes dun Monte irmán
A Terra de Montes está máis vencellada co Monte Pindo do que se pode imaxinar dada a gran distancia xeográfica entre eles. Sobre todo no aspecto histórico: a Torre-Fortaleza de Castro de Montes (Presqueiras) formou parte no século XV do patrimonio do churruchao Alonso Suárez de Deza, ao igual que o Castelo de Penafiel. Asi mesmo, 3 séculos antes Presqueiras pertencera a Suero Froilaz, sobriño do daquela dono e morador do Castelo de San Xurxo no Monte Pindo, Rodrigo Pérez de Traba. Ambos os castelos eran privilexios simbólicos da soberanía absoluta do arcebispado compostelán en cadansúa rexión. E ata comparte o triste destino dos castelos de san Xurxo e Penafiel, sendo hoxe tan só unha morea de pedras, e a presenza dunha edificación relixiosa.

Tampouco debemos obviar que o Monte Seixo sito nas proximidades, tamén en loita contra os parques eólicos, está considerado ao igual que o Monte Pindo un dos lugares máxicos galegos polas súas lendas e mitos, téndose recuperado xa ata 30 testemuños da tradición oral ao longo e ancho de toda a súa superficie.

Podedes atopar máis información sobre a zona na Galipedia, na páxina Terrademontes.com, ou na web da Asociación de Amigos da Terra de Montes

09/01/12

Luar na Lubre volve a clamar polo Parque Natural do Monte Pindo con voz anovada

Nunca seremos quen de agradecer na suficiente medida o que está a facer o mítico conxunto de música galega Luar na Lubre polos veciños da Costa da Morte, pois o grupo non desaproveita unha soa ocasión para esixir ante o seu entregado público a inmediata declaración do Parque Natural do Monte Pindo, cuxa recollida de firmas xa sumou medio milleiro de apoios en menos dunha semana!

Nesta ocasión o grupo liderado por Bieito Romero reclamou o parque natural e a protección merecida para o Olimpo Céltico, aproveitando a agardada presentación pública no Teatro Colón coruñés da súa nova e magnífica voz, Paula Rey, que marabillou aos presentes interpretando os temas de cabeceira da banda como "Tu Gitana" ou o "Chove en Santiago", co que a recén estreada vocalista demostrou estar á altura das súas predecesoras.

O propio Bieito Romero ensalzou as características naturais e máxicas do Monte Pindo, facendo mención do incríbel descubrimento de que ata principios do século XX no macizo carnotán moraba unha especie autóctona e única de cabra, feito que tivo notoriedade estatal. Tanto é o interese e a preocupación da agrupación polo devir do Pedrullo, que ata dedicáronlle unha canción no seu último álbum "Solsticio".

Desde a Asociación Monte Pindo agradecemos novamente todos e cada un dos xestos que levan dedicándonos e incorporamos o permanente compromiso de Luar na Lubre coa nosa causa no listado de apoios á declaración de Parque Natural. Todos e cada un dos galegos e as galegas debemos enchernos de orgullo porque un grupo tan internacional siga dedicando as súas fermosas notas sonoras ao medio ambiente e á cultura que nos fai ser o que somos, dos cales xa son máximos embaixadores.