|
O Coadoiro, motivo do abraio de propios e extraños |
Poucos ríos do noso entorno poderían, de falar con verbas comprensíbeis polos humanos, contar a historia que nos reserva o río Xallas. Neste curso fluvial os testemuños mistúranse coa tradición oral de tal xeito que constitúe un delicioso relato que segue a sorprendernos nuns tempos nos que cada vez isto é máis difícil.
|
Mapa do río no Boletín RAG nº 213 (1929) |
Se ben antigamente a súa denominación puido desenvolver do
Sars romano a
Aisaros e logo
Lézaro e
Ézaro, hoxe o río recibe o seu nome da Terra do Xallas que o ve nacer, desde onde se desliza durante 65 km. polo seu propio val, regando auténticas selvas autóctonas como a devesa de Anllares, e recibindo a achega de multitude de pequenos afluentes (ver ilustración), abríndose paso tranquilo ata as mesmas saias do Monte Pindo. Ali, a agreste xeoloxía granítica revoluciona o río, tornándoo máis rápido e violento, creando multitude de pequenos saltos ata cuncas profundísimas, ata atopar o seu salto definitivo de 35 metros que o verque nas augas do Océano Atlántico, tan brutal que orixina unha permanente néboa e unha fondísima cachola. Este accidente chamado popularmente Coadoiro (en dialecto local,
Coaduiro), valeulle ao río sona internacional pois é o único de Europa que remata dese xeito.
Un dato sorprendente é que ata a década de 1950 non existiu ningunha ponte entre Brandomil e a costa, polo que o río só podía atravesarse en barco. As persoas que quixeran cruzar debían pagarlle unha minuta ao barqueiro; non vos parece unha imaxe máis propia de hai séculos que de hai uns anos? E é que a natureza deste curso fluvial ten moito que ver co tempo. O xeólogo Xoán Ramón Vidal Romaní pensa que o río Xallas estaba destinado a conformar a súa propia ría, pero non tivo tempo suficiente de
excavar o granito do Monte Pindo; é por iso que remata asi, en fervenza.
|
Fotografía de 1898 |
Moitos viaxeiros e estudosos repararon neste agasallo da natureza ao longo dos tempos. Cóntase que antigamente o río rodeaba o Monte Pindo pola outra banda desembocando na praia de Carnota, ata que a principios do século XIII un bestial terremoto desviouno polo seu curso actual. En
Madera de Boj, Camilo José Cela data ese tremor dos tempos en que "Marco Polo ía camiño de Catay". Di o Padre Sarmiento que esta fervenza que visitou a mediados do século XVIII, chamada
Cadoyro, é "prodixiosa" e "única en Europa", tan salvaxe e virulenta que non se atreveu a arrimarse demasiado. Máis recentemente os fuxidos da Guerra Civil relataron unha cova no Monte Pindo onde cabían máis dun cento de homes cunha gruta tan longa que conducía ata a fervenza mesma. Autores do século XIX chamárono Río da Prata. O cartógrafo Juan López sitúa o final da célebre vía romana
Per loca marítima na desembocadura deste noso río, preto de onde apareceu en 1864 un misterioso medallón de bronce con sete pitas, extraviado ao longo do S. XX en extrañísimas circunstancias. E, sobre todas as cousas, os autores coinciden en describir unha torre sobre o río á que axiña dedicaremos un artigo máis extenso.
A imaxinería popular tampouco queda atrás: os valentes cabaleiros que se atreveran a atravesar a virulenta fervenza, unha fermosa princesa ou
encanto arrastraríaos ata unha cavidade repleta de tesouros, podendo casar coa dona. Pero ollo, outras lendas falan dunha bruxa... En calquera caso, a importancia e a vitalidade do río ao longo dos tempos queda fóra de toda dúbida.
|
Fraga "inaugura" o río |
Ata aí, digamos, é o resumo das marabillas do río. Pero faltan as desgrazas dos nosos tempos. Hai máis dun século, en 1897, a Sociedad Española de Carburos Metálicos (hoxe Ferroatlántica) comeza a asentar construcións para o aproveitamento hidroeléctrico. Ao principio, pequenas represas hoxe abandonadas, e ao longo do século XX, cada vez máis grandes e -por suposto- perxudiciais para a vida no río. En 1960 érguese o embalse da Fervenza, coas súas canalizacións furando a laxe. En 1980, o encoro de Santa Uxía, que ademais de inundar unha importante área de bosque autóctono reduciu o caudal do río ata o 1%. Pero o peor chegaría no ano 2000, en que a administración autonómica autorizou a Ferroatlántica a secar o río a cambio da súa apertura os domingos de 12 a 14 horas. O "evento" mesmo valeulle ao río o alcume retranqueiro de
Guadiana, e motivou a célebre foto de Fraga inaugurando a fervenza, un acontecemento case tan único do mundo como a fervenza mesma! Elementos ben risibles mais que se tornan dramáticos con fotos infames coma a da desecación total do encoro de Santa Uxía, no 2010, coa extinción masiva da vida presente nel.
Afortunadamente a sociedade civil reaccionou e o gabinete xurídico do colectivo
Ríos con Vida, a instancias de
ADEGA, incoou o expediente polo que o executivo Fraga autorizara a Ferroatlántica a secar un dos ríos máis senlleiros do País, ata que en febreiro de 2010 a Consellería de Medio Ambiente
anulou a declaración de impacto ambiental que permitira a desfeita.
Hoxe o río Xallas volve a fluír nunha tímida parte do seu caudal real. Por desgraza os danos producidos nesta década, a desaparición masiva da fauna e flora do río que foi deserto, tardarán moitos anos en resarcirse.
|
A Nosa Terra, 24/8/2000 |
O futuro do río Xallas, arteria de vida do Monte Pindo, seguirase a escribir con letras de ouro se somos quen de garantir a súa supervivencia. Para iso facemos falta toda a sociedade mediante a implicación na súa defensa, co bo traballo como o da
Plataforma pola Defensa do Río Xallas ou o da propia Asociación Monte Pindo. Mais tamén precisamos un cambio de actitude radical dunhas administracións que ata agora só lle viron a graza ao río unha vez trillado entre as aspas dun xerador eléctrico. É pois que desde a Asociación reivindicamos o papel crucial do río no contexto do Monte Pindo, dado que estamos firmemente convencidos de que pode e debe constituír unha das xoias da coroa do futuro Parque Natural. Adiante!