15/12/11

O Monte Pindo verá rematar unha etapa da Vuelta a España

Monte Pindo Parque Natural aplaude que se asocie o macizo cos valores positivos do deporte

Primeiro foi Iberia, despois as Adegas Valtea e despois Gadis os que só este ano recurriron á emblemática efixie carnotá para asociar os seus produtos con valores positivos e de calidade. Pero moi probabelmente a nova que vos achegamos pode supor o salto á fama internacional da paisaxe do noso amado Monte Pindo, ou iso agardamos.

E é que a nova é que a Vuelta Ciclista a España, considerada a 3ª proba máis importante do mundo nesta disciplina deportiva, vai ver rematar unha das súas etapas da súa vindeira edición do 2012 no mirador do Ézaro, enriba da fervenza do Xallas e aos pes da impoñente figura do Penafiel e do Monte Pindo.

Segundo informacións publicadas, a entidade organizadora do evento xa está a ultimar todos os detalles desta etapa que se especula con que se desenvolverá ao longo do 30 de agosto de 2012, e que só a propia expedición pode atraer á nosa comarca a unhas 1.200 persoas. Pero outro aspecto moi a ter en conta é, sen lugar a dúbidas, que a retransmisión televisada do evento fará entrar a maxestruosa silueta do Monte Pindo en millóns de fogares de todo o mundo.

Percorrido provisional da etapa
Segundo a programación revelada, a serpe multicor arrincaría en Vilagarcía de Arousa, e tras 140 quilómetros percorrendo boa parte do litoral atlántico do noso País, subiría o alto das Paxareiras desde Muros (ascendendo a antigamente denominada Serra de Fontevico, topónimo hoxe desaparecido), para baixar de novo ata Louredo pasando polo mirador coñecido por ofrecer unha das mellores panorámicas costeiras de Costa da Morte e de toda Galiza), e logo continuando pola estrada AC-550 con dirección Cee.

Juanjo Cobo, vencedor da última Vuelta,
aspira a repetir esta estampa ante o Penafiel
A partir dese punto, aos competidores so lles restará circunvalar o Monte Pindo, pasando polas súas máis emblemáticas poboacións como Caldebarcos, Panchés, A Curra, Quilmas e, por suposto, o Pindo. Tras atravesar a ponte sobre o Xallas, a expedición comezará a remontar o monte desde o Ézaro ata o seu coñecido mirador dedicado a unha das máis magníficas e á vez misteriosas perspectivas do Monte Pindo (a mesma paisaxe usada polas Adegas Valtea nunha recente promoción dos seus viños).

Nesta escea, que conmove pola inhóspita e salvaxe natureza velada a cotío por neboeiros emanados da nada, o mítico Pico Penafiel sorprende entre os todos os penedos pola súa semellanza cunha pirámide ancestral que alguén decidira erixir ali para sobrevivir os séculos. E os vestixios arqueolóxicos parecen querer darnos a razón, pero este xa é tema doutro artigo.

En definitiva, ao noso colectivo e a toda a sociedade énchelle de orgullo que o Monte Pindo esté tan de actualidade, cobrando este ano máis miradas que nunca antes na historia recente, e reverdecendo cada vez que un só amante da natureza e a aventura o nomea. Sen dúbida, asociar os valores do deporte en equipo e o bo nome dunha das probas ciclistas máis míticas do mundo co noso monte sacro ten por forza que ser unha combinación infalíbel e produtiva para todos os que amamos o medio natural e o deporte.

Que asi sexa, e que as sacrificadas pedaladas de cada un dos corredores nos acheguen un chisco máis a gañar un Parque Natural que potencie un Monte Pindo máis proveitoso para as xeracións presentes e o salve para as xeracións vindeiras.