Retransmitido ao vivo e
por primeira vez polas redes sociais
Facebook e
Twitter, o
II Simposium Monte Pindo trasladouse a Caldebarcos o 3 de decembro para subscitar entre os seus veciños e visitantes a reflexión sobre o seu medio natural en xeral, e do Monte Pindo en particular. Foi nunha longa xornada pragada de intervencións e actividades, no que ao longo de 10 horas diversos expertos e representantes veciñais foron debullando aspectos máis ou menos coñecidos da mitolóxica mole granítica que enmarca esta paisaxe inconfundíbel da baixa Costa da Morte.
|
César Cambeiro |
César Cambeiro, actor e portavoz dos veciños de Caldebarcos, foi o encargado de abrir a segunda edición deste evento que segue a medrar e, agardamos, mellorar cada vez, deixando nas súas verbas o sabor agridoce dun noso medio natural tan potente como maltratado nos últimos anos, ata que nos últimos anos a veciñanza adoptou posicionamentos activos co nacemento de organismos non gubernamentais como Monte Pindo Parque Natural, as comunidades de montes ou a propia AAVV Xurde Caldebarcos que preside. Unha atinada frase lapidaria resume esta actitude positiva co noso medio e o noso desenvolvemento: "
O que fas para os outros permanece. O que fas para ti morre contigo".
|
Margarida Miguens |
De seguido,
Margarida Miguens Busto, bióloga e membro de
ADEGA, entroncou esta filosofía coa súa ponencia sobre a
custodia do territorio que tan bos resultados está a dar no noso entorno e noutros países. Dise custodia do territorio a cando é a propia veciñanza quen se organiza e toma parte activa na protección do territorio mediante acordos cos seus propietarios. O colectivo ribadaviense
Ridimoas foi quen implantou esta filosofía en Galiza xa no ano 1988, que serve para custodiar elementos tan dispares como solo, auga, aire, flora e fauna, xeoloxía, patrimonio arqueolóxico, histórico, cultural, oral, e en definitiva todo o que teña que ver co medio do que somos parte. Segundo Margarida xa existen en Carnota organizacións que, conscientes ou non dilo, xa fan custodia do territorio, como Rainha Lupa de Quilmas, Mar de Lira, ou a propia Asociación Monte Pindo Parque Natural coas súas iniciativas de recuperación de sendeiros e divulgación. A nivel galego o número de entidades e terras dedicadas a esta fórmula triplicouse no último ano, o que demostra que é algo moi a tomar en serio e máis nun sitio que parece tan apropiado para ilo como é o Monte Pindo.
|
Xosé Manuel Lobato |
Logo do café
Xosé Manuel Lobato, escritor e doutor en filosofía e ciencias da educación,
presentou o seu libro "Máxico Tear Natural", un percorrido íntimo por 23 espazos naturais galegos máxicos, entre os que non podía faltar o noso Olimpo celta, dispoñíbel na nosa
tenda por tan só 14€, que serán íntegramente destinados a financiar actividades no Monte Pindo. Lobato aproveitou para amosar o seu pesar polo descoido de moitos destes espazos naturais, sentenciando que se moitos dos galegos que marcharon corenta anos atrás voltasen hoxe, a visión sería "
traumática" e custaríalles identificar o seu propio País.
|
Moisés Asensi |
Continuando coa programación matutina,
Moisés Asensi Cabirta, que é arquitecto técnico, membro da
Sociedade Galega de Historia Natural e autor da "Guía dos anfibios e réptiles de Galicia", disertou sobre os tipos de anfibios e réptiles que abondan -ou non- en Galiza, e concretamente no monte do Pindo. Mediante un interesantísimo percorrido visual narrado foinos axudando a diferenciar entre a enorme diversidade de especies, a identificar as súas ameazas, e sobre todo, a desterrar mitos como a suposta agresividade e perigosidade da inmensa maioría destas especies, pois exceptuando dous tipos de víbora (unha delas apenas presente na nosa xeografía)
todas son inofensivas para o ser humano. Moisés convidou aos asistentes a fotografar os anfibios e réptiles que se vexan durante as subidas ao Olimpo dos galegos, para asi axudar a completar un inventario que, na súa opinión, ten que ser por forza moito máis extenso do que se considera na actualidade.
Despois dun agradábel xantar na célebre Casa da Cregha, a tarde recalou cargadiña de actividades para todos os presentes. En primeiro lugar, a
estrea en exclusiva do documental "Sendeiros ocultos: Ruta á Moa" convintemente presentado por
Andrés López Romero, director, que acompañou a Xilberto Caamaño polos lugares máis interesantes do Pedregal durante máis de 5 horas para obter esta peza audiovisual que agardamos, en breve, ver entrar en todos os nosos fogares pola televisión.
|
Vidal Romaní |
Foi o noso xeólogo de referencia
Xoán Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Univ. de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, o nomeado para a única ponencia da tarde, dedicada á fabulosa fauna microbiótica que habita nas covas graníticas do Monte Pindo, un descubrimento dun enorme valor científico aínda moi pouco divulgado. Concretamente, trátase de vida microscópica presente nos
espeleotemas ou
depósitos das cavidades, que nos permiten indagar nuns procesos biolóxicos que chegan ao extremo literal de perforar e devorar a rocha granítica aparentemente inerte, coa axuda imprescindíbel da luz e dos cursos naturais de auga. De feito, moitos dos tafonis ou cacholas tan característicos do Pedregal son debidos a esta acción microbiótica. O mesmo Vidal Romaní foi quen de constatar en covas do Monte Pindo esta actividade, que amosou aos asistentes mediante numerosas fotografías microscópicas das mostras recollidas nas súas incursións e nas que se observa con claridade a sorprendente vida que poboa estes depósitos que tanta e tan valiosa información están a revelar á comunidade científica.
|
Xoán Lestón |
Logo do descubrimento cientifico da xornada, o poeta local
Xoán Lestón, veciño de Caldebarcos, foi chamado a entoar algúns dos seus versos xurdidos do corazón e dedicados á terra que emocionaron a moitos dos presentes, dedicados a temas como os incendios, os fuxidos represaliados polo fascismo na Guerra Civil, ou a necesidade de que a sociedade tome parte activa na defensa do medio que nos da razón de ser. Mesmo tiña uns versos, rematando o recital, para berrar a prol do Parque Natural, unha figura que pode e debe cambiar definitivamente e para ben a nosa paisaxe e a dramática posición que ocupa na actualidade.
Por último no programa, chegou o agardado
Debate aberto que caracteriza -e vaino seguir facendo- cada edición do Simposium. No debate que se prolongou por máis dunha hora e foi presidido por todos os ponentes, foronse entreligando diversas cuestións da preocupación dos asistentes, algunhas máis ou menos delicadas ou xa comentadas, como pode ser a cuestión da infame moda das
pintadas e gravados nas pedras do monte, a severa crítica da
área recreativa creada ilegalmente por un grupo mazaricán no Campo das Cortes, a agora oposición ao parque natural de
un ex-alcalde que antes o prometía ou a
posíbel extinción do lirio de monte.
Na parte positiva, propostas como a recuperación de camiños tradicionais hoxe desaparecidos (como
xa vimos facendo), a mellora da sinalización de determinados roteiros hoxe confusos, a creación de vías de escalada onde sexa compatíbel, ou escoitar en boca do alcalde
Moncho Noceda as iniciativas que o Concello de Carnota vai poñer en marcha en pouco tempo (e que máis adiante explicaremos polo miúdo). Pero se algo clarificou o debate foi que todos os asistentes coincidiron na necesidade de protexer canto antes as xoias do Olimpo celta e de tomar partido na súa defensa activa, xa que a administración responsábel, a Xunta, segue ignorando por completo a maré humana que lle pide axuda.
Xilberto Caamaño,
presidente da Asociación Monte Pîndo Parque Natural, foi o encargado de clausurar a xornada e despedirse en nome do colectivo de todos os asistentes, aos que agradeceu o seu interese e participación e convidou a seguir sumando esforzos para conseguir o que consideramos mellor para todos:
un desenvolvemento económicos substentábel para toda a sociedade, baseada nun medio natural máis protexido, produtivo e coidado.
Ata o III Simposium!