29/11/11

O II Simposium Monte Pindo cítanos este sábado en Caldebarcos

Despois do éxito do I Simposium, reeditamos esta pioneira xornada de divulgación científica e debate aspira a converterse nunha cita imprescindible para volver poñer na mesa os temas de actualidade no tocante ao Monte Pindo, e ofrecerlle a toda a veciñanza e sectores a posibilidade de pronunciarse libremente sobre o seu pasado, presente e futuro.

É nese senso que a Asociación Monte Pindo convoca o II Simposium que vai desenvolverse este sábado 3 de decembro no local veciñal de Caldebarcos, ao cal están chamados a participar todos os veciños, asi como os amantes deste espazo sacro dos nosos antergos e os especialistas nas diversas materias que ao longo de toda a xornada irán debullándose.

Debate, territorio, tradición oral, fauna, xeoloxía e roteiros serán desta volta os conceptos que centrarán a programación, sempre coa impresionante presenza da mole granítica no trasfondo.

Para iso contaremos coa presenza de verdadeiras eminencias en cadanseu campo, completadas coa participación do tecido social e da representación institucional do anfitrión Concello de Carnota, que volve a colaborar con nós na organización do evento xunto con ADEGA.

Asi, e sen máis, este sábado ficades todos convocados a participar en Caldebarcos no II Simposium Monte Pindo, cuxo cartel podedes descargar e difundir desde xa.
PROGRAMACIÓN
  • 10:00h. INAUGURACIÓN por César Cambeiro, presidente da Asociación de Veciños Xurde Caldebarcos
  • 10:30h. PONENCIA "A custodia do territorio" por Margarita Miguens Busto, da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
  • 11:30h. CAFÉ
  • 12:00h. PRESENTACIÓN do libro "Máxico Tear Natural", polo escritor Xosé Manuel Lobato, que ao remate asinará exemplares
  • 13:00h. PONENCIA "Anfibios e réptiles de Galicia e do Monte Pindo" por Moisés Asensi Cabirta, membro da Sociedade Galega de Historia Natural e autor da "Guía dos anfibios e réptiles de Galicia"
  • 14:00h. XANTAR*
  • 17:00h. PROXECCIÓN EN ESTREA do documental "Sendeiros ocultos: Ruta á Moa" por Andrés López Romero, director.
  • 17:30h. RECITAL POÉTICO por Xoán Lestón
  • 18:00h. PONENCIA por Xoán Ramón Vidal Romaní, xeólogo e director do Instituto Univ. de Xeoloxía Isidro Parga Pondal
  • 19:00h. DEBATE ABERTO
  • 20:00h. SAÚDA por Ramón Noceda Caamaño, alcalde de Carnota
  • 20:30h. CLAUSURA por Xilberto Caamaño, presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural
*Para máis información e participar no xantar, cómpre anotarse ata o 2 de decembro no teléfono 667 39 31 73.
Agardamos poder contar coa vosa asistencia a unha actividade que de seguro resultará do voso agrado, e o que é máis importante, agardamos que a túa voz sume para axudar a clarificar entre todos o mellor para o Olimpo Celta e o seu entorno.