15/11/11

O Estado valorou declarar o Monte Pindo Parque Nacional en 1917

Fotomontaxe artística do Monte Pindo. AMPPN
A inquedanza de protexer o Monte Pindo non é un invento do século XXI, nin moito menos. A Asociación Monte Pindo ten a ben divulgar o dato de que na primeira normativa pensada para a protección dos espazos naturais españois xa o Monte Pindo ocupaba un lugar preferente e merecedor da máxima protección, segundo os técnicos da administración.

O descubrimento chegounos de man dun cidadán que nos fixo saber da referencia* á protección do Monte Pindo derivada dun Real Decreto do ano 1917, concretamente de 23 de febreiro. O texto lexislativo encomendaba aos enxeñeiros dos distritos forestais de todo o Estado a elaboración en seis meses dunha relación de espazos naturais que mereceran a protección contemplada na escueta Ley de Parques Nacionales impulsada un par de meses antes (8/12/1916) por Pedro Pidal e Bernaldo de Quirós, e grazas á que nacía a célebre figura de protección e tamén unhas políticas medioambientais que foron pioneiras na Europa da época.

Como froito do traballo encomendado aos enxeñeiros forestais, o Monte Pindo foi proposto en 1917 como un dos "sitios notables" que en Galiza optaba ás figuras de Parque Nacional ou Sitio Nacional (que equivale aos actuais parques naturais), dentro dun total de 46 localizacións propostas.

Desafortunadamente esa protección nunca chegaría a concretarse e desenvolverse, pois de ser asi o Parque Natural do Monte Pindo estaría hoxe a piques de cumprir un século de existencia, co que o panorama sen dúbida sería ben distinto para o noso amado Olimpo Celta.

O porqué de que estas políticas ambientais tan evolucionadas para a época non chegaran a desenvolverse é tema doutro artigo, pero debemos pensar que ese mesmo verán desatouse un panorama político moi convulso (coñecido por crise española de 1917) nun contexto tamén socialmente moi intenso no interior e no exterior.

Non sabemos se a crise actual tamén será a excusa do executivo de Alberto Núñez Feijóo para negarse a declarar o Parque Natural do Monte Pindo (dubidámolo, pois hai tres meses repartiu case 2 millóns de euros entre os 6 parques que xa existen) pero desde as atalaias graníticas do Olimpo Celta cada vez máis persoas sumamos o noso alento para conseguir a atención que o lugar leva esixindo desde hai case un século.
*A referencia á proposta do Monte Pindo está ben recollida polo xeógrafo A. Mulero Mendigorri na súa obra "La protección de espacios naturales en España" (ver en Google Books), editada por Ediciones Mundi-Prensa en 2002, que reseñou o informe "El sistema español de parques nacionales y reservas equivalentes" elaborado polo ICONA no ano 1980, e que a súa vez se baseaba na relación orixinal elaborada polos enxeñeiros dos Distritos Forestais en 1917.