28/11/11

A Federación Rural Galega apoia o Parque Natural

A ola de apoios ao Parque Natural do Monte Pindo segue medrado imparable e tocando todos os paos. É agora FRUGA (Federación Rural Galega) o colectivo que asina o manifesto de apoio a unha declaración que desde hai máis dun ano diversas organizacións vímoslle esixindo á Xunta de Galicia sen termos recibido, polo momento, outra resposta que a cruda e inxustificada negativa.

Acto fundacional de FRUGA
Afortunadamente o medre da lista de apoios sociais confírmanos que o Parque Natural é -cada día máis- unha necesidade, e anímannos a seguir traballando e loitando incansablemente a prol do obxectivo irrenunciable de ver o Monte Pindo máis coidado, protexido, e produtivo para visitantes e veciñanza. Porque son as innumerables mostras de apoio recibidas as que nos dan a forza para seguir adiante, superando o silencio ao que parecen querer condenarnos desde a administración supostamente responsable do noso medio ambiente.

FRUGA é un colectivo plural que naceu no ano 2009 para aglutinar os traballadores e as asociacións galegas que desenvolven no noso medio rural actividades forestais, agrícolas e gandeiras, entre outras. Neste senso xa nos comunicaron a súa total disposición para consensuar liñas de traballo conxunto *ara viabilizar a recuperación das áreas degradadas do Monte Pindo, que comprenden a práctica totalidade da superficie, o que xa desde principios de século pasado lle valeu o apelativo literario de "deserto de pedra".

A xeoloxía do Monte Pindo é extremadamente interesante e importante, pero non se comprende que unha área natural tan valiosa se atope desde o punto de vista biolóxico prácticamente desertificada, e no senso de superar esta situación saudamos efusivamente a colaboración de FRUGA e de calquera outra entidade disposta a sumarse a nós sen maior pretensión que a de buscar o mellor para o Monte Pindo e a súa área de influencia, mentras agardamos pola ansiada declaración de Parque Natural que poría solución definitiva á maior parte das súas problemáticas.