29/11/11

O II Simposium Monte Pindo cítanos este sábado en Caldebarcos

Despois do éxito do I Simposium, reeditamos esta pioneira xornada de divulgación científica e debate aspira a converterse nunha cita imprescindible para volver poñer na mesa os temas de actualidade no tocante ao Monte Pindo, e ofrecerlle a toda a veciñanza e sectores a posibilidade de pronunciarse libremente sobre o seu pasado, presente e futuro.

É nese senso que a Asociación Monte Pindo convoca o II Simposium que vai desenvolverse este sábado 3 de decembro no local veciñal de Caldebarcos, ao cal están chamados a participar todos os veciños, asi como os amantes deste espazo sacro dos nosos antergos e os especialistas nas diversas materias que ao longo de toda a xornada irán debullándose.

Debate, territorio, tradición oral, fauna, xeoloxía e roteiros serán desta volta os conceptos que centrarán a programación, sempre coa impresionante presenza da mole granítica no trasfondo.

Para iso contaremos coa presenza de verdadeiras eminencias en cadanseu campo, completadas coa participación do tecido social e da representación institucional do anfitrión Concello de Carnota, que volve a colaborar con nós na organización do evento xunto con ADEGA.

Asi, e sen máis, este sábado ficades todos convocados a participar en Caldebarcos no II Simposium Monte Pindo, cuxo cartel podedes descargar e difundir desde xa.
PROGRAMACIÓN
  • 10:00h. INAUGURACIÓN por César Cambeiro, presidente da Asociación de Veciños Xurde Caldebarcos
  • 10:30h. PONENCIA "A custodia do territorio" por Margarita Miguens Busto, da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
  • 11:30h. CAFÉ
  • 12:00h. PRESENTACIÓN do libro "Máxico Tear Natural", polo escritor Xosé Manuel Lobato, que ao remate asinará exemplares
  • 13:00h. PONENCIA "Anfibios e réptiles de Galicia e do Monte Pindo" por Moisés Asensi Cabirta, membro da Sociedade Galega de Historia Natural e autor da "Guía dos anfibios e réptiles de Galicia"
  • 14:00h. XANTAR*
  • 17:00h. PROXECCIÓN EN ESTREA do documental "Sendeiros ocultos: Ruta á Moa" por Andrés López Romero, director.
  • 17:30h. RECITAL POÉTICO por Xoán Lestón
  • 18:00h. PONENCIA por Xoán Ramón Vidal Romaní, xeólogo e director do Instituto Univ. de Xeoloxía Isidro Parga Pondal
  • 19:00h. DEBATE ABERTO
  • 20:00h. SAÚDA por Ramón Noceda Caamaño, alcalde de Carnota
  • 20:30h. CLAUSURA por Xilberto Caamaño, presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural
*Para máis información e participar no xantar, cómpre anotarse ata o 2 de decembro no teléfono 667 39 31 73.
Agardamos poder contar coa vosa asistencia a unha actividade que de seguro resultará do voso agrado, e o que é máis importante, agardamos que a túa voz sume para axudar a clarificar entre todos o mellor para o Olimpo Celta e o seu entorno.

28/11/11

A Federación Rural Galega apoia o Parque Natural

A ola de apoios ao Parque Natural do Monte Pindo segue medrado imparable e tocando todos os paos. É agora FRUGA (Federación Rural Galega) o colectivo que asina o manifesto de apoio a unha declaración que desde hai máis dun ano diversas organizacións vímoslle esixindo á Xunta de Galicia sen termos recibido, polo momento, outra resposta que a cruda e inxustificada negativa.

Acto fundacional de FRUGA
Afortunadamente o medre da lista de apoios sociais confírmanos que o Parque Natural é -cada día máis- unha necesidade, e anímannos a seguir traballando e loitando incansablemente a prol do obxectivo irrenunciable de ver o Monte Pindo máis coidado, protexido, e produtivo para visitantes e veciñanza. Porque son as innumerables mostras de apoio recibidas as que nos dan a forza para seguir adiante, superando o silencio ao que parecen querer condenarnos desde a administración supostamente responsable do noso medio ambiente.

FRUGA é un colectivo plural que naceu no ano 2009 para aglutinar os traballadores e as asociacións galegas que desenvolven no noso medio rural actividades forestais, agrícolas e gandeiras, entre outras. Neste senso xa nos comunicaron a súa total disposición para consensuar liñas de traballo conxunto *ara viabilizar a recuperación das áreas degradadas do Monte Pindo, que comprenden a práctica totalidade da superficie, o que xa desde principios de século pasado lle valeu o apelativo literario de "deserto de pedra".

A xeoloxía do Monte Pindo é extremadamente interesante e importante, pero non se comprende que unha área natural tan valiosa se atope desde o punto de vista biolóxico prácticamente desertificada, e no senso de superar esta situación saudamos efusivamente a colaboración de FRUGA e de calquera outra entidade disposta a sumarse a nós sen maior pretensión que a de buscar o mellor para o Monte Pindo e a súa área de influencia, mentras agardamos pola ansiada declaración de Parque Natural que poría solución definitiva á maior parte das súas problemáticas.

15/11/11

O Estado valorou declarar o Monte Pindo Parque Nacional en 1917

Fotomontaxe artística do Monte Pindo. AMPPN
A inquedanza de protexer o Monte Pindo non é un invento do século XXI, nin moito menos. A Asociación Monte Pindo ten a ben divulgar o dato de que na primeira normativa pensada para a protección dos espazos naturais españois xa o Monte Pindo ocupaba un lugar preferente e merecedor da máxima protección, segundo os técnicos da administración.

O descubrimento chegounos de man dun cidadán que nos fixo saber da referencia* á protección do Monte Pindo derivada dun Real Decreto do ano 1917, concretamente de 23 de febreiro. O texto lexislativo encomendaba aos enxeñeiros dos distritos forestais de todo o Estado a elaboración en seis meses dunha relación de espazos naturais que mereceran a protección contemplada na escueta Ley de Parques Nacionales impulsada un par de meses antes (8/12/1916) por Pedro Pidal e Bernaldo de Quirós, e grazas á que nacía a célebre figura de protección e tamén unhas políticas medioambientais que foron pioneiras na Europa da época.

Como froito do traballo encomendado aos enxeñeiros forestais, o Monte Pindo foi proposto en 1917 como un dos "sitios notables" que en Galiza optaba ás figuras de Parque Nacional ou Sitio Nacional (que equivale aos actuais parques naturais), dentro dun total de 46 localizacións propostas.

Desafortunadamente esa protección nunca chegaría a concretarse e desenvolverse, pois de ser asi o Parque Natural do Monte Pindo estaría hoxe a piques de cumprir un século de existencia, co que o panorama sen dúbida sería ben distinto para o noso amado Olimpo Celta.

O porqué de que estas políticas ambientais tan evolucionadas para a época non chegaran a desenvolverse é tema doutro artigo, pero debemos pensar que ese mesmo verán desatouse un panorama político moi convulso (coñecido por crise española de 1917) nun contexto tamén socialmente moi intenso no interior e no exterior.

Non sabemos se a crise actual tamén será a excusa do executivo de Alberto Núñez Feijóo para negarse a declarar o Parque Natural do Monte Pindo (dubidámolo, pois hai tres meses repartiu case 2 millóns de euros entre os 6 parques que xa existen) pero desde as atalaias graníticas do Olimpo Celta cada vez máis persoas sumamos o noso alento para conseguir a atención que o lugar leva esixindo desde hai case un século.
*A referencia á proposta do Monte Pindo está ben recollida polo xeógrafo A. Mulero Mendigorri na súa obra "La protección de espacios naturales en España" (ver en Google Books), editada por Ediciones Mundi-Prensa en 2002, que reseñou o informe "El sistema español de parques nacionales y reservas equivalentes" elaborado polo ICONA no ano 1980, e que a súa vez se baseaba na relación orixinal elaborada polos enxeñeiros dos Distritos Forestais en 1917.

08/11/11

Aparece unha poesía inédita de Vicente Risco e Otero Pedraio sobre o Monte Pindo

Dedicada a Parga Pondal en 1936, a peza en alemán fala de marxismo e amor polo Olimpo Celta
Otero Pedrayo e Vicente Risco, autores conxuntos do manuscrito
Borrador da poesía coas súas correccións 
Queda claro que o noso colectivo pouco máis precisa que poñer o magno nome do Monte Pindo no mapa, para que comecen a relocer todo tipo de datos e feitos que ata agora case ninguén coñecía, e que seguen a ensalzar a grandeza deste monte impresionante polas súas características naturais, pero tamén cada vez máis interesante a nivel histórico e etnográfico.

Esta vez non se trata de ningún descubrimento arqueolóxico ou ecolóxico, mais pasa por ser un dos achados de maior importancia cultural para a historia recente do Olimpo Celta. Trátase nin máis nin menos que o achado dunha misiva que contén unha poesía inédita e en alemán dos ilustres autores galegos Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco, escrita durante unha excursión polo Monte Pindo feita co mítico Seminario de Estudos Galegos no mes de xuño de 1936.

O orixinal consérvase en perfecto estado pois trátase dunha carta dirixida a Isidro Parga Pondal, ilustre xeólogo e literato galego, que hoxe recala no arquivo do Instituto homónimo, polo que tamén dispoñemos do sobre orixinal asi como un borrador do puño e letra de Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo cando contaban con 51 e 48 anos, respectivamente, o que multiplica o valor do achádego. Pero o que sen dúbida resulta estarrecedor é que menos dun mes despois de terse redactado nalgún recanto do Olimpo Celta, declarouse o despiadado golpe de estado fascista que condenaría o noso País a 40 anos de penuria e escuridade, e que tamén condenou a moitos dos nosos veciños a buscar acubillo nas numerosas covas que poboan o monte.

Por cortesía do Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal, a cuxo director Xoán Ramón Vidal Romaní agradcemos a súa colaboración permanente, compartimos con toda a sociedade o contido da -ata hoxe- poesía inédita «Auf diesem Berg, des Himmels Nachbar» («Sobre estes altos cumes, veciños do Ceo»), deixando as posíbeis intepretacións ao voso xuízo e -iso si- agardando que a súa lectura vos emocione no mesmo grao que nos emocionou aos membros da Asociación Monte Pindo ao desvelar os seus contidos por primeira vez.

ORIXINAL EN ALEMÁN
TRADUCIÓN AO GALEGO
Auf diesem Berg, des Himmels Nachbar
Wo Professor Parga-Pondal
Wie die Walkirien rollt und sang,
die härte Zähnen des Granits
bissen den Körper hungerlich
und nur die Seele frei nud lebend
wie Schmetterling tauzt und fliegt.
Ju ferne der Ozean allein,
in Himmel nur die Wolken wandern
Wenn ins Gehirn der Marxismus lebt
und das Zukunft derc Meuschheit webt,
Aber wenn Nacht unf Gestirne singen
Must der Marxismus auch verschwinden.

(Atención: pode conter erros de transcrición)
Aqui estamos, sobre estes altos cumes, veciños do Ceo
onde o Profesor Parga Pondal
como as Walkirias corre e canta
Mentres, os duros dentes do granito morden,
famentos, os nosos corpos,
deixando só ceibe e viva a alma
que danza e voa cal Bolboreta.
Na lonxanía a soidade do océano,
as nubes viaxeiras, cruzando o ceo.
No noso cerebro o Marxismo aniña,
tecendo o futuro da Humanidade.
Mais en chegando a noite, co canto das estrelas,
ata o Marxismo ten de acougar co solpor.
Orixinal de Vicente Risco e Otero Pedrayo, escrito nos Montes do Pindo en xuño de 1936. Tradución ao galego polo profesor X.R. Vidal Romaní en 1984.

Documentos orixinais 
Sabendo que serán de especial interese para todos os amantes do Monte Pindo pero tamén para os estudosos da literatura e historia galegas e concretamente das obras de Otero Pedrayo e Risco, a continuación presentamos os documentos fielmente dixitalizados, tanto dos contidos completos do sobre como do seu continente. 
Sobre
Anotación
Tarxeta do SEG

Título, autor e destinatario


Poesía "pasada a limpo"

Borrador