11/10/11

Voluntariado no Monte Pindo (III): Limpeza roteiro Chan das Lamas - San Cibrán

Outeiro do Nariz. Foto: J. L. Galovart
Despois da reivindicación, agora chega a hora de arrimar o ombro para mellorar o noso entorno. Esta fin de semana un novo proxecot de voluntariado da Asociación Monte Pindo encargarase de recuperar o camiño desde Chan das Lamas a San Cibrán, que na actualidade é díficil de transitar, a pesar ser dos de maior interese natural do Monte Pindo.

O roteiro comezará en Caldebarcos ás 10:00 h, desde onde subiremos en coches ata o Chan das Lamas. Ese será o punto de partida do roteiro en si, que en primeiro lugar levaranos ata Os Aguillóns, unha serie de penedos moi característicos da ladeira sur do Monte Pindo, co seu característico moai natural coñecido tradicionalmente como Outeiro do Nariz. Desde alí descenderemos polo Rego Bravo, visitando os restos das antigas explotacións mineiras de wolframio, ata chegar á abandonada aldea de San Cibrán (hoxe parcialmente convertida en aldea de turismo rural).
Aparte do interese natural e panorámico desta iniciativa, pois guiaranos a través do punto de maior interese botánico de todo o Monte Pindo, desde o que ademais se pode percibir das mellores panorámicas da ladeira sur do Olimpo Celta coa espectacular bahía de Carnota a seus pes, aproveitaremos a incursión para desbrozar e recuperar este camiño, polo que se roga a todas as persoas interesadas que tomen boa nota das seguintes indicacións.
Voluntariado no Monte Pindo: Limpeza roteiro Chan das Lamas - San Cibrán

Sábado 15 de outubro
PROGRAMA
10:00h. Saída desde a estrada xeral AC-550 ao seu paso por Caldebarcos (entre os restaurantes O Feitizo e Casa da Crega) Durante o roteiro iremos limpando o camiño e despois xantaremos na Braña dos Aguillóns. Despois do xantar desenvolveremos diversas actividades de lecer, antes de comezar a descender. Os e as asistentes deberán traer:
  • Fouciño (ou outro enser para o desbroce) e luvas de protección.
  • Mochila con cando menos xantar e bebida.
  • Calzado cómodo e roupa acaída ás condicións meteorolóxicas do día.
Confirma a túa asistencia en Facebook, escribindo a info@montepindo.org ou chamando ao 651 376 769.