25/10/11

Desconcertante achado de lapislázuli no Monte Pindo

A Asociación Monte Pindo Parque Natural acaba de recibir do profesor Xoán Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal, as análises xeolóxicas dunha extraña pedra azul atopada recentemente polo noso colectivo nas inmediacións do Chan das Lamas, e que confirman que, sen lugar a dúbidas, se trata de lazurita, o nome científico da pedra semipreciosa coñecida popularmente como lapislázuli.

O verdadeiramente intrigante desta noticia é que no Monte Pindo non existe este mineral, mais nin sequera en Galiza. Citando textualmente s Wikipedia: "Actualmente en el mundo existen sólo dos yacimientos donde es posible encontrar esta hermosa piedra: se trata de una mina ubicada en Afganistán, y otra, la más grande, que se encuentra en Chile".

Que fai unha pedra en bruto de lapislázuli, cuxa extracción se produce en todo caso a miles de quilómetros do Monte Pindo, depositada neste lugar?

A explicación máis probábel, dada a situación do achádego, é que fose materia prima traída ou encargada por algún artesán que desenvolvería a súa labor no entorno do Castelo de San Xurxo, o que probaría a existencia de actividade orfebre neste lugar, e demostraría a relevancia dun castelo tan esquecido como fundamental na historia do Reino de Galiza.