Cando comprometeron o seu apoio ao Parque Natural do Monte Pindo prometéronnos tamén unha visita, e estes son dos que cumpren: as Asociacións dos veciños de Atocha, Hércules e Monte Alto e Palavea da Coruña van visitar este domingo o Monte Pindo para coñecelo en primeira persoa e esixir a súa declaración como Parque Natural.
A iniciativa forma parte do programa de visitas deportivo-lúdicas a diferentes espazos naturais galegos, e foi dada a coñecer recentemente en rolda de prensa ofrecida no local da asociación anfitriona por membros dos respectivos colectivos: AAVV Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules, a ACDR Palavea Bravú e por suposto da propia Asociación Monte Pindo.
Cada un dos colectivos coruñeses ofrecen 25 prazas no autobús que partirá desde os barrios de Monte Alto e Palavea da Coruña na mañanciña do domingo, aínda que á vista do notable éxito da convocatoria a estas alturas as reservas xa estarán máis que esgotadas. Aínda asi podedes achegarvos ata o lugar do Fieiro para unirvos á comitiva, que emprenderá a subida o domingo ás 11:30 h.
Ademais do tradicional ascenso ata os 627 metros da Laxe da Moa, ao longo da xornada visitaremos outros puntos de interese natural e histórico deste monte considerado sacro polos nosos antergos, como o Xigante, a Cova da Xoana ou a Fervenza do Ézaro.
A Asociación Monte Pindo agradece aos dous colectivos que colaboren coa difusión deste marabilloso Monte e as súas problemáticas, contribuíndo a que o Olimpo Celta carnotán adquira a verdadeira dimensión internacional que os nosos devanceiros. Asi mesmo, tamén queremos agradecer a colaboración do Concello de Carnota e de Alcampo.
3º Mercado ecolóxico de Quilmas pola defensa da terra
Noutra orde de cousas, unha importante cita que xa leva camiño da consolidación reclámanos no lugar de Quilmas esta fin de semana. Trátase do Mercado ecolóxico de Quilmas, que xa desenvolve a súa terceira edición, e que chega máis pragado de actividades ca nunca da man do Proxecto Ríos que os levará o domingo desde as 10:30 h. a limpar un tramo do río de Vadebois. Isto, evidentemente, será a maiores do propio mercado de produtos ecolóxicos que dará cor á praza de Quilmas ao longo de todo o sábado. Deixámosvos co programa completo que redondeará unha intensa fin de semana de coñecemento, goce e sobre todo defensa do noso medio natural, á que todas e todos estades convidados.
PROGRAMA
Sábado 1 de Outubro
Domingo 2 de Outubro
- Mercado ecolóxico tradicional
de hortalizas, mel, alimentación ecolóxica e artesanía de proximidade das 10 da mañá ata a tardiña, con parada para o xantar. Degustación de diferentes variedades de tomate e mel. Música animosa durante todo o día. Diferentes postos informativos de asociacións que defenden o territorio, promoven a biodiversidade e fomentan o consumo responsable. Barra da Raínha Lupa con produtos biolóxicos e naturais. Posibilidade de facer o xantar na feira xa que haberá un pulpeiro e diversos postos con empanadas, e outros produtos caseiros....
- 10:30 h. Saída dende Quilmas para realizar a limpeza dun tramo do río de Vadebois, a actividade terá unha duración de 2 horas aproximadamente. Esta actividade voluntaria realizarase de xeito simultáneo en 31 concellos galegos e está organizada polo PROXECTO RÍOS (http://limpeza.proxectorios.org/) que leva anos facendo educación ambiental e formando a grupos de persoas que custodian os ríos e fan seguimentos periódicos do seu estado vital. Recoméndase levar botas de auga, luvas e prismáticos.
- A xornada rematará na Lagoa de Caldebarcos onde, conmemorando o día mundial das aves, realizarase un avistamento de paxaros nesta marisma.