O momento que tanto temíamos, pois a impunidade con que actúan estes terroristas ambientais é absoluta, chegou. Un dos restos arqueolóxicos máis importantes do Monte Pindo e de Galicia, a inscrición do pico do Penafiel, foi salvaxemente vandalizada con spray, provocando uns danos que poden ser irreversibles, á espera de valoración do sucedido polos expertos.
|
Transcrición da excomuñón |
O lamentable feito descubriuno a Asociación Monte Pindo Parque Natural, nunha prolongada visita ao monte feita este domingo en compaña de, entre outros,
Manuel Gago, xornalista e gran estudioso da arqueoloxía, autor do que é considerado un dos mellores blogs de Galicia,
Capítulo 0, e fundador da plataforma
PatrimonioGalego.net. O obxecto da visita era, precisamente, seguir investigando sobre a historia e os restos arqueolóxicos do Monte Pindo, o que nos levou como non podía ser doutro xeito ao Penafiel, onde puidemos descubrir esta aberración de recente factura.
A inscrición foi ordenada no ano 1130 polo
arcebispo Xelmírez, excomulgando todo o lugar (existe diverxencia de opinións na comunidade científica sobre a que tipo de castelo se refire), o que supón un caso único en Galicia de excomuñón dun lugar físico e por tanto a toda persoa que entrara nel, debido a que toda a zona fora un importante lugar de conspiracións políticas da época. A tradución máis aceptada é a seguinte:
"REIS BISPOS PRESBÍTEROS TODOS POR PODERES RECIBIDOS DE DEUS EXCOMULGARON AQUÍ ESTE CASTELO".
|
Sinatura do/a responsable |
Despois de case mil anos atestiguando a realidade inmutable de toda a zona, a inscrición xace hoxe baixo unha mesta capa de pintura vermella provocada por algún desaprensivo dos moitos que aseguen actuando con total impunidade, saboteando pedras e restos arqueolóxicos con todo tipo de pintadas. Neste caso, o atentado pode responder á autoría dunha persoa alcumada "Rojo", dado que nas proximidades da incrición de Penafiel apareceu esa sinatura co mesmo tipo de pintura usada na vandalización da excomuñón.
Agradecemos que toda información que nos poida axudar a identificar esta persoa se nos envíe a
info@montepindo.org.
A Asociación Monte Pindo vai informar do suceso ao SEPRONA e á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, agardando que sobre o responsable deste ataque recaia todo o peso da lei.