30/09/11

Os veciños da Coruña suben ao Olimpo Celta este domingo para reclamar o Parque Natural

E o sábado, 3ª edición do Mercado Ecolóxico de Quilmas

Cando comprometeron o seu apoio ao Parque Natural do Monte Pindo prometéronnos tamén unha visita, e estes son dos que cumpren: as Asociacións dos veciños de Atocha, Hércules e Monte Alto e Palavea da Coruña van visitar este domingo o Monte Pindo para coñecelo en primeira persoa e esixir a súa declaración como Parque Natural.

A iniciativa forma parte do programa de visitas deportivo-lúdicas a diferentes espazos naturais galegos, e foi dada a coñecer recentemente en rolda de prensa ofrecida no local da asociación anfitriona por membros dos respectivos colectivos: AAVV Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules, a ACDR Palavea Bravú e por suposto da propia Asociación Monte Pindo.

Cada un dos colectivos coruñeses ofrecen 25 prazas no autobús que partirá desde os barrios de Monte Alto e Palavea da Coruña na mañanciña do domingo, aínda que á vista do notable éxito da convocatoria a estas alturas as reservas xa estarán máis que esgotadas. Aínda asi podedes achegarvos ata o lugar do Fieiro para unirvos á comitiva, que emprenderá a subida o domingo ás 11:30 h.

Ademais do tradicional ascenso ata os 627 metros da Laxe da Moa, ao longo da xornada visitaremos outros puntos de interese natural e histórico deste monte considerado sacro polos nosos antergos, como o Xigante, a Cova da Xoana ou a Fervenza do Ézaro.

A Asociación Monte Pindo agradece aos dous colectivos que colaboren coa difusión deste marabilloso Monte e as súas problemáticas, contribuíndo a que o Olimpo Celta carnotán adquira a verdadeira dimensión  internacional que os nosos devanceiros. Asi mesmo, tamén queremos agradecer a colaboración do Concello de Carnota e de Alcampo.

3º Mercado ecolóxico de Quilmas pola defensa da terra 
Noutra orde de cousas, unha importante cita que xa leva camiño da consolidación reclámanos no lugar de Quilmas esta fin de semana. Trátase do Mercado ecolóxico de Quilmas, que xa desenvolve a súa terceira edición, e que chega máis pragado de actividades ca nunca da man do Proxecto Ríos que os levará o domingo desde as 10:30 h. a limpar un tramo do río de Vadebois. Isto, evidentemente, será a maiores do propio mercado de produtos ecolóxicos que dará cor á praza de Quilmas ao longo de todo o sábado. Deixámosvos co programa completo que redondeará unha intensa fin de semana de coñecemento, goce e sobre todo defensa do noso medio natural, á que todas e todos estades convidados.
PROGRAMA 
Sábado 1 de Outubro 
  • Mercado ecolóxico tradicional
  • de hortalizas, mel, alimentación ecolóxica e artesanía de proximidade das 10 da mañá ata a tardiña, con parada para o xantar. Degustación de diferentes variedades de tomate e mel. Música animosa durante todo o día. Diferentes postos informativos de asociacións que defenden o territorio, promoven a biodiversidade e fomentan o consumo responsable. Barra da Raínha Lupa con produtos biolóxicos e naturais. Posibilidade de facer o xantar na feira xa que haberá un pulpeiro e diversos postos con empanadas, e outros produtos caseiros.... 
Domingo 2 de Outubro 
  • 10:30 h. Saída dende Quilmas para realizar a limpeza dun tramo do río de Vadebois, a actividade terá unha duración de 2 horas aproximadamente. Esta actividade voluntaria realizarase de xeito simultáneo en 31 concellos galegos e está organizada polo PROXECTO RÍOS (http://limpeza.proxectorios.org/) que leva anos facendo educación ambiental e formando a grupos de persoas que custodian os ríos e fan seguimentos periódicos do seu estado vital.  Recoméndase levar botas de auga, luvas e prismáticos.
  • A xornada rematará na Lagoa de Caldebarcos onde, conmemorando o día mundial das aves, realizarase un avistamento de paxaros nesta marisma. 

12/09/11

O Monte Pindo foi unha gran fortaleza amurallada

Aparece un terceiro castelo no Monte Pindo 

Os traballos da Asociación Monte Pindo Parque Natural xunto cunha serie de expertos que nas últimas semanas se foron achegando ao Olimpo Celta seguen dando os seus froitos mediante importantes descubrimentos que están a reescribir a historia desta paraxe carnotá fundamental para entender o noso pasado como galegos e galegas.

En amarelo, muros naturais; en verde e vermello, os artificiais
Logo dunha serie de prospeccións visuais a pe de campo, as sospeitas da Asociación confirmáronse, revelando que a Laxe da Moa foi nos séculos V ou VI un recinto severamente fortificado con murallas de mamposteria moi robustas con fina feitura exterior, que o paso dos séculos deixou reducidas a pouco menos que a moreas de pedras aliñadas, aínda que se conserva en moi bo estado en certos puntos.

Foto: Manuel Gago
A muralla foi ergueita con moita intelixencia, aproveitando as escarpadas formacións de agullas graniticas tan características do monte como murallas naturais case impenetrables, e só completando con muralla artificial os "pasos" entre os mesmos, a veces con murallas tan de ata 3 metros de ancho e outros tantos ou máis de alto, posuindo mesmo avanzadas. A finalidade, como se pode aprezar claramente na simulación adxunta, era pechar unha plataforma nos cales están incluídos todos os lugares que definen o Monte Pindo como "monte sacro" da antigüidade. A finalidade desta muralla parece claramente defensiva, e a época da construción (séculos V ou VI), en plenas invasións suevas, asi o confirman pois este puido ser un dos "lugares seguros" onde os nosos ancestros se refuxiarían masivamente en caso de complicacións ou guerras.

Foto: Manuel Gago
Se ben, deixando que nos embargue a imaxinación, a curiosidade de que tanto os castelos coñecidos como todos os lugares do monte que estarían habitados se atopaban fóra desas murallas, ben puidera indicar que estas murallas separaban o divino do humano, as estancias sagradas das que eran accesibles polos mortais. É dicir, que as murallas serían os límites dun verdadeiro Olimpo Celta, a residencia dos deuses da nosa antigüidade, onde o común dos mortais non tería permitido o acceso.

Foto: Manuel Gago
Volvendo ao plano estrictamente riguroso e científico, Manuel Gago ten ben documentados e descritos os anacos de muralla que levamos atopados, anunciando unha teoría verdadeiramente revolucionaria: A Laxe da Moa era en si mesma un castelo nunca antes documentado, que se sumaría aos xa descritos de Penafiel e San Xurxo. Convidámosvos a mergullar no profuso e fascinante resumo das pesquisas de Manuel Gago, que se divide en tres capítulos: I, II e III.

06/09/11

Atacan con pintura a excomuñón de Penafiel

O momento que tanto temíamos, pois a impunidade con que actúan estes terroristas ambientais é absoluta, chegou. Un dos restos arqueolóxicos máis importantes do Monte Pindo e de Galicia, a inscrición do pico do Penafiel, foi salvaxemente vandalizada con spray, provocando uns danos que poden ser irreversibles, á espera de valoración do sucedido polos expertos.

Transcrición da excomuñón
O lamentable feito descubriuno a Asociación Monte Pindo Parque Natural, nunha prolongada visita ao monte feita este domingo en compaña de, entre outros, Manuel Gago, xornalista e gran estudioso da arqueoloxía, autor do que é considerado un dos mellores blogs de Galicia, Capítulo 0, e fundador da plataforma PatrimonioGalego.net. O obxecto da visita era, precisamente, seguir investigando sobre a historia e os restos arqueolóxicos do Monte Pindo, o que nos levou como non podía ser doutro xeito ao Penafiel, onde puidemos descubrir esta aberración de recente factura.

A inscrición foi ordenada no ano 1130 polo arcebispo Xelmírez, excomulgando todo o lugar (existe diverxencia de opinións na comunidade científica sobre a que tipo de castelo se refire), o que supón un caso único en Galicia de excomuñón dun lugar físico e por tanto a toda persoa que entrara nel, debido a que toda a zona fora un importante lugar de conspiracións políticas da época. A tradución máis aceptada é a seguinte:
"REIS BISPOS PRESBÍTEROS TODOS POR PODERES RECIBIDOS DE DEUS EXCOMULGARON AQUÍ ESTE CASTELO".

Sinatura do/a responsable
Despois de case mil anos atestiguando a realidade inmutable de toda a zona, a inscrición xace hoxe baixo unha mesta capa de pintura vermella provocada por algún desaprensivo dos moitos que aseguen actuando con total impunidade, saboteando pedras e restos arqueolóxicos con todo tipo de pintadas. Neste caso, o atentado pode responder á autoría dunha persoa alcumada "Rojo", dado que nas proximidades da incrición de Penafiel apareceu esa sinatura co mesmo tipo de pintura usada na vandalización da excomuñón.

Agradecemos que toda información que nos poida axudar a identificar esta persoa se nos envíe a info@montepindo.org. A Asociación Monte Pindo vai informar do suceso ao SEPRONA e á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, agardando que sobre o responsable deste ataque recaia todo o peso da lei.