02/08/11

Voluntariado no Monte Pindo (II): Roteiro á Braña dos Aguillóns

A Asociación Monte Pindo Parque Natural volve a coller o fouciño o sábado 6 de agosto, como xa fixemos anteriormente na Pedra Cabalgada, para seguir abrindo novas posibilidades de explorar todos os misterios do Monte Pindo.

Nesta ocasión, o roteiro que abriremos levaranos ata os Aguillóns, unha inmensa braña á que se sube desde Caldebarcos e cuxo acceso está na actualidade practicamente intransitable, cousa que agardamos corrixir coa vosa axuda. Ali agardaranos unha sorpresa moi especial que nos reservaremos como recompensa para todos os amigos e as amigas que veñan a axudarnos con esta actividade de voluntariado. Como pista, só dicir que estivo na boca de todos nos últimos días.

Nesta actividade colaboran os veciños de Caldebarcos a través da asociación veciñal Xurde Caldebarcos e a Comunidade de Montes, sempre tan activos na defensa do seu monte e das súas tradicións. Alí nos vemos!
Voluntariado no Monte Pindo: Roteiro á Braña dos Aguillóns
Sábado 6 de agosto

PROGRAMA

10:00h. Saída desde a estrada xeral AC-550 ao seu paso por Caldebarcos (entre os restaurantes O Feitizo e Casa da Crega).

Durante o roteiro iremos limpando o camiño e despois xantaremos na Braña dos Aguillóns.

Despois do xantar desenvolveremos diversas actividades de lecer, antes de comezar a descender.

Os e as asistentes deberán traer:
  • Fouciño (ou outro enser para o desbroce) e luvas de protección.
  • Mochila con cando menos xantar e bebida.
  • Calzado cómodo e roupa acaída ás condicións meteorolóxicas do día.
Confirma a túa asistencia en Facebook, escribindo a info@montepindo.org ou chamando ao 651 376 769.