Cartel do Mercado |
E é que, obedecendo á filosofía propia dos nosos antergos, a organización do evento decidiu que a positiva experiencia se repita no sucesivo coincidindo co ciclo das estrelas, que antigamente servían de referencia aos labregos e aos mariñeiros para fixar as súas tarefas.
Os nosos amigos da Cooperativa Ecolóxica Raínha Lupa explícano do seguinte xeito:
Propuxémonos realizar 7 mercados ecolóxicos tódolos anos. A referencia do 7 é pola importancia que tiveron sempre as estrelas coma indicadoras do paso do tempo e as estacións. Antigamente mirávase para o ceo e determinábanse as épocas de traballo no campo en función das constelacións que aparecían no firmamento. Hai dúas constelacións que fixan o comezo da primaveira e con isto, das segas, das colleitas, e das navegacións polo mar. Orión e Tauro coas Pléyades na punta (grupo de 7 estrelas, as 7 cabuxiñas) que estan visibles dende Abril a Outubro, durante 7 meses. Escollemos pois este periodo de fertilidade e de viaxe para realizaren tamén os mercados en Quilmas. Así que as datas do nosos mercados non teñen perda, basta con ollar cara o ceo e seguir o ritmo das estrelas e da lúa chea.Non cabe, pois, lugar a dúbidas. O ritmo do firmamento danos cita a todos en Quilmas o 13 e o 14 de agosto (lúa chea) nun extenso programa de actividades que trascenden o propio mercado de produtos ecolóxicos:
PROGRAMA
Sábado 13 de Agosto
- Mercado ecolóxico tradicional de hortalizas, alimentación ecolóxica e artesanía de proximidade dende as 10:00h ata a tardiña, con parada para o xantar.
- Degustación dos tomates e o mel de Carnota.
- Música animosa durante todo o día.
- Postos informativos de asociacións que defenden o territorio, promoven a biodiversidade e fomentan o consumo responsable, incluíndo por suposto a Asociación Monte Pindo Parque Natural.
- Barra da Raínha Lupa con produtos biolóxicos e naturais.
- Diversas posibilidades para xantar, con pulpeira, empanadas, pizzas e outros produtos caseiros.
Domingo 14 de Agosto
- Mañá: Roteiro reivindicativo "POLA DEFENSA DA TERRA". Percorrido pola COSTA DE QUILMAS, salientando tódolos valores medioambientais, etnográficos e históricos a conservar.
- Tarde: CINEFÓRUM: "O mundo según Monsanto". Documental que denuncia a influencia negativa sobre a saúde e sobre o medio ambiente dos alimentos transxénicos e herbicidas, así coma suscita á reflexión sobre o presente da agricultura e o futuro das sementes. Posteriormente abrirase un debate guiado por Fins Eirexas, Secretario Executivo de ADEGA.
Posto no Festigal 2011 da AMPPN |