

Aínda que non se conserva profusa documentación sobre esta edificación relixiosa situada no Monte Pindo, as pesquisas da nosa Asociación van dando os seus froitos e revelando indicios que nos permiten facernos unha idea cada vez máis rigorosa sobre a importancia deste lugar, que iremos achegando á sociedade segundo vaiamos averiguando máis cousas.
A alusión máis antiga -que teñamos constancia- a unha edificación relixiosa no Monte Pindo data do ano 830. Durante o seu reinado, Afonso II de Oviedo (rei de Galicia) encomendoulle ao Abade Tructinio unha relación das igrexas do seu reino. Neste documento aparece "in Carnota ecclesia Pintani in Sentes": A igrexa da Moa.
Moitos rexistros da época tamén atestiguan o papel do Monte Pindo: "In Carinota cum suo monte sacro" (Celanova, 942) tamén deixa lugar a poucas dúbidas: non só aparece nos documentos relixiosos da época, senón que xa se referían a el como montaña sagrada.