29/08/11

A ermida do Monte Pindo: unha lenda feita realidade


A Asociación Monte Pindo Parque Natural vén de facer público o achádego dunha inscrición en pedra, que todo parece apuntar que podería tratarse da inscrición fundacional da capela do Monte Pindo, ou ben dunha posterior remodelación:

A capela do Monte Pindo, ao igual que practicamente todo o que ten que ver coa historia deste lugar, acabou misturada coas numerosas lendas e mitos do Olimpo Celta, ata o punto de que moita xente chegou a poñer en dúbida a súa existencia. Agora, a carón do que sempre se consideraron os seus restos apareceu unha inscrición verdadeiramente sorprendente, e que xa atraiu a atención de numerosos arqueólogos e historiadores, que nos pediron visitar este lugar.A capela do Monte Pindo nos documentos históricos

Aínda que non se conserva profusa documentación sobre esta edificación relixiosa situada no Monte Pindo, as pesquisas da nosa Asociación van dando os seus froitos e revelando indicios que nos permiten facernos unha idea cada vez máis rigorosa sobre a importancia deste lugar, que iremos achegando á sociedade segundo vaiamos averiguando máis cousas.

A alusión máis antiga -que teñamos constancia- a unha edificación relixiosa no Monte Pindo data do ano 830. Durante o seu reinado, Afonso II de Oviedo (rei de Galicia) encomendoulle ao Abade Tructinio unha relación das igrexas do seu reino. Neste documento aparece "in Carnota ecclesia Pintani in Sentes": A igrexa da Moa.

Moitos rexistros da época tamén atestiguan o papel do Monte Pindo: "In Carinota cum suo monte sacro" (Celanova, 942) tamén deixa lugar a poucas dúbidas: non só aparece nos documentos relixiosos da época, senón que xa se referían a el como montaña sagrada.

24/08/11

A Xunta dispón 2 millóns de euros para os Parques Naturais galegos

108 proxectos en 6 espazos naturais galegos sairán adiante. O Monte Pindo non será un deles pola falta de vontade política do mesmo executivo

O Conselleiro de Medio Rural deu a coñecer durante unha visita ao Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés que a Xunta e o Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia van financiar ata 108 iniciativas nos 6 parques naturais galegos, por un importe total de 2 millóns de euros.

As iniciativas son promovidas por concellos, empresas, comunidades de montes, asociacións e incluso particulares, maiormente propietarios de terras situadas nos seis parques naturais e na súa área de influencia; titulares de explotacións agrogandeiras; comunidades de montes veciñais; empresas e tamén os propios concellos.

Desglosados, o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés obtén 1.128.383 euros; o das fragas del Eume, 460.261 euros; Corrubedo, 162.851; Enciña da Lastra, 174.301; Monte Aloia, 59.419, e O Invernadoiro, 34.682 euros.

Entre as melloras máis importantes constan a recuperación do muro do Mosteiro de Monfero, (no Parque Natural Fragas del Eume), asi como melloras en zonas de lecer no entorno das capelas de Santa María de Riocaldo e San Bieito de Grou, en O Xurés.

Samuel Juárez con García Borregón,
responsable do abandono do Pindo
A Asociación Monte Pindo Parque Natural saúda o importante investimento nos parques naturais galegos, se ben quere salientar a hipocresía de que hai poucos meses a mesma institución rexeitou declarar o Monte Pindo como o 7º Parque Natural galego, xusto despois dunha reunión na cal se falara xustamente o contrario, nunha mostra de hipocresía que pasará á historia da desaprensión institucional.

Se naquela reunión infame a Xunta simplemente escoitara a importante demanda social a favor do Parque Natural, hoxe o Monte Pindo e o Concello de Carnota poderían ter optado xa a este e a outras moitas axudas para a súa protección e o desenvolvemento deste espazo e a mellora da calidade de vida dos seus habitantes.

Unha vez máis as cuestións partidarias antepóñense ao interese xeral da poboación galega. Afortunadamente cada día somos máis os colectivos e particulares que voluntariamente facemos todo o posible por ter o Monte Pindo coidado, protexido e libre das ameazas que o degradan cada día, grazas aos que podemos facerlle fronte ao abandono ao que parece estar abocado desde as institucións.

22/08/11

O Simposium Monte Pindo evidencia a necesidade de protexer cun Parque Natural as súas xoias

Máis dun cento de persoas achegáronse ao Pindo ao longo do sábado
Rematou o I Simposium Monte Pindo cunha bagaxe de máis dun cento de asistentes a algunha das actividades programadas durante toda a xornada, e no que unha serie de veciños, estudosos e en definitiva amantes do Olimpo Celta foron debullando diferentes aspectos para axudarnos a comprender a verdadeira importancia deste espazo natural e histórico, evidenciar as súas problemáticas e propoñer entre todos as solucións de futuro.
Martiño-Fiz explica as propostas de futuro para o Monte Pindo e Carnota
Achado dunha milenaria inscrición no Campo das Cortes
Comezou por inaugurar o Simposium Xilberto Caamaño, presidente da Asociación anfitriona, que logo de saudar a todos os asistentes e sintetizar o intenso traballo que desemprega o colectivo, deu a coñecer que voluntarios da Asociación Monte Pindo Parque Natural acaban de descubrir unha inscrición en pedra no Campo de Cortes, que segundo as primeiras hipóteses ten uns mil anos de antigüidade e trataríase da data fundacional da antiga ermida que estaba neste lugar ou ben dunha remodelación posterior. Monte Pindo Parque Natural xa puxo o feito en coñecemento de diversos especialistas na materia, que agardamos que en breve poidan achegarnos máis datos e mesmo visitar a zona para continuar descifrando o texto no seu contexto natural.

Poesía, tradición oral, literatura e xeoloxía, protagonistas da sesión matutina
O veciño de Caldebarcos Xoán Lestón foi o encargado de botar a rolar o Simposium cun recital poético da súa colleita, sempre coa visión tan próxima e sinxela do día a día das abas do Monte Pindo coa que nos ten familiarizado.

A continuación o escritor Francisco Xosé Fernández Naval (Chisco) interviu nunha conferencia que versou sobre tradición oral, historia, mitos e lendas neste espazo, sempre tan interrelacionadas.

O profesor Juan Ramón Vidal Romaní, xeólogo e director do Instituto de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, foi o encargado de explicar que é o Monte Pindo desde a perspectiva científica, e os procesos polos cales hai máis de 300 millóns de anos unha inmensa mole magmática se forxa a 26 quilómetros de profundidade e acaba por emerxer en forma de macizo granítico pola erosión da enorme masa de cortiza terrestre que o cubría. Entre os datos máis curiosos que puidemos coñecer do traballo de Vidal Romaní, está o de que o Monte Pindo apenas variou neste tempo, manténdose tal cal era ao emerxer exceptuando pequenas variacións moi superficiais, ou que a fervenza do Ézaro estaba predestinada a ser unha ría como calquera outra das presentes na nosa xeografía, pero non o foi porque as repentinas variacións de altura fixeron que o río Xallas non tivera tempo de labrara unha ría, motivo polo que hoxe temos a coñecida fervenza que cae directamente sobre o mar.

Lobato asinando exemplares do libro "Máxico Tear Natural"
A presentación do libro Máxico Tear Natural do escritor Xosé Manuel Lobato, evento no que estivo acompañado polo tamén escritor Miro Villar, continuou na programación debullando un a un os máis de vinte espazos naturais de Galicia polos que o autor viaxa e reflicte nas súas páxinas desde unha perspectiva moi íntima e intensa, entre eles no propio Monte Pindo. Lembramos que a nosa Asociación ten este libro á venda para quen desexe adquirilo, e que a metade dos ingresos son donados ao noso colectivo para axudarnos a seguir coidando e mellorando o Olimpo Celta.

Paisaxe, desenvolvemento económico e debate aberto, na sesión de tarde
Despois dun concurrido xantar, a tarde reservounos novas conferencias, arrincando pola do biólogo Martiño-Fiz López Lindoso, relator da iniciativa do Parque Natural do Monte Pindo, que salientou que o Parque Natural ten moitisimas vantaxes e ningún inconvinte, pois non vai supor ningunha restricción para os veciños e as actividades económicas do noso concello que non exista xa. Asi mesmo, quixo desmontar algúns prexuízos que se teñen alegado, como a "pouca extensión" (non existe límite de extensión, e aínda que o tivera a extensión do Pindo ocuparía o 5º lugar entre os 8 espazos galegos protexidos na actualidade (7 parques naturais e 1 parque nacional). Tamén afondou no feito de que a veciñanza e os sectores público e privado teñen garantido por lei a participación na toma de decisións do futuro Parque: Ningunha acción orientada a protexer un espazo natural pode estar inconexo da mellora do nivel de vida dos habitantes do seu entorno, o que se coñece como desenvolvemento substentable. Por iso o biólogo foi avaliando todos os factores que poden levar ao desenvolvemento de Carnota e do Monte Pindo, mediante a acción combinada de declaración de Parque Natural, revalorización do agro, turismo mariñeiro e impulso das novas tecnoloxías.

Rematou as ponencias a fotógrafa Maribel Longueira, que expuxo a súa importante obra fotográfica no Monte Pindo, vinculando os diferentes espazos á tradición oral e lendas que contribuiron a ensalzar o aspecto máxico do Olimpo Celta, que sen lugar a dúbidas aínda estamos comezando a descubrir.

Debate aberto con todos os poñentes do Simposium
A continuación, chegou o turno do esperado debate "Monte Pindo, Parque Natural?", aberto a que todos os interesados puidesen formular libremente as súas reflexións e dúbidas a calquera dos poñentes, o que rematou por ir desgraando unha a unha diferentes cuestións de sumo interese que case poderían, por si mesmo, considerarse unha ponencia máis, pero con ducias de poñentes. Se dalgo serviu o debate foi para constatar algúns dos prexuízos que entre algúns veciños aínda pode haber sobre o Parque Natural, motivados polo descoñecemento e a rumoroloxía intencionada que desde algúns sectores da vida política se puxeron a andar para tratar desesperadamente de contrarestar un sentir moi maioritario, o da necesidade de ser Parque Natural, que día a día atopa menos reticencias entre todos os sectores da sociedade, ao mesmo ritmo que seguimos divulgando e explicando esta proposta.

A nosa actividade foi respaldada por primeira vez polo Concello de Carnota, debuxando unha nova etapa
Malia que o alcalde de Carnota Ramón Noceda era o chamado a saudar desde a institución municipal aos presentes, este preferiu cederlle a honra a Merche Díaz, tenente de alcalde e veciña do Pindo, quen agradeceu á Asociación o seu traballo, e aos veciños e poñentes a súa presenza, e chamou a toda a sociedade a volcarse no futuro do noso entorno e das vidas dos que nel se radican, nun momento en que as dificultades son moitas.

Mario Maceiras, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural, clausurou un Simposium no que colaborou o Concello de Carnota, ADEGA e a Confraría de Pescadores do Pindo, pedindo a unión veciñal na procura do mellor para o Monte Pindo, unha xoia de 300 millóns de anos que, se seguimos dando pasos ben encamiñados, pode converterse nun potencial de futuro para o Pindo, Carnota, a Costa da Morte e Galicia enteira.

17/08/11

A Asociación Monte Pindo vai anunciar un importante descubrimento histórico no marco do I Simposium

A laboura da Asociación Monte Pindo Parque Natural intensifícase e diversifícase cada día, moitas veces como froito da programación feita a medio e longo prazo pola Comisión Rectora, pero outras veces empurrados polas circunstancias e mesmo por xiros impensables dos acontecementos.

O traballo de campo desenvolvido polos socios durante as últimas accións de voluntariado remataron nun sorpredente achádego que sen dúbida vai colaborar a achegar información moi valiosa sobre a Historia deste macizo granítico tan singular da orografía galega, o Monte Pindo, tradicionalmente inzado de misterios e de lendas pero que, a veces, decide disipar neboeiros revelándonos interesantes probas que corroboran e concretan realidades que, froito da transmisión oral, se remataran perdendo ou remexendo cos mitos.

Será o presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural, Xilberto Caamaño, o encargado de anunciar este descubrimento sen precedentes no marco da súa intervención inaugural do I Simposium Monte Pindo; é dicir, este sábado 20 ás 10:00 horas.

A Asociación lembra a asistencia a este foro é libre e gratuita, asi como que quen o desexe aínda está a tempo de se anotar ao xantar, o que debe facerse inscribíndose e ingresando o custo do xantar (15€) na conta da nosa Asociación antes do venres 19 de agosto. Para máis información, podedes contactarnos en info@montepindo.org ou por teléfono ao 667 39 31 73.

10/08/11

Nace o Simposium Monte Pindo para estudar pasado, presente e futuro do Olimpo Celta

A Asociación Monte Pindo ten o pracer de convidarte ao I Simposium Monte Pindo, un evento que terá lugar o sábado 20 de agosto no colexio do Pindo (Carnota) e que foxe do aspecto puramente lúdico das actividades que habitualmente se desenvolven no Monte Pindo, para converterse nun encontro no que toda a sociedade poida avaliar o pasado, presente e futuro do Olimpo Celta.

Para iso contaremos coa axuda dunha serie de representantes dos colectivos veciñal, profesional e científico, especializados nas diversas ramas do saber sen as cales non é posible comprender o verdadeiro significado e importancia deste emblema da paisaxe galega.

O principal obxectivo do Simposium Monte Pindo é proporcionarlle á sociedade os diferentes elementos fundamentais para poder analisar desde un punto de vista crítico os retos e ameazas que no Monte Pindo nos atopamos, a necesidade ou non de figuras de protección específicas, as posibilidades de desenvolvemento para unha mellor calidade de vida de veciños e visitantes, e un longo etcétera que iremos debullando ao longo dunha intensa xornada de conferencias, reflexión e debate sobre este espazo natural en particular e sobre o medio ambiente en xeral.

Xa está aberto o prazo de inscrición. Podes facelo de xeito totalmente gratuito aquí. Para participar no xantar, só tes que especificalo no momento de cubrir o formulario de inscrición. O prezo único por comensal é de 15 euros, que debes ingresar ata o xoves 18 de agosto na conta da Asociación: 2091-0025-03-3040001120 (Novacaixagalicia).

A intención da Asociación Monte Pindo Parque Natural é que a actividade poida converterse nun evento anual de referencia para os amantes e estudosos do macizo do Pindo, asi como que os contidos das diversas conferencias asi como aqueles elementos positivos que xurdan nos diferentes debates se poidan recoller e incluír nun libro para que formen parte da historia deste espazo natural.
PROGRAMA
  • 10:00 H | Inauguración: Xilberto Caamaño Beiro (presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural)
  • 10:30 H | Exposición fotográfica: Maribel Longueira.
  • 11:00 H | Recital poético: Xoán Lestón
  • 11:30 H | Descanso e café
  • 12:00 H | Ponencia: Juan Ramón Vidal Romaní (xeólogo e director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal)
  • 13:00 H | Presentación do libro "Máxico tear natural": Xosé Manuel Lobato (doutor en Filosofía e Ciencias da Educación). Ao remate da presentación, sinatura de libros por parte do autor.

  • 14:00 H | Xantar (15 €/ persoa, débese especificar coa inscrición)

  • 17:00 H | Ponencia: Martiño-Fiz López Lindoso (Biólogo e relator da iniciativa do Parque Natural do Monte Pindo) e Fins Eirexas (Xeólogo e secretario executivo de ADEGA)
  • 18:00 H | Ponencia: Francisco Xosé Fernández Naval (Escritor)
  • 19:00 H | Debate aberto: Monte Pindo, Parque Natural?
  • 20:00 H | Saúda: Ramón Noceda Caamaño (alcalde de Carnota).
  • 20:15 H | Clausura: Mario Maceiras Dosil (secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural)
*A todos os e as asistentes agasaráselle cunha carpeta coa documentación precisa para seguir o Simposium.

ORGANIZA

COLABORAN

08/08/11

O LIC Carnota-Monte Pindo postúlase como unha das marabillas naturais galegas máis valoradas

Portada da páxina do concurso
Marabillas Naturais de Galicia 2010-2011 é un concurso benéfico que conta coa colaboración dos maiores medios de comunicación de Galicia e Portugal e co patrocinio de importantes entidades e empresas, non está a deixar en mal lugar o LIC Carnota-Monte Pindo. Máis ben ao contrario, no tempo en que se escribe este artigo é a "marabilla natural galega" máis aprezada polos internautas galegos e portugueses, en primeira posición dunha listaxe de 72 espazos naturais nas catro provincias.
A páxina web preséntase en formato flash polo que é difícil ligar aos diferentes apartados de interese, mais para votar pola vosa marabilla natural galega preferida é tan fácil como premer en "Vota" na páxina principal, e unha vez dentro emitir o voso apoio a 3 das 72 opcións, podendo escoller a 1ª, 2ª e 3ª, por orde de preferencia.
LIC Carnota-Monte Pindo
A enquisa, desenvolta pola Obra Social Marabillas Naturais de Galicia, conta co respaldo dos medios galegos e portugueses CRTVG e RTP (televisión), La Voz de Galicia, Faro de Vigo,Galicia Hoxe e Jornal de Notícias (prensa escrita), asi coma co patrocinio da UNESCO, El Corte Inglés, Estrella Galicia e Delta Cafés, entre outros. A iniciativa pretende recadar fondos para dotar dun fogar a 40 familias necesitadas da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Melgaço, Monçao, Vila Nova de Cerveira, Valença, Braga e Viana do Castelo. Asi mesmo, a iniciativa pretende o desenvolvemento substentable dos recursos naturais de Galicia e Portugal e a consevación do medio ambiente.

O concurso fallarase en setembro durante unha gala de premios que terá lugar en PALEXCO (Palacio de Exposicións de Coruña) á que asistirá -din- diversos representantes do mundo da cultura, a política e a arte.

Agardamos ver galardoado o LIC Carnota-Monte Pindo cun recoñemcemento que pode ser preludio da declaración de Parque Natural.

II Edición do Mercado Ecolóxico de Quilmas

Cartel do Mercado
Tras o arrollador éxito da primeira edición desenvolta en xullo, o Mercado Ecolóxico de Quilmas volve á carga... e con plans definitivos para quedarse.

E é que, obedecendo á filosofía propia dos nosos antergos, a organización do evento decidiu que a positiva experiencia se repita no sucesivo coincidindo co ciclo das estrelas, que antigamente servían de referencia aos labregos e aos mariñeiros para fixar as súas tarefas.

Os nosos amigos da Cooperativa Ecolóxica Raínha Lupa explícano do seguinte xeito:
Propuxémonos realizar 7 mercados ecolóxicos tódolos anos. A referencia do 7 é pola importancia que tiveron sempre as estrelas coma indicadoras do paso do tempo e as estacións. Antigamente mirávase para o ceo e determinábanse as épocas de traballo no campo en función das constelacións que aparecían no firmamento. Hai dúas constelacións que fixan o comezo da primaveira e con isto, das segas, das colleitas, e das navegacións polo mar. Orión e Tauro coas Pléyades na punta (grupo de 7 estrelas, as 7 cabuxiñas) que estan visibles dende Abril a Outubro, durante 7 meses. Escollemos pois este periodo de fertilidade e de viaxe para realizaren tamén os mercados en Quilmas. Así que as datas do nosos mercados non teñen perda, basta con ollar cara o ceo e seguir o ritmo das estrelas e da lúa chea.
Non cabe, pois, lugar a dúbidas. O ritmo do firmamento danos cita a todos en Quilmas o 13 e o 14 de agosto (lúa chea) nun extenso programa de actividades que trascenden o propio mercado de produtos ecolóxicos:
PROGRAMA

Sábado 13 de Agosto
  • Mercado ecolóxico tradicional de hortalizas, alimentación ecolóxica e artesanía de proximidade dende as 10:00h ata a tardiña, con parada para o xantar.
  • Degustación dos tomates e o mel de Carnota.
  • Música animosa durante todo o día.
  • Postos informativos de asociacións que defenden o territorio, promoven a biodiversidade e fomentan o consumo responsable, incluíndo por suposto a Asociación Monte Pindo Parque Natural.
  • Barra da Raínha Lupa con produtos biolóxicos e naturais.
  • Diversas posibilidades para xantar, con pulpeira, empanadas, pizzas e outros produtos caseiros.
Domingo 14 de Agosto
  • Mañá: Roteiro reivindicativo "POLA DEFENSA DA TERRA". Percorrido pola COSTA DE QUILMAS, salientando tódolos valores medioambientais, etnográficos e históricos a conservar.
  • Tarde: CINEFÓRUM: "O mundo según Monsanto". Documental que denuncia a influencia negativa sobre a saúde e sobre o medio ambiente dos alimentos transxénicos e herbicidas, así coma suscita á reflexión sobre o presente da agricultura e o futuro das sementes. Posteriormente abrirase un debate guiado por Fins Eirexas, Secretario Executivo de ADEGA.
Posto no Festigal 2011 da AMPPN
Dende a Cooperativa Raínha Lupa e a Asociación Monte Pindo Parque Natural convidámosvos a compartir connosco estas xornadas, pois cremos que vos serán moi proveitosas non só para probar as marabillas froito do traballo ecolóxico do noso agro, senón que tamén nos servirán para descubrir desde outro punto de vista as actividades humanas respectuosas que tamén contribuíron, ao longo dos séculos, a coidar e desenvolver a paisaxe do Monte Pindo e do seu entorno. Agardámosvos en Quilmas!

03/08/11

Búscase esta flor

Detrás da súa impresionante beleza agóchase unha situación desesperada. O Lirio de Monte ou do Xurés (Iris boisseri) é unha planta endémica do noroeste peninsular, catalogada en perigo de extinción que só se conserva teoricamente nas Serras do Xurés e Santa Eufemia (Ourense), no Courel (Lugo) e, xa dentro da provincia da Coruña, no Monte Pindo. E dicimos teoricamente porque hai un tempo que os expertos dan por desaparecida esta especie do Monte Pindo. Só a poboación integrada dentro dos lindes do Parque Natural do Xurés parece atoparse en relativamente bo estado.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural fai un chamamento a todos os amigos do monte, para que teñades un ollo posto nas vosas subidas e nos comuniquedes se tedes noticia dalgun exemplar desta especie no Pindo, onde o seu hábitat prioritario estaría nas fendas das grandes rochas graníticas.

Case sobraría dicilo, pero calquera tipo dano ocasionado a esta ou a calquera especie protexida, e máis aínda atopándose en perigo de extinción como é o caso de iris boisseri, está severamente perseguido e penado pola lexislación vixente con multas de ata 300.000€.

Se localizades exemplares desta especie, documéntao fotográficamente, toma nota da súa posición exacta (a poder ser mediante coordenadas GPS ou referencias visuais fidedignas) e comunícanolo en canto sexa posible.
Datos xerais do Lirio de Monte

  • Nome común: Lirio do Xurés ou Lirio de Monte
  • Nome científico: Iris boisseri Henriq.
  • Altitud: 500-1.450 m
  • Hábitat: Suelos poco profundos desarrollados sobre rocas de granodioritas
  • Fitosociología: Pterosparto lasianthi-Ericetum aragonensis
  • Biotipo: Geófito bulboso
  • Biología reproductiva: Monoica
  • Floración: V-VI (VII)
  • Fructificación: VII-VIII
  • Expresión sexual: Bisexual
  • Polinización: Entomófila
  • Dispersión: Barocoria
  • Nº cromosomático: 2n = 36
  • Reproducción asexual: División del bulbo
Identificación
Geófito con bulbo de túnica membranosa. Hojas dimorfas, las inferiores largas, las distales más cortas, de limbo más ancho, transformándose gradualmente en espatas. Tallo terminado en una sola flor, excepcionalmente dos. Corola violácea, divisiones externas con una franja central amarilla y pelos del mismo color.

Distribución
Galicia y Norte de Portugal. En Galicia está presente en la Sierras de O Xurés y Santa Eufemia y en Baltar (Ourense), en la Serra do Courel (Lugo) y en los Montes do Pindo (A Coruña).
En el norte de Portugal se distribuye por las sierras que hacen frontera con el suroeste de la provincia de Ourense.

Biología
La tasa de formación de semillas oscila entre años consecutivos. Se han observado lirios con más de 40 semillas, lo que debe de suponer un gasto de recursos muy importante para el bulbo, ya que en la época de maduración de las semillas, la parte aérea de la planta ha perdido su capacidad fotosintética.

Hábitat
Suelos poco profundos en claros de brezal de la asociación Pterosparto lasianthi-Ericetum aragonensis subas. pseudarrhenatheretosum longifolii.
En los montes do Pindo (A Coruña) vive en grieta de grandes rocas graníticas. Especies acompañantes en la Serra do Xurés: Ranunculus bupleuroides, Avenula sulcata, Erica australis, Thapsia villosa, etc.

Demografía
Existe variación interanual en la formación de vástagos y floración de esta especie. Esta variación parece relacionada con el éxito y consumo de recursos en la producción de semillas del año precedente. Parecen haber desaparecido las poblaciones situadas a baja altitud, muy especialmente en el entorno de la Serra do Xurés donde existían algunas referencias históricas. De forma generalizada se detecta una declinación importante de sus poblaciones. Sólo la población integrada en el Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés se encuentra aparentemente en buen estado.

02/08/11

Voluntariado no Monte Pindo (II): Roteiro á Braña dos Aguillóns

A Asociación Monte Pindo Parque Natural volve a coller o fouciño o sábado 6 de agosto, como xa fixemos anteriormente na Pedra Cabalgada, para seguir abrindo novas posibilidades de explorar todos os misterios do Monte Pindo.

Nesta ocasión, o roteiro que abriremos levaranos ata os Aguillóns, unha inmensa braña á que se sube desde Caldebarcos e cuxo acceso está na actualidade practicamente intransitable, cousa que agardamos corrixir coa vosa axuda. Ali agardaranos unha sorpresa moi especial que nos reservaremos como recompensa para todos os amigos e as amigas que veñan a axudarnos con esta actividade de voluntariado. Como pista, só dicir que estivo na boca de todos nos últimos días.

Nesta actividade colaboran os veciños de Caldebarcos a través da asociación veciñal Xurde Caldebarcos e a Comunidade de Montes, sempre tan activos na defensa do seu monte e das súas tradicións. Alí nos vemos!
Voluntariado no Monte Pindo: Roteiro á Braña dos Aguillóns
Sábado 6 de agosto

PROGRAMA

10:00h. Saída desde a estrada xeral AC-550 ao seu paso por Caldebarcos (entre os restaurantes O Feitizo e Casa da Crega).

Durante o roteiro iremos limpando o camiño e despois xantaremos na Braña dos Aguillóns.

Despois do xantar desenvolveremos diversas actividades de lecer, antes de comezar a descender.

Os e as asistentes deberán traer:
  • Fouciño (ou outro enser para o desbroce) e luvas de protección.
  • Mochila con cando menos xantar e bebida.
  • Calzado cómodo e roupa acaída ás condicións meteorolóxicas do día.
Confirma a túa asistencia en Facebook, escribindo a info@montepindo.org ou chamando ao 651 376 769.