29/07/11

Os veciños dos barrios de Monte Alto e Palavea (A Coruña) queren o Parque Natural do Monte Pindo

Torre de Hércules, Patrimonio da Humanidade
Os apoios seguen chegando, incluso desde os sitios máis alonxados e a pares. Son agora os veciños de dous dos barrios máis populosos da cidade da Coruña os que se suman á declaración de Parque Natural para o Monte Pindo.

As directivas da Asociación de veciños Atocha, Monte Alto e Torre de Hércules asi como da ARCD Palavea Bravú acordaron trasladarnos os seus respectivos apoios ao Monte Pindo e axudarnos a difundir a nosa causa na capital provincial. Ademais xa están estudando organizar visitas dos seus asociados e asociadas a este cume máxico de 627 metros de altura a rentes do mar.

Estes novos apoios coinciden no tempo coa protección legal do Carballo Anano do Monte Pindo, un fito para o noso medio natural por verse traducida na garantía de futuro para esta especie que só pervive en certas partes do Olimpo Celta, e prodúcense xusto un ano despois da declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade.

Agardamos que o apoio destes dous importantes colectivos coruñeses sumen o seu ánimo e sorte á causa da protección e desenvolvemento do Monte Pindo carnotán, e saudamos a loable e intensa actividade social que veñen desenvolvendo nos seus respectivos barrios, e que podedes coñecer nas súas páxinas web.