No ano 1931 o "Hussar V", un impresionante veleiro de 4 paos e 110 metros de eslora, bicou por primeira vez as augas de Kiel (Alemaña) para non deixar desde entón de surcar os océanos de todo o mundo, para orgullo dos seus promotores, E. F. Hutton, daquela magnate de Wall Street, e a súa dona, Marjorie M. Post, herdeira dun importante emporio dos cereais. E é que a visión de 3 mil metros cadrados de tea empurrando tal navío a toda vela non é para menos.

Tras o divorcio do matrimonio, o navío serviu á dona e á súa filla para visitar os máis paradisiacos paraxes do planeta, xa rebautizado como Sea Cloud (o seu nome actual), e chegou a ser embaixada oficial dos Estados Unidos, salvavidas de magnates en bancarrota, buque da Garda Costeira americana, localizador de submarinos durante a Segunda Guerra Mundial e incluso buque de observación meteorolóxico...
Restaurado e actualizado por completo en 1979 con todas as novidades tecnolóxicas coma a comunicación por satélite, 80 anos despois o Sea Cloud segue a escribir páxinas nos libros de historia, aos que xa pode engadir a súa visita de hoxe ao Olimpo Celta.
Desde esta ligazón da web MarineTraffic.com podedes seguir en tempo real todas as peripecias deste histórico navío, aínda que de seguro serán moito máis intensas e envexables as sensacións que estarán vivindo neste mesmo intre os seus afortunados tripulantes.
Fotos: David Trillo