14/06/11

A AAVV Os Castros de Pontedeume arrima o ombro polo Parque Natural no Pindo

Hoxe traemos a este espazo un novo apoio ao Parque Natural do Monte Pindo: e dicímolo no sentido literal da palabra: esta fin de semana varios autobuses do colectivo que vos imos presentar arribaron en Carnota para coñecer todos os secretos do Olimpo Celta, visita guiada na que estiveron acompañados por membros da Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Trátase da Asociación de Veciños Os Castros, creada hai máis de 30 anos, que agrupa a máis dun cento de veciños de Centroña, unha fermosa parroquia costeira de medio milleiro de habitantes situada no leste do concello de Pontedeume, e cuxo obxetivo é dinamizar esta poboación organizando actividades populares tan diversas como cabalgada de reis, entruido, campionatos deportivos de todas as disciplinas, obradoiros de costura, cociña e ximnasia, e un longuísimo etcétera nos que non podían faltar roteiros por espazos naturais de toda Galicia.

Pola súa privilexiada ubicación costeira, Centroña destaca polas súas praias, pero non só: a súa igrexa románica e os seus castros de Castrelo e O Portiño, onde se atopou un torques de ouro, e a súa proximidade ao torreón dos Andrade ou á capela de San Miguel, datada no século XI, poden falar mellor que nós do esplendoroso pasado desta paraxe.

Mais no que se cingue estrictamente á nosa causa, o apoio e a visita deste colectivo ten unha relevancia fundamental: e é que Centroña atópase situado a carón do Parque Natural das Fragas do Eume. É destacable que un colectivo veciñal tan directamente "afectado" pola proximidade dun Parque Natural non só non o critique senón que incluso organicen saídas para visitar outros espazos naturais de Galicia que aspiran a obter o mesmo recoñecemento, como é o noso caso.

Esperamos que cos folgos da AAVV Os Castros, asi como cos da inmensa maioría da sociedade que xa se posicionou a favor, o noso Parque Natural do Monte Pindo esté cada día máis preto de situarse á altura do seu impresionante e máxico Parque Natural das Fragas do Eume.