
Trátase da Asociación de Veciños Os Castros, creada hai máis de 30 anos, que agrupa a máis dun cento de veciños de Centroña, unha fermosa parroquia costeira de medio milleiro de habitantes situada no leste do concello de Pontedeume, e cuxo obxetivo é dinamizar esta poboación organizando actividades populares tan diversas como cabalgada de reis, entruido, campionatos deportivos de todas as disciplinas, obradoiros de costura, cociña e ximnasia, e un longuísimo etcétera nos que non podían faltar roteiros por espazos naturais de toda Galicia.
Pola súa privilexiada ubicación costeira, Centroña destaca polas súas praias, pero non só: a súa igrexa románica e os seus castros de Castrelo e O Portiño, onde se atopou un torques de ouro, e a súa proximidade ao torreón dos Andrade ou á capela de San Miguel, datada no século XI, poden falar mellor que nós do esplendoroso pasado desta paraxe.
Mais no que se cingue estrictamente á nosa causa, o apoio e a visita deste colectivo ten unha relevancia fundamental: e é que Centroña atópase situado a carón do Parque Natural das Fragas do Eume. É destacable que un colectivo veciñal tan directamente "afectado" pola proximidade dun Parque Natural non só non o critique senón que incluso organicen saídas para visitar outros espazos naturais de Galicia que aspiran a obter o mesmo recoñecemento, como é o noso caso.
Esperamos que cos folgos da AAVV Os Castros, asi como cos da inmensa maioría da sociedade que xa se posicionou a favor, o noso Parque Natural do Monte Pindo esté cada día máis preto de situarse á altura do seu impresionante e máxico Parque Natural das Fragas do Eume.