
Se no caso do PSOE (no que entraremos polo miúdo máis adiante) esquivan referirse á proposta de Parque Natural, o candidato do PP á alcaldía de Carnota, José Oreiro Rodríguez, asegurou nun debate televisado que o PP pretendería valar o Monte Pindo para convertelo un couto de caza maior, abrindo para o groso da cidadanía só algúns días (non vos lembra a algo?).
Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural queremos expresar a nosa absoluta indignación por semellante aberración e que aínda por enriba a difunda en público, menosprezando aos colectivos que amamos e procuramos día a día a protección e o desenvolvemento do Monte Pindo.
Asi mesmo, lamentamos que desde a clase política se neguen a tan sequera escoitar as voces máis vencelladas coa defensa deste Monte.
No ano 2007 o PP prometiu o que agora combate
A indignación que compartimos coa maioría da veciñanza medra aínda máis por saber que unha das propostas do programa do PP de Carnota no ano 2007 foi, nin máis nin menos, o Parque Natural do Monte Pindo. Aquí tedes a proba.
