Sen embargo este logro histórico, anunciado en primicia por Que pasa na Costa e capturado polo lente do fotógrafo Marcos Rodríguez, non foi gratuito, senón que houbo que agardar a que por imperativo legal a empresa se vira obrigada a respectar o caudal ecolóxico. Para iso fixeron falta anos de loita ecoloxista esixindo a fin deste desleixo e que dunha vez volvese a vida á maxestuosa fervenza, xa sen peaxes nin horarios de visita ridículos que nos converteron no faimerir do mundo enteiro.
Esa loita firme hai medio ano decidimos continuala un grupo de veciñas e veciños constituíndonos na Asociación Monte Pindo Parque Natural, que desde entón non deixou de medrar en apoios, traballar e ilustrar as problemáticas deste espazo, probando que a defensa do noso medio natural é cousa de todos e non se debe deixar ao azar nin confiala sen máis aos gobernos de turno, que moitas veces non se rexen precisamente polos factores que resulten máis beneficiosos para o monte e nin sequera para as súas poboacións.
Esta pequena vitoria, que de seguro non será a última, ábrenos novos interrogantes, que polo momento nin a administración nin a empresa tiveron a axilidade ou a dilixencia de aclarar:
- É esta apertura definitiva?
- Remataronse por fin os vergonzosos horarios de apertura?
- Prevese ampliar o caudal a -cando menos- o mesmo que tiña cando abría "para os turistas"?
- Farase extensivo este aparente cambio de actitude tamén aos proxectos de novas minicentrais na carballeira de Anllares?
- Cando deixarán de entregarse os nosos recursos naturais máis prezados e potenciais para o único beneficio dunha empresa privada?