11/03/11

En vez dun parque natural a Xunta pretende crear parques eólicos no Monte Pindo

Por fin comezamos a comprender por que nos din que o Parque Natural "non está na axenda da Xunta" nesta lexislatura. Só 3 meses despois de negarse a declarar o Parque Natural no Monte Pindo, agora a Xunta sácase da manga 3 parques eólicos que levaban máis de 6 anos no caixón e foran concedidos sen concurso nos últimos días do executivo de Manuel Fraga.

A Xunta acaba de darlle luz verde a Eurovento para continuar coa tramitación dos vetustos proxectos cunha declaración de impacto ambiental -que sería redactada pola propia empresa-, ignorando asi a labor dos colectivos que nos esforzamos por protexer, dar a coñecer e poñer en valor o Monte Pindo para mellorar a vida de veciños e visitantes. A Xunta non só antepón intereses empresariais e económicos aos dos veciños, senón que entrega a unha empresa nada menos que o poder de modificar ao seu antollo a paisaxe de toda a zona.

Os muiños de vento nin sequera respectan as zonas que xa están protexidas, chegando a invadir as inmediacións do Camiño de Santiago, dominios recollidos na proposta de ampliación do LIC Carnota-Monte Pindo, zonas de petroglifos, dolmes e mámoas, e incluso hábitats prioritarios e humidais inventariados. Todo isto a pesar de que a propia empresa recoñece o inmenso impacto desta instalación, pero excúsase en que xa hai instalacións similares na zona e en "completar a potencia concedida" -engadimos nós: fraudulentamente- "no seu momento".

As entidades que defendemos o Monte Pindo recordamos que a zona xa está ateigada destas instalacións que apenas repercutiron na mellora real da calidade de vida do entorno, e esiximos que se permita repotenciar a esta empresa outros parques eólicos onde o dano paisaxístico e ambiental sexa menor, e que non invada espazos con tantas posibilidades de desenvolvemento futuro como é o do Monte Pindo, pois este aspira a converterse antes que despois en Parque Natural, idea que é apoiada pola práctica totalidade dos expertos, científicos, asociacións e mesmo pola sociedade, non sendo unha realidade aínda por unha clara falta de vontade política.

Asi mesmo, denunciamos que, se ben os danos serán para toda a vida, a vida dun executivo que apoia parques eólicos e rexeita parques naturais pode durar tan só 4 anos, polo que unha decisión deste tipo debe tomarse moi meditadamente, a medio-longo prazo, e non reciclando vellos proxectos esquecidos sobre os que ademais recaen serias sospeitas de fraude.

De pretender proseguir con esta barbaridade, atoparanse con nós de fronte.